Tiburóns que se venden na lonxa de Vigo superan os límites de mercurio permitidos pola UE

Un estudo de científicos franceses mostra que os exemplares máis grandes de quenlla e marraxo que chegan á lonxa viguesa teñen concentracións de mercurio por enriba do límite máximo permitido para o consumo. Isto, advirten, supón "un problema para as autoridades pesqueiras galegas". O porto de Vigo leva anos no punto de mira de ecoloxistas, científicos e xornalistas estranxeiros polo comercio masivo e sen límites de carne e aleta de tiburón.

Por Alberto Quian | Vigo | 09/01/2018 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Os exemplares máis grandes de quenlla (Prionace glauca) e marraxo azul (Isurus oxyrinchus) que se desembarcan no porto de Vigo teñen niveis de mercurio por enriba do límite máximo permitido pola Unión Europea para a súa comercialización. Así o constatou un equipo científico francés que analizou en laboratorio 88 exemplares destas dúas especies que se venden na lonxa viguesa, o maior centro comercial de Europa de carne e aleta de tiburón, no punto de mira dos ecoloxistas.

Tiburóns na lonxa de Vigo, nunha imaxe da reportaxe 'Cazando al depredador: la pesca de tiburones en Europa', da cadea de televisión estadounidense Univisión.
Tiburóns na lonxa de Vigo, nunha imaxe da reportaxe 'Cazando al depredador: la pesca de tiburones en Europa', da cadea de televisión estadounidense Univisión.

O estudo foi realizado por investigadores do Institut Méditérranéen d'Océanographie, o Institut Français de Recherche pour l'Exploitation de la Mer e o Littoral Environnement et Sociétés, todas elas institucións científicas francesas. Os resultados publícanse na revista científica Marine Pollution Bulletin nun artigo titulado 'Mercury in blue shark (Prionace glauca) and shortfin mako (Isurus oxyrinchus) from north-eastern Atlantic: Implication for fishery management'.

Os autores analizaron en laboratorio as concentracións de mercurio no músculo de exemplares de Prionace glauca e Isurus oxyrinchus capturados entre as Azores e a Península Ibérica e desembarcados, frescos e conxelados, na lonxa de Vigo por barcos galegos e portugueses.

As capturas de tiburón son maiormente xuvenís cun nivel de mercurio aceptable. Pero os exemplares máis grandes teñen concentracións de mercurio que superan o límite máximo permitido pola UE para a súa comercialización.

A maioría dos tiburóns desembarcados e analizados foron xuvenís que presentaron unha concentración media de mercurio inferior ao límite máximo permitido pola Unión Europea para a súa comercialización e consumo humano (1 mg kg− 1 de peso fresco). Porén, e este é o resultado máis substancial da investigación, detectáronse concentracións por enriba deste limiar nos exemplares máis grandes, en quenllas de máis de 250 centímetros de lonxitude e en marraxos de máis de 190 centímetros. Esta evidencia cuestiona, segundo os científicos, a comercialización de individuos de gran tamaño.

Tiburóns amoreados no porto de Vigo
Tiburóns amoreados no porto de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.

Os científicos tamén acharon que as concentracións de mercurio aumentan significativamente co tamaño, a idade e o peso en ambas as especies, pero a unha taxa máis alta no marraxo que na quenlla. Porén, non se atoparon diferenzas co sexo dos exemplares, o ano ou a estación da captura. 

Trátase de dúas especies de depredadores altamente móbiles capaces de migrar ao longo de miles de quilómetros no Atlántico Norte e cunha alta capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais. Isto explicaría, segundo os científicos, a ausencia de diferenzas significativas nas concentracións de mercurio entre sexos, estacións e anos en ambas as especies.

Os palangreiros capturan principalmente individuos pequenos, polo que os xuvenís representan a maior parte dos desembarques en Vigo para ambas as especies (73% das quenllas e 94% de marraxos). Como ben sinalan os autores do estudo, a posición destas especies de depredadores de alto nivel na cadea trófica mariña fainos especialmente susceptibles de conter unha alta concentración de contaminantes e particularmente de mercurio, que pode causar danos á saúde humana como efectos tóxicos nos sistemas nervioso, dixestivo, cardiovascular e inmunolóxico e alteracións no neurodesenvolvemento fetal.

Por isto, xa que o consumo de organismos mariños contribúe á maior inxesta de mercurio en humanos, os regulamentos da Comisión Europea establecen un nivel máximo de concentración deste elemento químico metálico que se sitúa en 1 mg kg− 1 de peso fresco para depredadores peláxicos de alto nivel trófico.

Tamén se detectaron altos niveis de mercurio, por enriba do que permite a regulación europea, nalgúns exemplares de tiburón azul a partir de 200 centímetros e nalgúns marraxos a partir de 150 centímetros de lonxitude.

O nivel total de mercurio no músculo variou de 0,14 a 1,71  mg kg− 1 de peso fresco nos exemplares de tiburón azul desembarcados na lonxa de Vigo e de 0,12 a 2,57 mg kg− 1 nos marraxos, sendo os de maior tamaño os que presentaban concentracións por enriba do permitido. 

Practicamente todos os exemplares de tiburón azul de máis de 250 centímetros de lonxitude e de marraxos de máis de 190 centímetros mostraron niveis de mercurio superiores ao legal, polo que os expertos consideran que os exemplares con estas dimensións son de risco para a saúde humana. Pero tamén se detectaron altos niveis de mercurio, por enriba do que permite a regulación europea, nalgúns exemplares de tiburón azul a partir de 200 centímetros e nalgúns marraxos a partir de 150 centímetros de lonxitude.

Isto levou aos científicos a definir un rango de tamaño de risco potencial para os consumidores con individuos entre 200 e 250 centímetros para o tiburón azul e de 150 a 190 centímetros para o marraxo.

AVISO ÁS AUTORIDADES GALEGAS

Os resultados deste estudo acenden unha alerta dirixida as autoridades galegas. Os científicos lembran que a Consellería do Mar está obrigada a aplicar a normativa europea e a controlar o estado sanitario de todos os produtos do mar desembarcados nos portos galegos. Porén, este estudo evidencia que non todos os tiburóns desembarcados e comercializados en Galicia cumpren cos requisitos mínimos de calidade que se esixen para o consumo humano.

A comercialización do tiburón supón "un problema para as autoridades pesqueiras galegas en canto ao cumprimento da lexislación europea", alertan os científicos, que critican a falta de regulación sobre as capturas.

A comercialización de grandes exemplares de tiburón e marraxo azuis en Galicia supón "un problema para as autoridades pesqueiras galegas en canto ao cumprimento da lexislación europea", advirten os científicos franceses, que sinalan o problema de que a pesca de tiburón non está regulada en España, xa que non existen nin cotas nin límites de tamaño, polo que os investigadores, á vista dos resultados obtidos, solicitan que se apliquen medias que limiten ou cando menos regulen as capturas destas especies.

En concreto, os autrores deste traballo aconsellan evitar a captura e comercialización de individuos que excedan as lonxitudes que marcaron como de risco sanitatio para ambas as especies: tiburón azul de máis de 250 centímetros de lonxitude e marraxos de máis de 190 centímetros. Recomendación que podería estenderse aos exemplares de "risco potencial", de 200 a 250 centímetros para o tiburón azul e de 150 a 190 centímetros para o marraxo azul.

"O desembarco de quenllas e de marraxos en Vigo durante a próxima década debería supoñer a implementación de medidas de xestión para a explotación pesqueira sustentable e a conservación destas especies", conclúen os científicos.

VIGO, NO PUNTO DE MIRA

A lonxa de Vigo leva anos no punto de mira de grupos ecoloxistas, activistas e tamén xornalistas estranxeiros que veñen denunciando a caza intensiva de tiburóns e a comercialización masiva de aletas de tiburón, cuxo principal mercado é Asia e, principalmente, China. Un estudo internacional no que participou o Centro Tecnolóxico do Mar de Vigo (CETMAR) xa advertiu da necesidade de establecer novas cotas de captura para protexer as quenllas no Atlántico Norte ante o risco de sobrepesca, principalmente pola actividade dos buques galegos e portugueses.

Xornalistas alemáns titularon 'Carnicería en Europa' unha reportaxe feita no porto de Vigo sobre o comercio de aleta de tiburón; a canle estadounidense Univisión tamén criticou a falta de límites para a captura e comercialización na lonxa viguesa de quenllas e marraxos.

O certo é que centos de miles de tiburóns son atrapados por buques pesqueiros cada ano. As especies de escualos máis fortemente explotadas a nivel comercial, no caso do palangre de superficie, son precisamente o tiburón e o marraxo azuis.

Os investigadores franceses constataron que entre os anos 2001 e 2015 se desembarcaron de media no porto de Vigo 2.167 toneladas de tiburón azul e 501 toneladas de marraxo.

O porto vigués foi sinalado en agosto de 2015 por xornalistas da publicación alemá Unterwasser.de como “o centro comercial máis grande en Europa de carne de tiburón, encuberto, por suposto”. O traballo de investigación dos xornalistas xermanos, feito con cámaras ocultas e titulado 'Carnicería en Europa', apunta a que o 30% de todas as aletas de quenlla comercializadas no mundo proveñen de Europa, e "Vigo é un dos seus eixos principais". Ademais, o 98% de todas as quenllas capturadas no Atlántico cóbranse mediante o palangre e só entre 2004 e 2010 a poboación de tiburóns descendeu, pola caza intensiva, unha media do 75%. 

Os alemáns non son os únicos xornalistas que fixaron a súa atención no porto de Vigo como símbolo da caza e comercialización do tiburón. Por exemplo, a cadea de televisión estadounidense en español Univisión publicou en xuño de 2017 unha reportaxe titulada 'Cazando al depredador: la pesca de tiburones en Europa', no que o corresponsal Nicolás Ibargüen se adentrou no porto vigués, "centro neurálxico da exportación de aletas de tiburón a Asia", onde logrou un "acceso privilexiado" para presenzar a descarga das capturas de quenllas realizadas por unha embarcación tras dous meses en alta mar.

Ibargüense lembra aos telespectadores que a caza do tiburón se fai sen regulación algunha, "sen ningún tipo de limitación: non hai límite de tamaño, non hai límite de peso, non hai límite de zona... Poden pescar todo o ano", describe o xornalista en plena lonxa viguesa ante os exemplares de marraxos capturados: "É difícil de entender. Estes son marraxos, especie declarada vulnerable... Non vexo como isto é sostible", denuncia na reportaxe ante os corpos amoreados dos tiburóns.

"Tras visitar lugares como Bahamas ou Palau onde prohibiron a pesca de tiburóns, Univisión desprázase ata o corazón da Unión Europea onde aínda son necesarias regulacións para a pesca destes depredadores. A sustentabilidade das capturas de quenllas, a debate", anunciaba a cadea estadounidense, que engadía para promocionar a reportaxe: "Por sorprendente que pareza, España ocupa o segundo lugar no mundo cando se trata da pesca de quenllas. Así se recolle nas estatísticas da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO). Só Indonesia captura máis tiburóns".

Cazando al depredador: la pesca de tiburones en Europa

España ocupa el segundo lugar en el mundo cuando se trata de la pesca de tiburones solo superado por Indonesia. Esta es la realidad que denuncia el corresponsal ambiental de Univision y Fusion, Nicolás Ibargüen en este documental.

A empresa galega Propegal foi declarada "Inimigo do ano 2015" por SharkProject; Greenpeace denunciou ese ano a descarga de 59 toneladas de tiburón en Vigo dun buque pirata portugués; hai un ano, a organización Ocearch situaba en Vigo un exemplar de quenlla desaparecido que formaba parte dun programa científico.

Vigo está tamén marcado en vermello por distintas organizacións ecoloxistas pola comercialización de aletas de tiburón, cortadas inmediatamente trala captura do exemplar, cuxo corpo logo se tira pola borda; isto é, a práctica coñecida como 'finning', prohibida pola Unión Europea desde 2003.

A organización SharkProject declarou a empresa galega Propegal S.L., con base en Vigo "Inimigo do ano 2015" por declararse "un dos líderes do comercio global de aletas de tiburón".

"Propegal non é a única nin a máis grande empresa deste tipo, nin en España nin en Vigo; con todo, é a única que fachenda dunha maneira ofensiva. Propegal acelera a extinción das quenllas no océano e cínicamente trivializa este feito", argüíu

Por exemlo, en 2015, a organización ecoloxista internacional Greenpeace denunciou o barco pirata portugués Ártico, palangreiro con base en Burela desde o que foran descargadas en Vigo 59 toneladas de tiburóns conxelados coas aletas acernadas. O caso tamén foi denunciado en Galicia Confidencial.

"De bandeira portuguesa, propiedade de Pescarias Cayon & Garcia LDA, este barco pesca no outro lado do mundo en augas internacionais apenas na liña que separa o límite das 200 millas, a Zona Económica Exclusiva, de Nova Zelandia. A pesca con palangre pode producir capturas accidentais, pero que pasa cando estas capturas non son por accidente, senón que son o obxectivo da pesqueira? O cargamento incautado en Vigo levantou as sospeitas de que 59 toneladas de quenllas non poden ser cousa do azar, senón que este barco pirata que di pescar atún o que está a pescar é tiburón. Das 190 toneladas de peixe, 59 toneladas eran as especies de tiburóns, incluíndo 4,5 toneladas de aletas", denunciou Celia Ojeda, responsable de Océanos e Pesca de Greenpeace.

Un caso singular produciuse hai agora un ano, cando a organización Ocearch pediu colaboración cidadá para coñecer o paradoiro dun tiburón azul que estaba sendo monitorizado no seu programa global de seguimento e estudo de quenllas. Os datos de GPS situaron o exemplar na área de Vigo, onde tería sido transportado tras ser capturado por algún buque.

O exemplar fora bautizado co nome de 'Machaca'. Tratábase dunha quenlla macho duns 2,5 metros de lonxitude e duns 102 quilogramos de peso. O espécime fora marcado o 25 de agosto de 2016 en Cabo Cod, Massachusetts (Estados Unidos), por investigadores do Woods Hole Oceanographic Institution (WHOI) e pasara a formar parte dun estudo internacional sobre tiburóns, incorporándose ao proxecto de monitorización de diversas especies mariñas que mantén a organización Ocearch en todo o planeta para o seu seguimento, estudo e conservación.

Os últimos datos recollidos por GPS situaron a 'Machaca' na ría de Vigo, onde se lle perdeu o rastro. Os científicos deron por morto este exemplar de Prionace glauca, pero tentaron acadar pistas para coñecer cal foi o seu destino.

Os datos do GPS especificaron toda a ruta que seguiu o tiburón azul dende a costa atlántica norteamericana até Galicia, a onde tería sido transportado trala súa captura por algún buque palangreiro. Os últimos datos xeolocalizados do exemplar situárono entre o 27 de decembro de 2016 e o 5 de xaneiro de 2017 entre Vigo e O Morrazo, onde hai unha importante industria frigorífica e de elaboración de pescado.

"Cremos que 'Machaca' foi capturado por palangreiros en augas internacionais ao sur dos Grandes Bancos —parte da plataforma continental de América do Norte, no Atlántico, ubicada ao sueste e sur de Terranova e Labrador—", denunciaron dende Ocearch, cuxos científicos, baseándose nos datos obtidos da monitorización do animal, aseguraron que o espécime se atopaba en Vigo, o porto de Europa con maior volume de comercio de quenllas.

Poxa de quenllas na lonxa de Vigo
Poxa de quenllas na lonxa de Vigo | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta