Semes Galicia insta aos hospitais a resolver o colapso nas urxencias e pide á poboación un "uso racional"

A agrupación lembra aos directivos dos hospitais que son eles os que deben solucionar este problema e abandonar a "filosofía acumulativa" nestes servizos. Tamén recorda ao Sergas o compromiso adquirido hai un ano con todos os xefes de servizos de urxencias para establecer un documento de homoxenización.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/01/2018 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

Semes Galicia, que engloba a máis de 500 profesionais de Urxencias e Emerxencias do país, emitiu un comunicado ante os colapsos que se están vivindo, unha vez máis, nos servizos de urxencias hospitalarios de Galicia. Nel, pide á poboación un "uso racional" destes servizos, insta ás xerencias a traballar para garantir a dignidade dos pacientes, que estes días se ven amoreados nos corredores dos hospitais, e lembra ao Sergas o compromiso adquirido para establecer un documento de homoxenización destes servizos.

Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario
Pacientes ciscados nos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ante o colapso sanitario | Fonte: Asociación de Usuarios do CHUS.

Esta agrupación autonómica, que pertence á Sociedad Española de Medicina de Urgencias y Emergencias (Semes), pide á poboación que "faga un uso racional destes dispositivos asistenciais" cuxa función fundamental, sinalan, é "prestar a mellor atención posible a patoloxías tempo dependentes (infarto, ictus, sepsis…) que teñen unha importante morbi-mortalidade".

"O uso inadecuado destes servizos para a atención de patoloxías banais xera unha sobrecarga moi importante que repercute de maneira directa na atención de calidade aos pacientes con estes procesos máis graves", advirte Semes Galicia, que insiste en facer un chamamento a toda a sociedade para un "uso responsable" dos servizos de urxencias hospitalarios e lembra que o primeiro nivel asistencial é a atención primaria dos Centros de Saúde. 

Semes Galicia tamén insiste na "importancia da implicación efectiva das direccións e xerencias dos diferentes centros hospitalarios", tendo en conta que "o motivo fundamental da saturación dos servizos vén derivada da falta de drenaxe adecuada dos mesmos en tempo e forma".

"Este é un problema, por tanto, do hospital no seu conxunto que deben afrontar os seus directivos de maneira adecuada, abandonando de maneira definitiva a 'filosofía acumulativa' en servizos tan sensibles como os servizos de urxencias", advirte esta agrupación.

Esta “filosofía acumulativa”, continúan, "deteriora de maneira continua a dignidade dos pacientes neles atendidos e pode vulnerar o dereito á intimidade e a confidencialidade dos seus datos de saúde". Unha situación que "converte nunha quimera" a tan recorrida “humanización” da sanidade, alertan.

Semes Galicia lembra ademais ao Sergas e aos seus máximos responsables o compromiso adquirido hai un ano con todos os xefes de servizos de urxencias para establecer un documento de homoxenización destes servizos no que se traballou intensamente. A agrupación considera que establecer unhas normas básicas de estrutura, organización e funcionamento comúns a todos os servizos sería de grande axuda para mellorar o traballo desempeñado polos profesionais e por engadido a asistencia prestada aos pacientes.

Por último, este colectivo agradece o "compromiso e implicación" dos profesionais para "afrontar, unha vez máis, con enteireza e máxima dedicación esta situación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dr. Bacterio

No CHUAC colapso total nas Urxencias e o Xerente de vacacións