Unha publicación recompila 11 estudos que abordan o cambio lingüístico do galego na sociedade actual

Abordan cuestións como os 'neofalantes', o 'purismo' na defensa do idioma e a influencia do castelán

Santiago de Compostela | 14/11/2017 | Actualizada ás 14:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Unha nova publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) aborda os fenómenos relacionados co cambio lingüístico da lingua galega na sociedade actual, recompilando 11 artigos de investigación que abordan cuestións como os 'neofalantes', o 'purismo' na defensa do idioma ou a influencia e o contacto co castelán.

Presentación da nova obra do CCG
Presentación da nova obra do CCG | Fonte: Europa Press

Estes estudos son o resultado dunha revisión dos traballos presentados nun simposio organizado polo Instituto da Lingua Galega, entre outubro e novembro de 2015, e celebrado na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e na propia sede do CCG.

Así o explicaron en rolda de prensa a profesora Dolores Vilavedra, os editores da obra, Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández, e Ernesto González, director do ILG.

Os investigadores sinalaron os cambios "profundos" experimentados pola sociedade galega nas últimas décadas, tanto sociais, políticos e culturais, en paralelo cun rápido proceso de urbanización, que transformou un territorio rural a unha comunidade na que o sector primario conta cun índice de poboación activa do 6,6 por cento, segundo datos de 2014.

Esta deriva xerou un cambio radical no que moitos elementos da cultura 'labrega' ou mariñeira tradicional desapareceron e con eles "unha parte do patrimonio lingüístico", ao mesmo tempo que o idioma gañaba espazos comunicativos aos que adaptarse e desenvolver novas variedades.

Todo este proceso vivido "en intenso contacto" co castelán, sinalan os autores, tivo certas repercusións que poucos traballos afrontaron desde o punto de vista do estudo do cambio lingüístico e do contacto entre idiomas.

O FUTURO DO GALEGO

Elisa Fernández destacou que o libro recolle achegas desde diferentes perspectivas, con traballos de ámbito xeral como o inicial de Johannes Kabatek e outros máis específicos que abordan temas como o léxico, a morfoloxía ou a fonética.

Kabatek advirte de que os preconceptos instalados na lingüística do século XX impiden comprender estes fenómenos de cambio, ao entender a lingua como un sistema "externo e estable" que cambia "por razóns inexplicables". En contraposición, o autor defende a interacción entre falantes como o escenario "no que se produce" ese cambio e transformación do idioma.

O artigo conclúe cuns apuntamentos sobre a lingua galega hoxe en día, que cualificou de "interesantísimo laboratorio lingüístico", sobre a deriva do seu contacto co castelán, os 'neofalantes', o purismo e as posibilidades do futuro do idioma.

O autor defendeu que os grupos tradicionalmente galegofalantes son esenciais para o futuro do idioma, adaptando a lingua aos cambios sociais e culturais e as novas realidades.

Fronte a eles situou dous extremos: os 'neofalantes' baseados na gramática, a interferencia e a tolerancia total co castelanismo; e o 'purismo' e a "defensa extrema" do idioma como "vía de salvación".

Así, o estudioso defendeu que ningún destes dous factores pode garantir o futuro do idioma, entendendo que pasan "pola erosión da lingua" e pola separación da "utopía" lingüística da realidade dos falantes, respectivamente.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta