Temas: GRAPO TERRORISMO

Condenada a 30 anos de cárcere a galega dos GRAPO que participou no secuestro de Publio Cordón

Outro 'grapo' galego que colabora coa Garda Civil cambia a súa versión e di agora que o cadáver de Cordón foi soterrado nos Pireneos

Por Galicia Confidencial | Madrid | 21/12/2017 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

A Sección Terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional condenou a 30 anos de cárcere aos membros do grupo terrorista GRAPO José Antonio Ramón Teijelo e a galega María Victoria Gómez Méndez polo secuestro do empresario Publio Cordón no verán de 1995.

José Antonio Ramón Teijelo e a galega María Victoria Gómez Méndez, dos GRAPO.
José Antonio Ramón Teijelo e a galega María Victoria Gómez Méndez, dos GRAPO.

O tribunal considéraos responsables dun delito de detención ilegal sen dar razón do paradoiro da vítima, cometido dentro da actividade dunha organización terrorista. Os xuíces explican que Teijelo e Gómez Méndez se encargaron de custodiar a vivenda da localidade francesa de Lyon onde permaneceu secuestrado o empresario algo menos dun mes.

Con todo, a Sala non ve elemento obxectivo algún que corrobore a acusación de homicidio por omisión, xa que a procura infrutuosa do cadáver de Cordón impide concluír que falecese da forma en que describiu Fernando Silva Sande, o outro 'grapo' galego, que está colaborando neste caso coa Garda Civil.

A sentenza contra Teijelo e Gómez Méndez engádese ás anteriores polas que se condenou a outros responsables do GRAPO polo secuestro do empresario zaragozano, á vez que se detallan as condicións nas que a vítima permaneceu durante as súas últimas semanas de cativerio e de vida.

No relato de feitos probados, os xuíces contan como o grupo terrorista decidiu levar a cabo o secuestro "coa finalidade de financiar as súas actividades", polo que un comando composto por José Ortín Martínez, Enrique Cuadra Echeandía e Fernando Silva Sande, xa condenados por estes feitos, encargáronse da execución material, en tanto que outra das condenadas anteriormente, Concepción González Rodríguez, se encargou dos labores de vixilancia sobre a vítima.

Segundo a sentenza, Teijelo e Gómez Méndez custodiaron a vivenda de Lyon, que ambos alugaran un mes antes do secuestro presentándose á propietaria como un matrimonio de profesores españois de francés. Teijelo presentou un DNI falso a nome de José Luis Monforte.

Nesa vivenda, Publio Cordón foi encerrado nun armario encaixado de 1,71 metros de longo por 1,21 de ancho. Permitíronlle escribir cartas á súa familia, as cales, após ser "fiscalizadas e censuradas" polos membros do grupo terrorista, eran "repartidas en dous sobres, un dos cales foi pechado por Gómez Méndez", tal e como mostraron as probas de ADN achadas neles.

Segundo explican os xuíces, á terceira semana de estar privado de liberdade, o empresario desapareceu "sen que se teña constancia do seu paradoiro, abandonando o lugar de custodia José Antonio Ramón Teijelo e María Victoria Gómez Méndez, quen sabedores do seu destino non facilitaron o mesmo".

O tribunal basea a súa condena na declaración inculpatoria que prestou Silva Sande, cuxo testemuño permitiu localizar a vivenda de Lyon, aínda que non o cadáver de Cordón. Pero ademais, os xuíces tamén tiveron en conta informes periciais caligráficos e de perfil xenético como o mencionado ADN da acusada.

En canto ás probas periciais, o tribunal considera probado que no armario onde permaneceu o empresario apareceu o seguinte escrito: "1 SEM, 2 SEM, 3 SEM", o que fai indicar que alguén estaba a contar o paso das semanas. As letras foron comparadas coas cartas que o empresario enviou á súa familia e que foron gardadas pola súa viúva, Pilar Muro, e a Sala considera "contundente e sen fisuras" o informe da Garda Civil que conclúe que o autor de ambos os escritos é a mesma persona.

Outro dos informes nos que se baseou o tribunal é o de grafística da Garda Civil sobre o DNI atopado en poder de Teijelo cando foi detido en 2005, o cal ten o mesmo nome co que foi alugada a vivenda de Lyon, José Luís Monforte.

A Sala, por tanto, condena aos acusados polo secuestro de Cordón ao considerar probado que participaron nel, pero rexeita a tipificación dos feitos como homicidio e estafa formulada polas acusacións e ve máis correcta a tipificación de detención ilegal sen dar razón do paradoiro da vítima.

Por unha banda, respecto da acusación de estafa, a sentenza argumenta que non existe proba algunha de que os dous acusados participasen na negociación nin no cobro do rescate, mentres que sobre a acusación por homicidio non ven elementos obxectivos que poidan atribuír tal acción aos acusados.

E é que no relato que fixo Silva Sande á Garda Civil, deu varias localizacións posibles sobre o lugar do enterro do cadáver, alegando que non o lembra ben polo paso dos anos, polo que os restos nunca puideron ser achados. "As diverxencias no testemuño fai que non podamos sentar como verdade xurídica que os hoxe acusados cometesen o homicidio por omisión", explica o tribunal.

PIRENEOS

Con todo, o galego Fernando Silva Sande, que leva colaborando coa Garda Civil desde 2008, rectificou e agora asegura que após o falecemento de Publio Cordón mentres estaba secuestrado levaron o cadáver aos Pireneos e non a Mont Ventoux como sempre mantivera.

Así o indicou Silva Sande nunha carta que enviou recentemente ao tribunal da Audiencia Nacional que xulgou hai un mes a dous antigos compañeiros seus da organización terrorista, José Antonio Ramón Teijelo e María Victoria Gómez Méndez, polo secuestro do empresario zaragozano no verán de 1995.

Desde que empezou a colaborar coa Garda Civil, Silva Sande mantivera que os responsables do secuestro, incluído el, levaron o cadáver a Mont Ventoux, nos Alpes, para enterralo, pero os restos de Cordón nunca apareceron.

Silva Sande deu nestes anos varias posibles localizacións diferentes, pero sempre en Mont Ventoux, alegando que non o lembra moi ben polo paso do tempo e que non coñece ben a zona. Este argumento reiterouno tamén durante o xuízo, no que apuntou que el mesmo acompañou á Garda Civil en todas as ocasións nas que se tentou recuperar o corpo de Cordón, todas elas infrutuosas.

Pois ben, agora o tribunal que xulgou a Teijelo e Gómez Méndez explica que, "no momento de redactar esta sentenza", Silva Sande "enviou un escrito onde refire que levaron o cadáver aos Pireneos, cordilleira que está bastante afastada do Mont Ventoux que pertence aos Alpes".

"Por conseguinte, non podemos sentar como verdade material que Publio Cordón falecese da maneira que sinalou Fernando Silva Sande no seu testemuño", indican os xuíces.

O feito de que non se atoparon os restos do empresario é o motivo que alegan na sentenza para non condenar a Teijelo e Gómez Méndez polo delito de homicidio por omisión, xa que "non existe elemento obxectivo" co que se lles poida "atribuír tal acción".

E co cambio de versión do 'grapo', o tribunal non pode "sentar como verdade material", nin sequera indiciariamente, que "Publio Cordón falecese da maneira que sinalou Silva Sande no seu testemuño". Segundo mantivo, o empresario caeu do tellado da vivenda en que estivo secuestrado e faleceu sen que ninguén lle socorrese.

Temas: GRAPO TERRORISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta