O Supremo ratifica a condena a ano e medio de cárcere para a exalcaldesa de Melide por prevaricación administrativa

A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirmou a condena a un ano e seis meses de prisión, ademais de tres anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público, á exalcaldesa de Melide María Socorro Cea Vázquez (BNG).

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2017 | Actualizada ás 17:46 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Sala do Penal do Tribunal Supremo confirmou a condena a un ano e seis meses de prisión, ademais de tres anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público, á exalcaldesa de Melide María Socorro Cea Vázquez (BNG).

Faino polos delitos de prevaricación administrativa, coa atenuante de dilacións indebidas, e falsidade en documento oficial en relación coa adxudicación dunha depuradora no parque Municipal da Madalena desa localidade.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o arquitecto municipal cando ocorreron os feitos, en 2009, tamén viu confirmada a condena imposta pola Audiencia da Coruña dun ano e seis meses de prisión por este último delito.

A condena produciuse en relación a un convenio asinado coa Consellería de Industria polo que subvencionaba parcialmente o importe da construción dunha planta depuradora de augas residuais no parque empresarial da Magdalena, na localidade de Melide. O convenio estableceu un prazo de vixencia que finalizaba o 29 de novembro de 2009.

FEITOS PROBADOS

A sentenza explica que o día 12 de decembro de 2009 o entón arquitecto municipal, Ricardo Aneiros Rodríguez, "como director de obra e con absoluto coñecemento de que non se iniciou a mesma, emitiu unha certificación na que afirmaba que, no período comprendido entre o 12 de decembro 2009 e o 28 dese mes executáronse obras por valor de 437.354,41 euros".

Engade que a certificación foi asinada, o 28 de decembro de 2009 por María Socorro Cea Vázquez, por Ricardo Aneiros Rodríguez, así como un representante da empresa adxudicataria da obra.

"Especificándose que o fixeron con plena conciencia de que a certificación non se axustaba ao grao de construción da infraestrutura, pretendendo incorporar a certificación ao expediente administrativo e evitar, deste xeito, que se perdese a achega económica que comprometera a Consellería de Industria", engade.

Do mesmo xeito, conclúe que os feitos probados reflicten o coñecemento que tiveron os acusados de que "a certificación non se axustaba á realidade material das obras e de que transformaba completamente o escenario dunhas obras que non se comezaron".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta