Temas: PREMIOS

Impulsando o galego desde as empresas

Cámara e Concello de Santiago presentan o Premio Manuel Beiras 2017, destinado a salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/11/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Manuel Beiras, egrexio galeguista e pai de Xosé Manuel Beiras, foi tamén un gran emprendedor que concebía o negocio como unha parte fundamental da lingua, e a lingua como negocio. Por iso, se puxo en marcha un premio que leva o seu nome e que ten coma finalidade, precisamente, salientar o esforzo das empresas na normalización lingüística, e lembrar a figura deste histórico comerciante compostelán e destacado loitador en prol da lingua e a cultura galegas.

Presentación do premio Manuel Beiras
Presentación do premio Manuel Beiras | Fonte: Cámara de Santiago

O vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez, e o alcalde da cidade, Martiño Noriega, presentaron hoxe na entidade cameral unha nova edición, a número XVIII, deste premio de recoñecemento ao uso do galego no sector empresarial. O obxectivo é distinguir aquelas empresas que fagan un uso normalizado da lingua galega nas súas actividades comerciais e de comunicación. Posto que ten carácter de distinción pública, o galardón materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico que lle será entregado ás persoas ou entidades premiadas, sen que leve engadida ningunha contía económica.

Evaristo Noriega salientou a maioría de idade e a boa saúde do recoñecemento que pretende potenciar o uso do galego no sector empresarial. Pola súa banda, o alcalde sinalou que o premio ten cada ano máis empresas interesadas en candidatarse, pero a mala noticia é que “aínda son necesarias iniciativas como esta, o que demostra que queda moito que facer para normalizar e sensibilizar no uso do galego no ámbito empresarial da cidade”.

O Premio convócase en dúas categorías: "Empresas que veñan realizando un uso continuado da lingua galega" e "Empresas que se incorporaran recentemente ao uso do galego". Tamén se poderá outorgar unha distinción especial ás persoas ou entidades que se destacaran pola súa contribución á normalización da lingua no mundo empresarial.

Temas: PREMIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta