Reclaman a intervención urxente da Xunta para evitar o peche de Maderas Iglesias

O Comité de Empresa volverá reclamar por escrito a intervención da consellería de Industria para garantir a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo, a tres días de comezar a negociar o ERE extintivo para 140 empregados.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/01/2018 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

Unhas 200 familias dos concellos de Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas e Mos veríanse afectadas no caso de que finalmente se consume o peche de Maderas Iglesias, compañía dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha crítica situación económica. Ante isto, o comité de empresa volverá reclamar por escrito a intervención da Xunta para garantir a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

Concentración pola continuidade de Maderas Iglesias.
Concentración pola continuidade de Maderas Iglesias. | Fonte: EP

Maderas Iglesias emprega na actualidade a 249 traballadores. Ademais dos cinco devanditos municipios, que concentran a maior cantidade de empregados (51 en Salvaterra, 38 no Porriño, 36 en Vigo, 32 en Ponteareas e 31 en Mos), a desaparición da compañía deixaría sen posto de traballo a un importante número de persoas en Tui (16), Salceda (13), As Neves (6), Redondela (6) e Tomiño (6). Trátase en todos os casos de empregos directos, polo que a cifra de indirectos sería aínda maior.

Segundo denuncia a CIG, malia que hai xa tres meses que se aprobou por unanimidade do pleno do Concello do Porriño unha moción reclamando a intervención da Xunta para garantir a supervivencia da compañía e o mantemento dos postos de traballo, o Goberno galego aínda non se puxo en contacto co Comité de Empresa. “Non sabemos cal pode ser a axenda do conselleiro de Industria para que neste tempo non fixese nada para salvar unha das compañías máis importantes do sur da provincia de Pontevedra, e da que dependen centos de familias”, denuncia o sindicato.

ERE extintivo

En decembro, a representación do cadro de persoal mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Parlamento e co Igape para demandarlles un compromiso político co futuro de Maderas Iglesias. Neste senso, reclámanlle aos Concellos afectados nos que goberna o PP “que dean un paso adiante en defensa do emprego en Maderas Iglesias”. O comité, pola súa banda, reiterará por escrito a petición para que a Xunta interveña.

A CIG lembra que cada vez queda menos tempo para buscar unha solución que evite o peche da empresa, xa que o vindeiro venres terá lugar a primeira xuntanza para negociar o ERE extintivo que afectará a 140 traballadores. “Non entendemos a inoperancia da consellería a catro días de que se produza unha reunión da que depende en boa medida o futuro da empresa e o de centos de familias”, sinalan dende este sindicato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta