Temas: LUMES INCENDIOS

A Fiscalía sospeita que existiu planificación criminal coordinada na vaga de incendios

Apunta "a posibilidade dunha actuación criminal máis aló da de autores ocasionais" pola forma, métodos, espazos e simultaneidade, polo que abre dilixencias de investigación penal.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/10/2017 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

A Fiscalía Superior de Galicia abriu dilixencias de investigación penal destinadas a esclarecer se na onda de incendios forestais que se rexistrou en Galicia durante a semana do 8 ao 15 de outubro, con particular virulencia o sábado e o domingo, "existen indicios dunha planificación coordinada na orixe dos devanditos sinistros".

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O decreto de incoación das dilixencias, asinado polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, lembra as graves consecuencias dos incendios, que provocaron catro mortes, miles de afectados, risco de propagación en zonas urbanas con perigo real para persoas e bens, evacuacións, así como extensas superficies queimadas no catro provincias galegas, especialmente as de Pontevedra, Ourense e Lugo, con grave afección a zonas de alto valor ecolóxico.

Ante a grande alarma social causada, e "sen prexuízo das investigacións que tramiten os diversos xulgados de instrución do territorio para determinar os autores, partícipes e demais particularidades de cada evento criminal acoutado espacialmente, da súa exclusiva competencia", a Fiscalía considera necesario investigar se "os numerosos incendios orixinados obedecen a unha iniciativa criminal complexa de grupos con intencionalidade que persigan obxectivos supraindividuais".

O decreto de incoación das dilixencias recolle nos seus fundamentos de dereito que, ademais das causas tradicionais dos incendios, a forma en que estes se produciron, os métodos utilizados, os espazos afectados e a simultaneidade en períodos temporais "fan pensar na posibilidade dunha actuación criminal máis aló da de simples autores ocasionais con perfís criminolóxicos coñecidos", polo que é necesario levar a cabo as indagacións necesarias que permitan esclarecer os feitos.

Con este obxectivo, a Fiscalía dirixirase ás autoridades policiais con competencias en materia de incendios, é dicir, Policía Autonómica (Unidade Adscrita á Xunta da Policía Nacional), Garda Civil e Corpo Nacional de Policía, para que elaboren un informe detallado sobre os feitos descritos. Tamén se solicitará a colaboración da Consellería de Medio Rural.

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez

DILIXENCIAS REALIZADAS EN 2006

Tras a onda de incendios forestais rexistrada no verán de 2006, a Fiscalía abriu unhas dilixencias similares para investigar a existencia dunha trama organizada, aínda que tras a exhaustiva análise realizada (circunstancias nas que se produciron os incendios, zonas afectadas, perfís dos incendiarios, etcétera) non se puido determinar entón a existencia dunha actividade criminal coordinada.

Os datos da investigación foron actualizados e analizados anualmente, con idéntico resultado. Porén, pasados 11 anos daqueles feitos, a Fiscalía considera necesario establecer de novo un diagnóstico "certeiro" ante a grave situación creada durante os últimos días, co obxectivo de "despexar incógnitas e acertar nas medidas de prevención e resposta fronte aos incendios forestais".

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Eu, que xa abonda

Hai que lle salvar o cú ao Presidentiño. Moita sorte, xa detiveron ao primeiro terrorista, van ben. Poden extender a investigación a Asturias e Portugal