A Audiencia ordena seguir investigando a adxudicación das ambulancias do 061 por 121,6 millóns

Agarda un informe policial "esencial" e desestima o recurso do técnico investigado, que se opuña a ampliar o prazo de instrución.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2017 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial da Coruña avala seguir investigando se houbo prevaricación na adxudicación dun concurso de ambulancias da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 no ano 2014 e cuxo montante ascende a 121,6 millóns de euros; e esgrime que o informe policial que está pendente resulta "esencial" para os fins da investigación, o que xustifica ampliar o prazo de instrución.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: Europa Press

Así o certifica no auto do 6 novembro, ao que tivo acceso Europa Press, no que desestima o recurso de apelación presentado polo técnico responsable de transporte do 061 M.A.M., quen actuou como evaluador dos vehículos e é o único que, polo momento, declarou en calidade de investigado no marco da causa.

A súa defensa recorrera a decisión do Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago de ampliar de novo o prazo de instrución até 18 meses, a contar desde a data de expiración do prazo da declaración de complexidade --o 6 de xuño--.

Entre outras cuestións, esgrimía a tardanza das dilixencias e alertaba dos efectos que as "dilacións" poderían ter no seu defendido, así como dos riscos da "pena de 'banquillo'". O fiscal Álvaro García Ortiz opúxose ao recurso e instou a continuar a investigación.

Agora, a Audiencia desestima o recurso e subliña que o caso en cuestión é unha investigación declarada complexa, que ten o fin de aclarar se houbo información privilexiada e a Administración puido usar pregos facilitados por "unha das persoas que posteriormente participou na licitación" do concurso de ambulancias e da que se di que, "antes da licitación, xa preparara os vehículos de acordo con ese prego".

O calado do caso, segundo o auto da Audiencia, "xustifica excepcionalmente a ampliación do prazo de instrución", fixando un novo prazo máximo para a súa finalización. Non en balde, está pendente un informe policial ampliatorio que a Audiencia recoñece como "dilixencia fundamental". E é que ao seu resultado, por exemplo condiciónanse as novas dilixencias que reclama o empresario lucense que denunciou as supostas irregularidades no concurso e que, inclúen, entre outras, a petición de que declare como investigado o director do 061, José Antonio Iglesias.

"NON EXISTIU DESIDIA"

O auto da Audiencia, contra o que non cabe recurso ordinario, incide, ademais, en que "non existiu desidia ou abandono" por parte do xulgado e engade que non constan os motivos polos que o informe policial ampliatorio pendente aínda non foi emitido.

"Si se sabe", esgrime en todo caso, que para a elaboración dese informe "debíanse solicitar datos" da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e que o contido do mesmo é "esencial" para os fins da investigación.

Este feito "xustifica a nova ampliación do prazo de instrución" dunha causa declarada complexa, sen que iso --argumenta-- "supoña necesariamente conculcar o dereito constitucional do recorrente" a un proceso "sen dilacións indebidas".

"E sen que nesa decisión poida influír a falta de obstaculización do recorrente á actividade investigadora", resolveu.

SUPOSTA INFORMACIÓN PRIVILEXIADA

O xulgado compostelán abriu a causa sobre a adxudicación do servizo de transporte sanitario urxente por mor da denuncia de supostas irregularidades que formalizou José Domingo Rodríguez, un empresario lucense excluído do concurso. Fíxoo a instancias da Fiscalía, que recomendou en outubro de 2015 a admisión a trámite da denuncia.

Os feitos arrincaron o 26 de novembro de 2014, cando a Fundación 061 publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) os pregos de condicións relativos á licitación pública, por procedemento aberto, para a contratación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre.

A prestación do servizo e a presentación de ofertas dividiuse en 14 lotes (por áreas de transporte), e o 061 fixou un prazo de 15 días naturais para a presentación das ofertas. Finalmente, a parte denunciante subliña que o concurso foi adxudicado a empresas que traballaban coa carroceira ourensá Rodríguez López --un 95,5 por cento--, e os portuguesa Autos Ribeiro --o resto--, entre elas, Ambuibérica.

A investigación tenta determinar se, como conclúe a Policía Xudicial, a Administración puido usar para o concurso pregos de condicións facilitados antes á carta pola carroceira ourensá "en conivencia" coa lusa, o que permitiría ás firmas que traballaron con ela dotarse de ambulancias coas características esixidas en tempo marca.

O empresario lucense denunciante achegou documentación, incorporada á causa, segundo a cal o adxudicatario que quedou co lote da Mariña Lucense, Ambulancias Burela, dispuña de ambulancias matriculadas e rotuladas meses antes de que se resolvese a adxudicación, o que apoia as sospeitas da Policía de que houbo aspirantes que puideron ter unha posición de dominio sobre o resto.

Pola súa banda, Sanidade defendeu reiteradamente que o concurso investigado realizouse "conforme á normativa vixente" e "garantindo en todo momento o cumprimento estrito da lexislación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ferrolán do pisco

Xa non e , que cando o rio, sona auga leva, e que e clarísimo que as administracións entregaron estes servizos aos seus amiguetes para que rouben a eito . E imprescindible a municipalización de estes servizos. A AUDIENCIA HABER SE OS METE NO CÁRCERE.