Sermos diferentes para sermos existentes

En 1895 o semanario “La Tierra Gallega”, editado en La Habana e dirixido por Manuel Curros Enríquez, adoitaba publicar un anuncio das marcas de viños: “Salto d´o Can”, “Enxebre” e “Vieira do Miño”. É de supoñer que a intención dos adegueiros era diferenciárense naquel mercado antillano doutros produtos pola singularidade lingüística que aportaban os seus nomes. Con aquela intención facían súa a máxima de hai que ser diferentes para facerse notar.

Por Xosé Glez. | Redondela | 16/11/2017

Comparte esta noticia
Hoxe o uso da lingua galega nas etiquetas pregoando as bondades das castes coas que se elaboran os viños é moi numeroso. Os textos e o seu coidado deseño dánlle presenza no medio da multitude de ofertas que hai nos mercados. Este compromiso dos adegueiros coa lingua galega é de agradecer, porque contribúen a internacionalizar o noso sinal de identidade máis singular. Emulan deste xeito a outras marcas de viños e licores procedentes doutros países que tamén se etiquetan en cadansúa lingua de oríxe. Repare o lector nos andeis dos supermercados e centros de distribución deste tipo de produtos e comprobará   a diversidade de marcas de distintas procedencias xeográficas.
 
O Foro E. Peinador  e a Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios vén insistindo na oportunidade de etiquetar os nosos produtos en lingua galega, porque é a mellor maneira de ratificar a autenticidade  da súa orixe.  Os consumidores, que son cada vez máis esixentes nos gustos, procuran atopar neles sabores orixinais, auténticos, e a mellor maneira de garantirllelos é referencialos no idioma de procedencia.
 
O que é evidente desde o punto de vista da estratexia comercial, aínda non o teñen asumido algúns adegueiros e non poucas industrias de transformación galegas que consideran inconveniente o noso idioma para venderen os seus produtos alén das nosas fronteiras, sen repararen que outros, aquí, xa o están a facer desde hai moitos anos, e que tamén un champán francés de boa calidade vén etiquetado no idioma do pais veciño, ou que un whisky describe as súas características en inglés.
 
Malia a existencia deses receos hai que dicir que dun tempo para acó temos avanzado; son moitísimas as marcas de produtos –viños,licores ou outros produtos de alimentación- que superaron eses receos e  utilizan o noso idioma nas etiquetas. Neste proceso de  galeguización comercial ten xogado un papel moi importante o Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros  que coas súas accións teñen feito un labor de concienciación notorio.
 
Neste tarefa de estimular  a etiquetaxe en galego está tamén A Asociación Álvaro das Casas, integrada no colectivo Galeguizar Galicia,  que celebrará o próximo sábado, día 18, no pazo dos Ulloa en Esposende,Ribadavia, o acto de entrega dos  premios Bacelos de Prata a dúas marcas comerciais  que son modelos de galeguización: Adega Alborexar no Ribeiro, unha nova adega formada por mozos inquedos e ilusionados que elaboran viños que transmiten o que se fai na viña para que perdure no tempo e cunha identidade propia; e,  Hoxe, Sociedade Cooperativa Galega, empresa agraria rural da comarca do Deza, que transforma o leite de vaca en variadas marcas de queixo de excelente calidade que está presente nas grandes áreas de comercialización.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA