Denuncian que o Sergas nega informes de alta a pacientes que solicitan a alta voluntaria

A Asociación de Médicos Interinos de Galicia eleva unha queixa formal ao Valedor do Pobo para que solicite ao Sergas unha aclaración.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Sergas non facilita informes clínicos de alta aos pacientes que piden a alta voluntaria, o que podería incumprir varias disposicións de carácter estatal, como a Lei Xeral de Sanidade e vulnerar gravemente o dereito fundamental ao acceso á información sanitaria, denuncia a Asociación de Médicos Interinos de Galicia (ASMIG).

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

A situación é "particularmente inexplicable" cando se trata dun traslado a outro centro médico privado, xa que o médico receptor carece da información básica do proceso seguido no centro público e deben de practicárselle ao paciente toda a batería de probas diagnósticas, o cal, para ASMIG, supón unha "indesexable duplicidade asistencial".

Por todo iso, ASMIG decidiu cursar unha queixa formal dirixida ao Valedor do Pobo, para que solicite do Sergas unha aclaración contra esta "flagrante arbitrariedade" e, no caso de que se demostre que a conduta do Sergas vulnera a lei, corrixa unha situación que "podería carrexar responsabilidades penais graves se da mesma derivasen consecuencias fatais para a vida do paciente", avisa ASMIG.

A normativa recoñece o dereito a non aceptar o tratamento prescrito, propoñéndolle, nese caso, a firma dunha alta voluntaria, agás cando exista risco para a saúde pública por mor de razóns sanitarias ou cando exista risco inmediato grave para a integridade física ou psíquica do enfermo. ASMIG lembra, ademais, que a Lei 41/2002 do 14 de novembro indica no seu artigo 21 que se o paciente non asina a alta voluntaria, o Centro Sanitario, a proposta do médico responsable, poderá dispoñer a súa alta forzosa nas condicións reguladas pola Lei, agás que exista un tratamento alternativo, sempre que o preste o Centro Sanitario e o doente acepte recibilo. Se decide abandonar o hospital en contra do criterio do seu médico, deberá asinar o informe de alta voluntaria e asumir a responsabilidade sobre os posibles problemas derivados dun alta prematura.

"Tanto se é alta médica como voluntaria, os pacientes teñen dereito a que se lle dea un informe da súa asistencia", subliña a Asociación de Médicos Interinos de Galicia, que lembra que hai situacións especiais nas que o consentimento informado pode ser outorgado por unha persoa distinta ao paciente. Estas situacións especiais son as seguintes: cando o doente estea circunstancialmente incapacitado para tomar decisións por motivos clínicos, cando estea incapacitado legalmente ou cando se trata dun menor de idade incapaz de comprender o alcance da intervención, caso no que consentimento o dará o representante legal do menor despois de escoitar a súa opinión se ten 12 anos cumpridos.

ASMIG recorda que un enfermo ten dereito a pedir ao médico que lle dea a alta voluntaria porque así está recollido na Lei 41/2002, de Autonomía do Paciente e pola Lei 8/2008 de saúde de Galicia. Os protocolos internos do Sergas establecen que cada vez que finalice un episodio asistencial (alta hospitalaria, consultas, urxencias) se lle entregará un informe escrito. Polo que "non se explica que este dereito básico non se recoñeza cando o paciente pida a alta voluntaria, que é un dereito do paciente e equivale a unha alta médica", insisten desde ASMIG. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta