Temas: SANIDADE SAúDE

A Xunta pon en marcha unha unidade de Oncoloxía Pediátrica para abordar os cancros infantís

Os casos de cancro en menores de 19 anos constitúen a segunda causa de morte na infancia e adolescencia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 31/10/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Xunta porá en marcha unha Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia para atender de forma homoxénea e integral os procesos de oncoloxía pediátrica en Galicia cunha carteira de servizos protocolizada tanto en actividade programada como urxente. Unha unidade que tentará atender a un fenómeno de gran impacto social como son os cancros infantís.

MR-CAT, un novo sistema de diagnóstico de cancro no CHUVI
MR-CAT, un novo sistema de diagnóstico de cancro no CHUVI

E o certo é que os casos de cancro en menores de 19 anos son poucos (en Galicia aproximadamente 50 casos novos por ano), pero constitúen a segunda causa de morte na infancia e adolescencia. Actualmente é curable en máis do 75% dos casos e a melloría nestas taxas de supervivencia acádase cun diagnóstico precoz e co tratamento en unidades asistenciais acreditada e con experiencia. O seguimento dos pacientes tratados de cancro infantil non remata no momento en que se fai o tratamento. 

Segundo a Xunta, cada vez son máis os pacientes infantís superviventes de cancro infantil que precisan un seguimento continuado a longo prazo, próximo, coordinado e superespecializado, e tamén minimizar o risco de sufrir secuelas ou problemas de saúde secundarios ao tratamento recibido.

Novo modelo 

“Este modelo unirá en rede os hospitais de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo o que mellorará a calidade na atención sanitaria aos pacientes infantís con cancro, servirá de apoio aos profesionais sanitarios implicados no seu tratamento e potenciará a innovación e investigación no ámbito do cancro infantil”, indicou Sanidade ao respecto.

E o certo é que o obxectivo do Sergas é que a Unidade de Oncoloxía Pediátrica funcione como unha área de servizo compartido que aúne os recursos físicos e materiais dedicados ao tratamento do cancro nestes hospitais. Por iso, para coordinar o seu funcionamento, créase unha única comisión de dirección que valorará cada caso concreto e se proporá que a atención sexa realizada polos profesionais e os centros de referencia máis indicados segundo cada paciente. Ademais de dirixir a actuación de todos os procesos oncolóxicos pediátricos que se estuden ou traten no Sergas, a Comisión de Dirección tamén elaborará os protocolos de xestión de pacientes e coordinará os recursos da rede asistencial, entre as súas actuacións máis importantes.

As diferenzas na abordaxe dos casos son o problema fundamental que están a observar todos os servizos de saúde do noso contorno. Con este sistema organizativo que busca tratamentos totalmente homoxéneos, Galicia dá un paso ao fronte no sentido de que axiña o farán a maioría dos servizos de saúde”, indicou. 

Temas: SANIDADE SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta