Santiago de Compostela | 02/11/2017 | Actualizada ás 16:05 por EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu por feito que o xuíz ten "información" que xustifica a decisión de que o home detido polo incendio dunha hectárea nos Blancos (Ourense) siga no cárcere --o xulgado de Xinzo ditou hai dúas semanas prisión provisional sen fianza para este home de 55 anos--.
"Supoño que o xuíz ten información para adoptar ese auto de prisión", defendeu Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo.
"Hai cousas que saen por aí dicindo que se o problema era que estaba a asar uns chourizos ou non; dáme a sensación de que iso é unha información incompleta e chamo a atención de que se informe adecuadamente porque non se trata diso, trátase dalgunha cousa máis", engadiu, o presidente, a continuación.
Feijóo engadiu que tamén lle "sorprende" que haxa "xente" que estea a favor das medidas preventivas "para algúns incendiarios si e para outros non", en función de "determinadas particularidades da persoa" que presuntamente cometeu o delito.
De feito, aludiu á anciá investigada na localidade pontevedresa de Mos, "unha persoa maior con problemas serios de convivencia familiar" e sinalou que, polo momento, o xuíz non decidiu ordenar o seu ingreso en prisión.
"NÓS NON TEMOS AMIGOS, TEMOS INCENDIARIOS"
"Pero nin eu son xuíz, nin coñezo o sumario, nin me corresponde a min tomar a decisión, só chamar a atención sobre algunhas informacións e posicionamentos políticos. Se hai algún amigo non pode ir ao cárcere e outros si", remarcou.
"Nós non temos amigos, temos incendiarios que cometen delitos de orde pública, e os actos non se poden quedar nunha reprimenda", concluíu.
COMISIÓN DE ESTUDO
Por outra banda, o presidente galego e líder do PPdeG eludiu pronunciarse sobre a petición dunha comisión de estudo na Cámara pola vaga de incendios que afectou á comunidade a mediados de outubro e que demanda toda a oposición.
Feijóo remitiu á comparecencia do próximo martes no Parlamento. "Ese será o momento de falar diso e non este xoves en San Caetano", esgrimiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.