O Goberno galego segue apostando polo sistema de incineración de Sogama

Autoriza a licitación do novo contrato para o mantemento da rede de plantas desta empresa por 24 millóns de euros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/01/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama),  continuará co modelo de incineración. Por iso, acaba de licitar por un importe de 24.308.100 euros (+ IVE) o servizo de operación e mantemento da súa rede de plantas de transferencia, conformada por 20 instalacións distribuídas estratexicamente polo conxunto do territorio galego para dar servizo aos municipios limítrofes. 

Planta de Sogama en Cerceda
Planta de Sogama en Cerceda

Este acordo, estipulado inicialmente para un período de 3 anos, poderá ser prorrogado de forma expresa ata un máximo de 5, cunha posible prórroga excepcional doutro ano máis. O obxectivo último deste concurso, segundo a Xunta, “é que Sogama siga prestando, en igualdade de condicións e no marco dos principios de equidade e solidariedade, un servizo de calidade aos concellos adheridos ao seu modelo, evitando desta forma que as distancias que, nalgúns casos, poida haber entre estes e o seu centro de tratamento de Cerceda (A Coruña) representen algún tipo de limitación”.

CONTRA A DISPERSIÓN POBOACIONAL

A empresa pública defende o seu sistema porque, di, apostou no seu momento por poñer en marcha unha rede de plantas de transferencia "para solucionar a dificultade loxística que supoñía a elevada dispersión da poboación galega". Así, cre que todos os municipios da comunidade, con independencia das súas características e situación xeográfica, poden as mesmas prestacións e non ver incrementados os custos derivados da necesidade de percorrer nalgúns casos longas distancias para dar un correcto tratamento aos seus refugallos.

O labor das plantas de transferencia é precisamente o de trasvasar os residuos urbanos desde os camións de recollida municipal a contedores de gran capacidade (40-43 metros cúbicos) aptos para seren transportados, por tren ou estrada, a longas distancias e nas mellores condicións de seguridade, hixiénicas e ambientais. “Polo tanto, neste tipo de instalacións non hai almacenamento, manipulación ou tratamento de refugallos, contando, aínda así, coas medidas de protección ambiental máis exixentes”, defende a Xunta.

Sogama
Sogama

Sogama lembra que as súas plantas atópanse situadas en polígonos industriais e están conformadas por unha nave pechada que impide a emisión de ruídos cara ao exterior da instalación, equipos de aspiración e filtrado de aire nas tolvas de descarga, “o que evita a emisión de po e cheiros, e sistemas de depuración de augas”.

GUIXAR, A PRIMEIRA

A primeira planta de transferencia en poñerse en funcionamento foi a de Vigo (Guixar), no ano 1995, incorporándose progresivamente as 19 restantes á infraestrutura industrial de Sogama: Corcubión, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense (San Cibrao das Viñas) e a Rúa, na provincia de Ourense. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta