Temas: CD LUGO

Un Lugo sen tino

O Lugo encaixa a segunda derrota consecutiva co Numancia malia a ter ocasións dabondo para igualar o tanto soriano do primeiro tempo. O vindeiro sábado, visita ao Lorca con 23 puntos.

Por gcdeportes | Lugo | 12/11/2017 | Actualizada ás 21:41

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Lugo 0:
Juan Carlos; Campabadal, Bernardo Cruz (Carlos Pita, 72’), Ignasi Miquel, Luis Ruiz; Seoane, Ramón Azeez; Fede Vico, Polaco Fydriszewski, Nico Albarracín (Sergio Díaz, 49’; Mario Barco, 59’) e Cristian Herrera.
CD Numancia 1: Aitor Fernández; Markel, Dani Calvo, Elgezabal, Ripa; Pablo Valcarce (Pablo Larrea, 75’), Diamanka, Íñigo Pérez, Mateu; Pere Milla (Nacho Sánchez, 93’) e Manu del Moral (Guillermo Fernández, 83’).
Gol: 0-1: Manu del Moral (minuto 34).
Árbitro: Milla Alvendiz (andaluz). Amarelas a Bernardo Cruz (39’) nos lucenses e a Íñigo Pérez (47’), Pablo Valcarce (64’) e Ripa (86’) nos visitantes.
Incidencias: partido da 14ª xornada de 2ª División disputado no Anxo Carro ante 3.674 espectadores.

Os lucenses laianse dunha ocasión errada.
Os lucenses laianse dunha ocasión errada. | Fonte: lfp.es

Unha ducia de remates sen tino. Mereceu algo máis o Lugo, que tivo máis posesión e dominou por momentos o Numancia, pero desperdiciou todas as súas chegadas á área rival para acabar perdendo 0-1 e encaixando a segunda derrota consecutiva. Baixa postos o Lugo tras dúas semanas sen sumar, e agora é sexto con 23 puntos. Trala súa primeira vitoria a domicilio esta temporada, o equipo soriano suma 25.

Despois de catro vitorias seguidas no Anxo Carro, chegou a derrota. E iso que o Lugo puido adiantarse ao pouco de principiar, tras un centro de Nico Albarracín que rematou desviado coa testa o arxentino Fydriszewski. Pero a presión en campo rival do Numancia era efectiva e o Lugo tiña problemas para saír combinando. Aínda así, Azeez puido marcar no 28 coa testa a centro de Fede Vico. Apenas atacou o Numancia, pero aproveitou a ocasión a once minutos para o descanso: en posición dubidosa, Manu del Moral recibe un pase de Pere Milla, recorta cara ao centro e disparo axustado á dereita de Juan Carlos. O 0-1 que sería definitivo, e menos mal que Pere Milla perdonou o segundo antes do descanso.

Trala reanudación, o Lugo arrincou con ritmo e avisou aos poucos segundos cun centro de Fede Vico que rematou Fydriszewski, pero o meta visitante rexeitou cos pés a córner. Francisco retirou a Nico Albarracín con molestias e deu entrada a Sergio Gil, pero o xogador cedido polo Real Madrid apenas durou dez minutos no campo e tivo que retirarse por lesión no xeonllo. Entrou Mario Barco e o Lugo xogou media hora con tres dianteiros (Fydriszewski, Cristian Herrera e Barco), tempo no que tivo ocasións dabondo para alomenos empatar, pero sen éxito.

Tras unha contra na que Pablo Valcarce puido sentenciar o choque, o Lugo lanzouse a polo empate e tentouno de todos os xeitos posíbeis. Polaco Fydriszewski tivo un par, unha rexeitada baixo paus e outra desviada, e Cristian Herrera, Fede Vico e Seoane tamén buscaron o gol. No tempo engadido, Carlos Pita tentouno de falta e Juan Carlos acabou subindo a rematar un córner, pero nin con esas. O vindeiro sábado, ocasión para retomar a boa senda na visita a Lorca, en postos de descenso con 13 puntos.

O Lugo caeu ante o Numancia, a segunda derrota consecutiva.
O Lugo caeu ante o Numancia, a segunda derrota consecutiva. | Fonte: lfp.es
Temas: CD LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta