Temas: XIHADISMO EUROPA

Cales son os perigos das detencións indiscriminadas por sospeitas de “radicalización”

John Vervaele, experto europeo en terrorismo advirte do perigo de encadear persoas “simplemente por radicalizarse” e aposta por un "traballo de seguimento e moito labor social e educativo".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 29/10/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

“O que debería penalizarse son as condutas ilícitas constatables, feitos que xa se cometeron e que fan dano á sociedade, non criminalizar a ideoloxía. Isto pode ser certamente perigoso”. É a opinión do profesor da Universidade de Utrech John Vervaele, actual presidente da Asociación Internacional de Dereito Penal (AIDP), que esta semana abriu o programa das I Xornadas de Internacionalización da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O profesor da Universidade de Utrech John Vervaele, actual presidente da Asociación Internacional de Dereito Penal (AIDP)
O profesor da Universidade de Utrech John Vervaele, actual presidente da Asociación Internacional de Dereito Penal (AIDP) | Fonte: Duvi

Como pode actuar o Dereito ante un terrorismo de carácter transnacional que esixe unha resposta a nivel internacional? De que maneira pode responder o sistema penal fronte a este novo tipo de ameaza? Estas foron algunhas das preguntas que tratou de responder Vervaele, un dos maiores expertos cos que se conta en Europa nestas cuestión.

“Nos últimos anos tivemos a desgraza de vivir un gran número de atentados terroristas, tanto en Siria como aquí en Europa e tamén no resto do mundo e debemos reflexionar sobre as medidas que tomaron os diferentes gobernos internacionais, a Organización das Nacións Unidas e a Unión Europea para contrarrestar este fenómeno”, indicou Vervaele ao público que asistiu á conferencia, maioritariamente alumnas e alumnos do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito. 

Temos que formularnos se estas medidas, dentro do que é o Dereito Penal, teñen ou non sentido”, recalcou o experto, ao tempo que admitiu ser bastante crítico con algunhas medidas “no senso de que estamos a criminalizar o que en Dereito se chama o dereito penal do autor, é dicir, o propio pensamento da xente, e o que debería penalizarse son as condutas ilícitas constatables, feitos que xa se cometeron e que fan dano á sociedade, non criminalizar a ideoloxía. Isto pode ser certamente perigoso”. 

Sen deixar de cualificar o radicalismo como un problema grave, o experto fixo fincapé en que o Dereito Penal “non é o camiño idóneo para solucionalo”, senón que, pola contra, “ten que haber detrás un traballo de seguimento das mozas e mozos, moito labor social e educativo e probablemente tamén unha tarefa importante por parte dos servizos secretos, pero o que non podemos facer é penalizalos de antemán”, recalcou, ao tempo que fixo fincapé en que “mandar á cadea a mozas e mozos porque se radicalicen, sen que teñan cometido ningún feito delituoso non penso que sexa, precisamente, o máis conveniente para resolver o problema de terrorismo internacional que vivimos na actualidade”, recalcou o docente.

As I Xornadas de Internacionalización da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ten un programa que se prolongará ata o vindeiro mes de decembro e que traerá ao centro dez especialistas de diferentes institucións europeas e americanas que achegarán ao alumnado e persoal docente vigués a perspectiva internacional das principais materias coas que están acostumados a traballar.

Temas: XIHADISMO EUROPA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta