O móbil, nova estratexia de captación de clientes de ABANCA

Este banco convértese nunha das primeiras entidades financeiras en España en ofrecer este servizo. En menos de 10 minutos calquera usuario pode contratar o produto ‘Conta Clara’ e empezar a operar como cliente .

Por GC Emprende | A Coruña | 15/11/2017 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O móbil comeza a ser unha das principais tecnoloxías para captar clientes entre os bancos. De feito, ABANCA vén de incorporar á súa aplicación de banca móbil a posibilidade de facerse cliente da entidade a través dunha videochamada. O procedemento é moi rápido e sinxelo, en menos de 10 minutos calquera usuario poderá contratar o produto ‘Conta Clara’ e empezar a operar como cliente.

Apertura de conta en Abanca a través dunha aplicación do teléfono móbil
Apertura de conta en Abanca a través dunha aplicación do teléfono móbil | Fonte: Abanca

“O usuario só necesita descargarse a nosa app de banca móbil no seu teléfono, seguir uns sinxelos pasos e nuns minutos xa é cliente de ABANCA e terá o seu ‘Conta Clara’ contratada”, explica Javier Diaz, xerente de ABANCA Dixital.

A ‘Conta Clara’ é un produto dixital que permite ter unha conta corrente e unha conta a prazo conectadas entre si para aforrar de forma automática. Non ten comisións e as tarxetas de débito, de crédito e as transferencias son gratis, sempre que opere en canles dixitais. Segundo apunta o banco nun comunicado, Coa posta en marcha desta iniciativa “ABANCA sitúase á vangarda en innovación tecnolóxica, sendo unha das primeiras entidades financeiras en España que ofrece este servizo”.

Cliente en menos 10 minutos e desde o móbil

O proceso para empezar a facerse cliente é moi sinxelo, o usuario ten que descargarse a aplicación de banca móbil de ABANCA na tenda de aplicacións App Store ou Android Play e seleccionar a opción ‘Non son cliente’. O software solicitaralle unha fotografía do seu DNI ou NIE para extraer os datos de forma automática e comprobar que son correctos. Despois pediralle a información económica e persoal que esixe a normativa (ingresos, situación laboral…) e, por último, conectarase por videochamada con persoal de ABANCA para finalizar a contratación. 

Utilizando un teléfono móbil
Utilizando un teléfono móbil

O proceso é totalmente seguro e hai unha dobre validación da identidade do cliente, primeiro comprobando a autenticidade do documento escaneado; e, despois, na videochamada, cun indicador de similitude entre a imaxe do cliente (obtida na videochamada) e a foto do seu DNI”, suliña a entidade.

O desenvolvemento da ferramenta é nativo, realizado polo equipo de Tecnoloxía da entidade financeira galega, o que permite ofrecer unha mellor experiencia de usuario. Todos os recursos do dispositivo optimízanse para ofrecer a mellor calidade de imaxe e audio en cada circunstancia. Ademais, o cliente pode seleccionar o mellor momento para realizar a videochamada e isto só é posible cun desenvolvemento tecnolóxico deste tipo.

“Queremos facilitar aos usuarios a súa relación co banco e que poidan facer as súas xestións de forma rápida e sinxela en calquera momento e en calquera lugar, buscando sempre a mellor experiencia de usuario. Apostamos pola mobilidade, a intelixencia artificial e outras tecnoloxías disruptivas. Obríganos, pero tamén nos encanta ao mesmo tempo, estar á vangarda de todas as innovacións tecnolóxicas“, afirma Eduardo Aldao, director de Innovación de ABANCA.

App e innovación

Coa incorporación do alta de cliente con videochamada a entidade financeira galega aumenta as xestións que os clientes poden facer comodamente desde os seus teléfonos móbiles como apagar e acender tarxetas, aprazar gastos, contratar un préstamo ou tarxeta de crédito, consultar saldos e movementos, facer transferencias, pagar recibos, enviar diñeiro ao caixeiro ou crear tarxetas virtuais para comprar por internet, entre outras.

“A nosa estratexia dixital busca que os nosos clientes poidan realizar, en calquera momento e en calquera lugar, todo tipo de transaccións financeiras e que eles elixan como queren xestionar e contratar os seus produtos con ABANCA, a través de oficinas, da web, do teléfono, da banca electrónica ou da banca móbil. Coa incorporación de novos servizos como este ímolo conseguindo”, asegura Javier Díaz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta