Por E.P. | Compostela | 07/01/2018 | Actualizada ás 19:02
O consellerio de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou que a xudicial "non é a vía" para mellorar o sistema sanitario galego, logo de que algúns sindicatos expuxesen a súa intención de acudir aos tribunais ante as situacións de colapso que se viviron no último mes nos servizos de Urxencia de certos hospitais de Galicia.
Almuiña realizou estas declaracións nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega na que foi cuestionado sobre a situación que viven os servizos de urxencias dos hospitais galegos. Así, o responsable do departamento de Sanidade expresou que esta situación "non é exclusiva de Galicia", senón que se está dando "en moitas comunidades autónomas". "Estes días están a verse nos medios situacións moito máis complexas que en Galicia", apostilou.
Nesta liña, lembrou que "desde hai 15 días" produciuse un aumento "do 40%" nas chamadas ao teléfono do 061, o que fai que se necesiten "reforzos" para atender este repunte das atencións, provocado, en gran parte, polo pico de incidencia da gripe.
"A atención primaria resolve moitos destes problemas. Os Puntos de Atención Continuada (PAC) teñen un nivel de resolución altísima. De cada 100 persoas que van á PAC, 92 volven para o seu domicilio, só sete ou oito son derivados a Urxencias", incidiu.
Así as cousas, logo de defender que os servizos santiarios en Galicia "están preparados", Vázquez Almuiña convidou á cidadanía a "graduar" o seu uso do sistema de saúde.
"Sería moi interesante que a poboación fose graduando as necesidades, desde a chamada ao 061, a atención nos centros de saúde e a PAC, e, como último caso, os hospitais, que están preparados para este tipo de casos", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.