O derbi queda en Compostela

O Santiago Futsal gaña 6-4 ao Parrulo Ferrol e acada a primeira vitoria da Liga, que lle serve para abandonar os postos de descenso. Os de Santi Valladares remontaron tras encaixar dous goles no primeiro minuto.

Por gcdeportes | Santiago | 01/11/2017 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Santiago Futsal 6:
Iago Barro, David Palmas, Hugo Sánchez, Álex Verdejo e Antonio Diz –cinco inicial- Catela, Álex Diz, Santi, Álex Velasco, Armando e Zequi.
O Parrulo Ferrol 4: Illi, Diego, Isma, Miguel e Cristian Rubio -cinco inicial- Raya, Íñigo, Dani Montes, Brais (ps), Chicha, Álex Durán e Rubi.
Goles: 0-1: Miguel (minuto 1). 0-2: Cristian Rubio (minuto 1). 1-2: Catela (7’). 2-2: Álex Diz (16’). 3-2: Catela (17’). 3-3: Dani Montes (18’). 4-3: Armando (24’). 5-3: Santi (27’). 5-4: Dani Montes (33’)  6-4: David Palmas (39’).
Árbitros: Cid Bragado e Martínez Torres. Expulsaron a Álex Verdejo con dobre tarxeta amarela no Santiago Futsal e a Illi con vermella directa no Parrulo Ferrol. Amarelas a David Palmas, Zequi e Antonio Diz nos locais e a Isma, Chicha, Diego Nuñez e Cristian Rubio nos ferroláns.
Incidencias: partido da 8ª xornada da LNFS disputado no Multiusos Fontes do Sar con arredor de 2.200 espectadores.

Os xogadores do Santiago Futsal celebran un gol no derbi.
Os xogadores do Santiago Futsal celebran un gol no derbi. | Fonte: @SantiagoFustal

Espectáculo e emoción no primeiro derbi galego entre Santiago Futsal e O Parrulo na máxima categoría. Buscaban os ferroláns o empate con xogo de cinco, cando un erro na circulación propiciou o gol de David Palmas que sentenciou o choque. 6-4 para os composteláns, que acadan a primeira vitoria na liga, tres puntos que lle serven para deixar os postos de descenso. Os de Santi Valladares suman 4 puntos, por 2 (dous empates) os de Diego Ríos.

E iso que o arrinque dos composteláns foi pésimo. Todo o contrario que O Parrulo: en menos dun minuto, dous goles visitantes. Aos 25 segundos, Miguel, e con apenas 55, o 0-2 de Cristian Rubio. E puideron marcar máis os ferroláns, Dani Montes ao pau e outro disparo de Cristian Rubio, con perigo en cada rápido ataque.

Unha decisión arbitral, moi protestada polo Parrulo, mudou o guión do partido: expulsión do meta Illi por deter o balón coas mans no bordo da área e Catela que fai o 1-2 no lanzamento de falta. A acción descentrou os de Diego Ríos, e Santiago aproveitou para facerse co dominio do encontro. Catela avisou con dúas ocasións antes de que Álex Diz firmase o empate no 16’.

Os árbitros compensaron a expulsión de Illi e amosaron a segunda amarela a Álex Berdejo. Con inferioridade numérica, contra compostelá e sexta falta do Parrulo. Catela aproveita o dobre penalti para facer o 3-2 e selar a remontada. Pero apenas un minuto despois, o ex de Santiago Futsal Dani Montes marcou para O Parrulo o 3-3 co que se chegou ao descanso.

Álex Diz e o banco local celebran un gol ante O Parrulo.
Álex Diz e o banco local celebran un gol ante O Parrulo. | Fonte: @SantiagoFutsal

Trala reanudación, seguiu o dominio compostelán. No minuto 24, unha xogada de Catela pola dereita, acabou en centro ao segundo pau onde apareceu Armando para poñer o 4-3. O minuto 27 foi decisivo para o devir do partido: Iago Barro detivo o disparo de Cristian Rubio no man a man co porteiro local e Santi, tras un roubo de balón e parede con Álex Diz, fixo o 5-3 para os composteláns. O Parrulo acusou o golpe, pero de novo Dani Montes, coa maxistral execución dunha falta, fixo o 5-4 e puxo a emoción para a recta final do derbi. Isma tivo o empate pero o seu lanzamento petou no traveseiro. O Parrulo apostou polo xogo de cinco e Santiago cometeu a quinta falta. Pero os ferroláns precipitáronse na circulación da pelota e, no minuto 39, David Palmas fixo o 6-4 definitivo dende medio campo tras un roubo.

“Eramos os dous últimos equipos da táboa, pero somos dous equipos moi grandes”, dixo Santi Valladares ao remate, tras loubar a valentía e o compañerismo dos seus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta