Finsa promete 300 empregos directos coa ampliación da fábrica en Santiago

A madeireira compra unha superficie de 205.000 metros cadrados para renovar as súas instalacións no parque empresarial da Sionlla.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2017 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A empresa de transformación madeireira Finsa ampliará as súas instalacións no parque empresarial compostelán da Sionlla —propiedade da Xunta—, onde comprou unha superficie de 205.000 metros cadrados que suporán un investimento de 280 millóns de euros e que xerarán "uns 300 empregos directos".

Ethel Vázquez visita Finsa
Ethel Vázquez visita Finsa | Fonte: Europa Press

Diso deu conta a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, quen, acompañada polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, visitou este venres as instalacións da madeireira.

Alí, Vázquez destacou que a compra dos terreos do parque da Sionlla por parte de Finsa servirá "para incrementar a capacidade de produción" da compañía, que tamén dedicará parte das súas novas instalacións "á innovación tecnolóxica".

Deste xeito, a multinacional madeireira adquire un espazo de 205.00 metros cadrados que suporán un desembolso de 280 millóns de euros para a renovación e ampliación das súas instalacións, que permitirá a creación de 300 postos de traballo directos.

Esta superficie eleva a 360.000 metros cadrados os adxudicados nos dous últimos anos no polígono da Sionlla o que, en palabras de Vázquez, "confirma o gran dinamismo deste parque".

Nesta liña, a titular de Infraestruturas destacou que as bonificacións do 30 por cento ás empresas que apostan por comprar espazos na Sionlla e a "posibilidade do dereito de superficie" son algunhas das medidas impulsadas desde a Xunta que axudaron a "dinamizar" o sector industrial en Galicia.

"IMPULSO DEFINITIVO"

"Este é o impulso definitivo para o polígono da Sionlla. En toda Galicia, estes incentivos deron resultados. Adxudicamos máis dun millón de metros cadrados nos parques industriais da Xunta", remarcou.

A continuación, Ethel Vázquez sinalou que o Goberno galego continúa traballando "para que as empresas se decanten por Galicia" e decidan "crecer" aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta