Comparte esta noticia

A partir de xaneiro, dúas mocións cada mes nos concellos arousáns. A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa anuncia unha guerra intensa e estensa “para entre todos parar a mina”. Así, pasadas as festas, o momento do ano de máis traballo, este colectivo activará a mobilización en todos os concellos afectados para acadar o apoio dos Gobernos locais e esixirlle á Xunta que paralice a reactivación da mina de cobre de Touro polos graves efectos tóxicos que tería a súa explotación no río Ulla e no marisqueo e pesca da ría de Arousa.

Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.
Plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global para a mina de cobre de Touro-O Pino proposto pola empresa Atalaya Mining e que abarca 122 quilómetros cadrados.

O Grove, Cambados, Vilagarcía, Vilanova, Catoira, Ribadumia e Meaño na beira sur da ría; Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira en Arousa norte; e por suposto A Illa. “O impacto pode ser brutal. Aquí non hai cor política”, avisa Xoaquín Rubido, voceiro deste colectivo, que este mércores manterá unha reunión co alcalde Alberto Varela e o resto de grupos políticos do concello de Vilagarcía.

Man a man coa Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON, a quen xa se lle pasou o texto final das mocións, a PDRA prepara "un movemento plural" contra un proxecto que podería provocar "consecuencias catastróficas" xa que afectaría non só a ría e o "tecido socioprodutivo arousán" (do que viven 30.000 persoas), senón tamén "á saúde pública". Insisten dende a plataforma en que a concesión poría en risco a principal área de produción de moluscos da UE, a captación de auga potable de trece municipios e “afectaría irremisiblemente a riqueza medioambiental” de espazos protexidos da ría, como o Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Zona de Especial Conservación Ulla-Deza.

A PDRA, co apoio dos colectivos do mar, das confrarías, das asociacións culturais, busca un consenso amplo da sociedade para que os concellos da ría aproben a moción que será presentada nos vindeiros plenos, e que insta ás consellerías de Economía e Mar a que desestimen a autorización administrativa á actualización do proxecto desta explotación, ditando unha declaración ambiental desfavorable, e que insta tamén á Xunta a que se promova unha completa restauración da antiga explotación mineira de Touro, eliminando os focos de contaminación de metais pesados, para como mínimo asegurar que esta explotación non compromete a calidade ambiental do río Ulla e da ría de Arousa.

Na mesma liña, a Federación Galega de Confrarías de Pescadores solicitou tamén á Consellería de Economía, Emprego e Industria que se pronuncie en contra da autorización administrativa ao megaproxecto mineiro polas súas posibles “repercusións ambientais e produtivas para a ría de Arousa”.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

OS CONCELLOS DO ULLA, TAMÉN EN CONTRA

Os concellos do Ulla sumáronse tamén a esta marea contra o proxecto mineiro —á que tamén se sumaron forzas políticas como BNG, En Marea e Esquerda Unida— e instaron á Xunta a desestimalo. Nas últimas semanas xa se manifestaron en contra as corporacións dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Lalín, Santiso, Vedra, Rianxo, A Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces e recuaron nas súas posicións iniciais Touro e O Pino.

En canto ao Pleno do Concello de Vedra, aprobara no pasado mes de setembro a creación dunha mesa de traballo para estudar e avaliar os efectos do proxecto de reapertura da mina de Touro-O Pino, o que derivou na presentación de alegacións ao proxecto.

Entre os dezaoito puntos que alega Vedra, destaca o risco e perigosidade das dúas balsas de lodos, residuos e compostos químicos empregados na separación do cobre, as cales suman unha superficie de 269 hectáreas, e que, tal como detallan nas alegacións, traen á memoria catástrofes coma a de Aznalcóllar.

O proxecto da mina de Touro-O Pino volveu ser protagonista novamente no último pleno do ano. Así, no celebrado o 15 de decembro, o Concello de Vedra acordou instar á Consellería do Mar e á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que desestimen a autorización administrativa á actualización do proxecto de explotación, plan de restauración e estudo de impacto ambiental presentado por Cobre San Rafael e que resolva desfavorable a declaración ambiental en virtude dos efectos ambientais negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade deste proxecto coa debida protección das augas da bacía e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial, incompatible coas captacións de auga potable, coa riqueza piscícola, pesqueira e marisqueira.

PREGUNTAS Á COMISIÓN EUROPEA

O sistema fluvial Ulla-Deza (zona Rede Natura) e a ría de Arousa (Complexo Ons-O Grove e Rede Natura) foron tamén o foco de atención nas preguntas que o eurodeputado José Blanco (PSOE) formulou o pasado xoves á Comisión Europea sobre o proxecto de apertura da mina de cobre.

Incidindo no demoledor informe da Sociedade Galega de Historia Natural, o socialista preguntoulle á Comisión se considera a compatibilidade deste proxecto coa lexislación europea en materia de protección da natureza.

SINDICATOS

As centrais sindicais maioritarias na comarca de Compostela (CCOO, CIG e UGT) tamén veñen de manifestarse en contra dun proxecto que, din, terá “un impacto ambiental inasumible, un impacto sobre a saúde preocupante, un impacto económico negativo e un impacto social que xera unha forte alarma e rexeitamento en toda a contorna; que fende, de xeito traumático, un horizonte onde a integración poboación-medio, a calidade de vida... queda nun segundo termo, cando aínda non se esqueceron as consecuencias no pasado desta explotación mineira.”

INFORME DA FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA

Logo do informe presentado pola Sociedade Galega de Historia Natural e das alegación presentadas por colectivos como Salvemos Cabana, entre outras, estes días ve a luz o informe solicitado pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas á Federación Ecoloxista Galega (FEG) no que denuncia “a negativa continua da Sección de Minas da Xefatura Territorial de Economía, Emprego e Insustria da Coruña en proporcionar copia dos expedientes relativos aos diversos dereitos mineiros” que “impide á Federación Ecoloxista Galega emitir un informe que permita valorar o conxunto do proxecto, unha vez que nin tan sequera foi posible verificar se os dereitos aos que fai referencia a empresa están vixentes ou caducados”.

Por isto, insta ao ente, en base á Convención de Aarhus, a facilitar no prazo de quince días copia íntegra dos expedientes relativos aos dez dereitos mineiros solicitados.

Así mesmo, a Federación denuncia o fraccionamento de proxectos “ben para evitar trámites legais necesarios, ben para ocultar o seu impacto global ou para minimizar a oposición social ao mesmo proxecto” e incide no plano que ilustra as afeccións e alcance sobre o territorio do proxecto global proposto pola empresa, os 122 quilómetros cadrados que Atalaya Mining —multinacional que se atopa detrás deste proxecto mineiro— anuncia no “Touro Progress Annoucement” do pasado 5 de xuño.

O informe da FEG tamén critica a infravaloración do problema das drenaxes ácidas de mina, un fenómeno contaminante definido polos efluentes ácidos (de baixo Ph) e considerables concentracións de metais pesados disoltos que se producen como consecuencia da oxidación de minerais sulfurosos.

A Federación considera que “a explotación que agora se pretende reanudar, ampliándoa de xeito colosal, ven sendo un dos principais focos produtores de drenaxes ácidas de mina na cunca do Ulla” e cuestina que o informe do profesor Lottermoser incluído no proxecto, “alerta de que as concentracións medias de Cd, Co, Cu, Mo, Sb, Se e Zn son consistentemente elevadas, superando as concentracións do solo en ata tres ordes de magnitude.”

Ponse como exemplo o caso do cadmio, unha substancia “perigosa prioritaria e coñecido axente canceroxénico” que no rego Pucheiras presenta valores de “1.45 (Puch-3) e 0.93 (Puch-11) microgramos/litro, frente ao valor máximo permitido de 0.08 (NCA-MA) e 0.45 (NCA-CMA) microgramos/litro”.

En base á información actualmente dispoñible, a Federación Ecoloxista Galega considera que se está producindo unha “fragmentación artificiosa dun proxecto mineiro de dimensións maiores, denominado pola empresa promotora como Proxecto Touro, sobre o que existe información feita pública pola empresa, pero que non é referido na documentación sometida a exposición pública, máis alá de datos circunstanciais".

Independentemente desta situación, da análise da documentación presentada despréndese que "as afeccións hidrolóxicas, ambientais, paisaxísticas e patrimoniais, así como a destrución e deterioro do tecido socioeconómico (en particular do agro-silvogandeiro) e a posta en risco severo da vida e integridade de núcleos de poboación, e das fontes de abastecemento de auga para consumo humano e agrogandeiro, tornan inviábeis e insustentábeis as actuación propostas na documentación exposta", expón a FEG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta