Temas: VEDRA PPDEG

Vedra contratou como arquiveira a unha amiga do voceiro do PP por 7.500 euros para un traballo dun mes

A oposición ve indicios de prevaricación e denuncia que a persoa accedeu "case a dedo" cun procedemento negociado sen publicidade pola súa relación co voceiro do PPdeG. Na proposta enviada á Xunta para obter unha subvención xa ía o seu nome.

Por Xurxo Salgado | Vedra | 10/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

7.581 euros. Iso foi o que cobrou Celia A.M. pola organización dos fondos documentais do arquivo municipal de Vedra (A Coruña). Un traballo que realizou nun mes e cinco días e que estaba previsto, inicialmente, en tres meses e medio. Unha cantidade "excesiva" para a oposición que denuncia irregularedades na adxudicación dun contrato negociado sen publicidade e a posible comisión dun delito de prevaricación e falsidade documental.

Foi a comezos do 2016 cando o concelleiro de Cultura de Vedra, Enrique Vázquez Martínez (PPdeG), solicitou unha subvención á Consellería de Cultura para a organización do arquivo municipal. E no proxecto para a realización dese traballo xa figuraba a persoa, con nomes e apelidos, que sería contratada para o mesmo seis meses despois. Unha persoa que a oposición di que está relacionada co voceiro do PPdeG no municipio e que non é arquiveira ou bibliotecaria profesional, senón historiadora.

O Concello de Vedra recibiu esa subvención. En total 7.581 euros, dos que o propio municipio asumiría o 33%, para realizar un proxecto que o concelleiro Enrique Vázquez calculou que se realizaría en tres meses e medio -- a razón de 560 horas de traballo total--. O traballo consistiría na "migración dos datos do software da versión 2.0 á 3.0 de 5.958 rexistros e actualización do inventario de 145 unidades de instalación", que levaría unha semana; na "catalogación do fondo emigración", que serían dous meses; na "catalogación do Libro de Emigrantes", que levaría unha semana e na "catalogación de 100 anos de actas do pleno", se se realizaría nun mes.

TRABALLO DE TRES MESES, NUN SÓ

Pero, finalmente, o traballo acabaría realizandose nun mes e cinco días. E como é posible facer un traballo estimado en tres meses e medio en pouco máis dun mes?. "Fíxose un cálculo aproximado, xa que os datos concretos saen do traballo, que se fai igual que nas demais solicitudes de subvención", contestaba o concelleiro de Cultura na Comisión Informativa de Economía e Especial de Contas no verán do 2017. Ademais, engadía que "a carga de traballo é aproximada xa que non se pode calcular con exactitude unha carga de traballo que non está cuantificada a priori, que non saben cantas actas hai e o mesmo pasa coa documentación de emigrantes".

Foi o concelleiro non adscrito Roberto Castro Rocamonde o que iniciou unha serie de preguntas e iniciativas no pleno do concello para saber que se ocultaba nesta contratación, ás que logo tamén se sumaría o BNG e PSdeG. Así, ao longo de varios meses do pasado ano, Castro denunciou a existencia de irregularidades, da alteración do obxecto inicial do contrato, da falla de proporcionalidade entre o importe do contrato e o servizo prestado e un tratamento favorable cara a adxudicación do contrato.

7.500 EUROS AO MES

Neste sentido, criticou que se teña reducido a un terzo o traballo orzamentado inicialmente, pero mantendo o importe orixinal. "Esta alteración racha a proporcionalidade entre o importe do contrato e o servizo prestado", sinala en declaracións ao GC e considera que realizar un traballo por pouco máis dun mes e recibir máis de 7.500 euros "é desproporcionado".

Ademais, no proceso houbo outras supostas irregularidades. Así, e aínda que é un proceso negociado sen publicidade, é necesario a presentación de ata tres ofertas. Esas ofertas recibíronse nunha tarde e o xurado para a elección desa persoa --a técnico local de emprego e o responsable do arquivo-- tardou menos dun día en seleccionar á persoa gañadora. A oposición entende que á vista do período entre a data do acordo do procedemento e a data de sinatura do contrato, "había prazo suficiente" para facer o procedemento negociado con publicidade. "Se se lle dera publicidade ao procedemento, parece probable que se recibirían propostas que acreditaran maior competencia/capacidade para o traballo que as recibidas, ao mellor tamén, mellor oferta económica", indica Roberto Castro.

De feito, o secretario do concello fixo constar, tal e como recollen as actas plenarias, que "dado que Vedra é un concello onde toda a xente se coñece, o persoal prefire non participar posto que se presentan, con frecuencia, coñecidos e amizades".

Tanto Roberto Castro, como os voceiros do BNG e a do PSdeG xa fixeron preguntas a este respecto. Pero as respostas do acalde e do concelleiro de Cultura non foron convincentes. Falan, mesmo, da existencia de posibles delitos de prevaricación e falsidade documental.

Carlos Martinez, alcalde popular de Vedra
Carlos Martinez, alcalde popular de Vedra | Fonte: Concello de Vedra

VERSIÓN MUNICIPAL

Pola súa banda, o PPdeG defendou varias veces en pleno este procedemento e mesmo chegou a dar por pechadas varias iniciativas ao respecto aducindo que "deste tema xa se falou en comisión" e que "non se vai falar máis del, nin responder a máis preguntas". Tamén o propio rexedor de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, sinalou que "entende que non hai irregularidades de ningún tipo neste tema".

Con todo, e tras ser, novamente preguntado, porque se adiou a sinatura deste contrato cinco días --ao final a duración do traballo foi menor por este atraso na sinatura, que a oposición di que se debe a problemas da contratada en darse de alta na Seguridade Social--, o rexedor indicou que "a única intervención que tivo foi asinar os documetnos que viñan na carpeta de firma" e que, polo tanto, descoñece o motivo dese atraso. Dixo, tamén, que tampouco sabe se a contratada se deu de alta exclusivamente para este traballo ou se continuou despois.

O concelleiro non adscrito mesmo chegou a preguntar en pleno sobre a relación que manteń o concelleiro e portavoz do PPdeG en Vedra, Lema Mougán, coa contratada. “Son eses favores consecuencia da relación existente entre a contratada e o concelleiro Lema Mougán ou é o xeito habitual de actuar e proceder do señor alcalde?”, dixo nun pleno. “Diso está todo contestado e as preguntas que formula parécenme improcedentes e nego xenéricamente as conclusións ás que quere chegar”, respondía Carlos Martínez que indicaba que a súa forma de actuar é “en base á legalidade e non en base a favores nin a relacións”.

Carlos Martínez, alcalde de Vedra, segundo pola esquerda, con Feijóo e a conselleira Rosa Quintana
Carlos Martínez, alcalde de Vedra, segundo pola esquerda, con Feijóo e a conselleira Rosa Quintana | Fonte: xunta.gal
Interior da biblioteca de Vedra
Interior da biblioteca de Vedra | Fonte: anpacpivedra.blogspot.com
Temas: VEDRA PPDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Uxía Castro

Tantos graduados en Biblioteconomía e Documentación de Ferrol sen posibilidades de traballar e veñen os caciquillos dos pobos a fastidiar aínda máis o panorama...

1 Xian

Esa señora ocupou cargo de designación no goberno bipartito de Touriño como bibliotecaria si que ver o seu curriculo

1 Retrinco

Sé é certo o que di Xian, aínda con máis razón hai que denuncialo. Unha persoa contratada non pode andar cambiando de chaqueta. O transfuguismo está penado. O alcalde de Vedra ten que demitir xa. O único concello decente é o de Pontevedra.