Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/10/2017 | Actualizada ás 08:00
Os orzamentos que a Xunta de Galicia presentou para o 2018 manteñen conxeladas as partidas orzamentarias destinadas a financiar as brigadas de extinción de incendios (de SEAGA) e tamén as partidas destinadas aos convenios con concellos para a defensa contraincendios. Unha situación que non entenden os traballadores de SEAGA, a empresa que se encarga de xestionar a loita contra o lume no rural galego.
Así, a partida 551B, destinada a Accións preventivas e infraestrutura forestal está dotada coa mesma cantidade en 2018 que contaba en 2017, 16.685.000 millóns de euros. Nesta partida están incluídos os convenios cos concellos en materia de defensa contraincendios forestais. Esta partida ofrece ademais unha particularidade, está dividida en dúas partes, a primeira destinada propiamente a concellos e a segunda a accións preventivas aos danos causados nos incendios. O montante destinado aos convencios cos concellos baixa un millón de euros con respecto a 2017 mentres que a outra sobe un millón.
Mesmas partidas
A pesar de que na xustificación dos orzamentos, o goberno da Xunta explica que pretende mellorar a "coordinación e apoio entre administracións, especialmente entre as municipais", a pesar de que na mesma xustificación se anuncia unha "profesionalización do dispositivo contraincendios" a realidade orzamentaria que ofrecen as cifras é que as partidas destinadas a cumprir estas intencións están conxeladas e presentan os mesmos números nos orzamentos de 2017 e 2018.
A conxelación dos orzamentos destinados ao persoal de extinción de incendios, no capítulo destinado aos gastos de personal de Seaga tamén está conxelado para o vindeiro ano, ofrecendo a mesma cifra que xa tiña no anterior orzamento, 6.107.553. En Marea denuncia que a Xunta “ignora a nova realidade dos incendios e, por iso, conxela as partidas destinadas ao persoal de SEAGA”.
Críticas
“A cuestión non son os cartos, senón en que se adican”, denuncia Josafat Puentes, presidente do Comité de Empresa de SEAGA en Pontevedra. En declaracións a GC, Puentes insiste en que a Xunta ten que gastar o diñeiro en “prevención” e non en “extinción”. “O que habería que facer é prever, ter un servizo profesional todo o ano e público e non pode ser que sexa unha empresa privada que leve todo”, denunciou.
Ademais, critica a Medio Rural por enfocar a loita contra os lumes “en función das predicións atmosféricas”. “Tampouco pode ser que todo un dispositivo contra os incendios se basee sempre no tempo”, criticou. “E cada 15 días ver que decide a consellería ao respecto e se mantén ou non as brigadas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.