Dentes de tiburón para rexenerar óso humano

Científicos da Universidade de Vigo desenvolveron un novo recheo óseo a partir de dentes de quenllas procedentes da pesca sustentable, que ademais permiten valorizar os descartes no sector.

Por Galicia Confidencial | Vigp | 14/01/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Os biomateriais están en auxe. Son un aliado perfecto para a medicina rexenerativa na procura de solucións innovadoras no tratamento de tecidos danados por enfermidades. Científicos da Universidade de Vigo conseguiron desenvolver un novo recheo óseo a partir de dentes de tiburóns procedentes da pesca sustentable, que ademais permiten valorizar os descartes no sector.

O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo aproveita os descartes da pesca para rexenerar óso humano
O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo aproveita os descartes da pesca para rexenerar óso humano | Fonte: ganadores.gal.

Até o ano 2013, cando a Unión Europea puxo punto e final aos tempos de tirar pola borda os peixes con tamaño insuficiente para a súa comercialización e as capturas que excedían as cotas fixadas para cada embarcación, cada ano eran devolvidos ao mar uns sete millóns de toneladas de peixes, segundo a Organización para a Alimentación e a Agricultura. As autoridades comunitarias defenderon que desperdiciar non ten ningún sentido polo baixo rendemento do sector e a escasa viabilidade das zonas de pesca. Por iso, todas as capturas deberán descargarse en porto a partir de 2019. O veto aos descartes, con todo, implica un enorme reto para buscar usos alternativos a especies ou partes dos peixes que non se destinan ao consumo.

Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo participou nun dos proxectos europeos do Arco Atlántico para a valorización de recursos e descartes da pesca. “Naquel programa había investigadores para obter coláxeno das peles dos peixes, omega 3 dos fígados ou acido hialurónico dos ollos para a industria farmacéutica, a alimentación ou a estética”, conta Pío González, coordinador do grupo. En que podían centrarse eles? A súa experiencia en materiais cerámicos e as abundantes descargas no porto de Vigo de pequenos tiburóns procedentes da pesca sustentable puxeron en bandexa o aproveitamento dos dentes dos escualos para obter cerámicas biocompatibles que permitan tratar ósos humanos danados por fracturas ou debido a un cancro.

Cunha dilatada traxectoria en investigación e desenvolvemento de materiais avanzados, particularmente biocerámicas, o grupo analizou as propiedades dos dentes dos tiburóns, que teñen unha composición moi similar á do óso humano, “pero mellor pola importante presenza de flúor”, di o catedrático de Física.

Os elementos básicos dos ósos son o fósforo e o calcio. Os dous tamén están presentes nos dentes, que ademais teñen flúor. No caso da dentadura da quenlla, a concentración de flúor é relativamente alta, entre un 2% e un 3%, o que lle confire unha maior dureza e protección. “Non hai no mercado un produto de procedencia mariña destas características”, afirma Pío González.

As dúas alternativas de biomateriais para recheo óseo existentes na actualidade son as sintéticas e as biolóxicas. As primeiras elabóranse con procesos puramente químicos. Nas de orixe biolóxica trabállase con ósos de gando vacún, equino, porcino e mesmo caprino.

O achádego do grupo da Universidade de Vigo non é só unha solución innovadora polo aproveitamento de recursos mariños. “Temos unha composición mellorada pola presenza do flúor e doutros elementos minoritarios que xogan un papel fundamental na formación do óso”, apunta González. Unha vez aplicado o recheo, no óso prodúcese unha cadea de reaccións das células para a súa rexeneración. Os elementos minoritarios aos que se refire González (pequenas cantidades de sodio, magnesio ou estroncio) funcionan coma un abono na reconstrución natural da zona afectada.

ÉXITO DAS PROBAS

Pensando desde o principio na súa futura fabricación a escala industrial, o grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo deseñou un sistema de procesado sinxelo para os dentes de variedades de tiburón coma o marraxo ou a quenlla. Lávanse, tritúranse e sométense a un quecemento a alta temperatura para eliminar a parte orgánica e deixar só a compoñente mineral do dente.

“Ese é o noso produto”, sinala González. Un recheo destinado a recuperar tecido óseo antes da colocación dun implante en casos de fracturas e perdas de pezas dentais, ou en ósos afectados polo cancro nos que se tivo que retirar una parte para limpalo de células canceríxenas. “A cavidade énchese con este biomaterial e o propio óso do paciente vaise rexenerando”, explica.

Os ensaios in vitro e as probas in vivo en pequenos animais demostraron o éxito do produto: biocompatible, sen toxicidade e con capacidade para promover a rexeneración ósea ao mesmo nivel que outros recheos comercializados.

FUTURA EMPRESA

Coa patente do proceso de fabricación autorizada pola UE, o grupo de Novos Materiais avanza noutra para a protección industrial do uso en aplicacións clínicas. “A investigación sabemos facela, estamos habituados. Os problemas empezan cando queres transferir ese coñecemento”, apunta Pío González.

É unha “etapa complicada”, afirma, porque “non é doado que o sector empresarial busque novas tecnoloxías na universidade –engade–. Por iso somos nós os que canalizamos as patentes para achegalas ao mercado. Cando as empresas ven que o produto está máis preto da comercialización, entón si son receptivas”.

Boa parte das dificultades están sendo aliviadas grazas á participación en Ignicia, o programa da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié, para facilitar o acceso ao mercado das iniciativas impulsadas polos investigadores galegos e xerar novas empresas, patentes e emprego de alta cualificación.

“Puidemos contratar persoal especializado para preparar un bo plan estratéxico, de negocio e marketing, e incrementar a protección industrial –lembra González–. É un programa perfecto para cubrir esas necesidades, sobre todo en proxectos de sectores coma este, o biomédico, que non son tan inmediatos para vender coma outros”.

A finais do próximo ano está prevista a constitución formal da empresa. Para ese momento o grupo quere contar xa coas autorizacións de marca e os permisos para os ensaios en humanos. “Para a fabricación, a idea é dispoñer dunha planta no Campus de Vigo, onde podemos traballar coas certificacións de calidade que esixe a Axencia Europea do Medicamento”, adianta o coordinador do proxecto nunha reportaxe publicada en Con G de ganadores, espazo de divulgación da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta