Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/01/2018 | Actualizada ás 18:48
Ana Vázquez Blanco, deputada do Partido Popular por Ourense, declarou que ligar o asasinato de Diana Quer coa violencia machista é "oportunismo político". Unhas palabras que suscitaron duras críticas das feministas, que expresaron a súa "fonda indignación".
O certo é que a conta deste caso son varios os políticos que están a entablar nas redes sociais unha dura pelexa dialéctica sobre se é oportuno ou non derrogar a prisión permanente revisable, eufemismo por cadea perpetua.
Nesa desputa, a popular Ana Vázquez Blanco escribiu en Twitter: "Y también son 2 hombres los que salvan a la segunda víctima de #ElChicle el día de Navidad....#oportunismopolitico para hablar de machismo?", en resposta á deputada de Ciudadanos, Patricia Reyes, quen antes escribira que era importante sinalar o caso de Diana Quer como "violencia machista".
Paradoxalmente, son os políticos do PP os que están usando a tráxica morte da moza madrileña de forma partidista, acusando de "oportunistas" publicamente, nas redes, aos que levan pedindo dende hai tempo a derrogación da prisión permanente revisable: PSOE, Podemos, PNV, Bildu, máis Ciudadanos, que se abstivo. Precisamente estes últimos, os da formación laranxa, están sendo os principais obxectivos dos populares nas súas críticas.
Esa estratexia política do PP, e máis concretamente as palabras da deputada por Ourense Ana Vázquez Blanco, suscitaron duras críticas da Plataforma Feminista Galega de Ourense, que expresou este mércores a súa "fonda indignación" por considerar “oportunismo político” vincular o asasinato de Diana Quer coa violencia machista.
"O Partido Popular segue sen comprender qué é o machismo, que é a violencia de xénero, etc. E iso vese reflectido nas súas políticas e feitos: o mesmo día que o PP conxela o Pacto de Estado contra a Violencia Machista aprobado o pasado novembro, Ana Vázquez Blanco trata de desprestixiar as concentracións dos colectivos feministas e os actos e manifestacións públicas en repulsa ao asasinato machista de Diana Quer tachando estas accións de «oportunismo político», considerando este suceso como un acto libre de machismo e poñendo énfase en que foron dous homes os que «salvaron» á segunda vítima do asasino de Diana", comentan desde a Plataforma Feminista Galega de Ourense.
As feministas aclaran que "non é por oportunismo, nin político nin de ningún outro tipo", polo que saen ás rúas: "Concentrámonos, manifestámonos, porque estamos fartas de que se nos asasine polo feito de ser mulleres, de que se nos culpabilice por ir soas, pola roupa que poñamos ou polo que fagamos. Berramos porque nos queremos vivas e libres, e porque nos vai a vida nelo. O simple feito de que traten isto como oportunismo ofende e dá vergoña allea", critican.
A plataforma tamén aproveita para pedir representantes políticos que "coñezan o significado da violencia machista, que saiban diferenciar a humanidade intrínseca ás persoas das condutas machistas, que distingan entre o dereito a manifestar a dor e indignación polo asasinato dunha muller vítima dunha agresión machista dun «oportunismo político»”.
VÍTIMA DA VIOLENCIA MACHISTA
O Observatorio da Muller vén de informar de que Diana Quer será contabilizada como a primeira vítima de violencia machista do 2018.
Do mesmo xeito, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pediu que se trate informativamente este caso como violencia machista.
Dúas posturas que tamén chocan co posicionamento da deputada Ana Vázquez Blanco e o seu partido, cando menos nas redes sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.