A néboa provoca un novo caos aéreo en Vigo por defectos no asistente de aterraxe

Dous avións foron desviados a Santiago de Compostela e A Coruña. Os pasaxeiros que tiñan previsto coller eses voos de volta á capital española tiveron que desprazarse por carretera aos outros dous aeroportos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/01/2018 | Actualizada ás 10:37

Comparte esta noticia

Os dous voos de primeira hora da mañá deste martes procedentes de Madrid e con destino Vigo, que operan as compañías Iberia e Air Europa, foron desviados a Santiago de Compostela e A Coruña debido a que a terminal de Peinador non tiña operativo o asistente de aterraxe no seu nivel máis alto.

Néboa no aeroporto de Peinador
Néboa no aeroporto de Peinador | Fonte: Vigoe.com

Fontes de Aena confirmaron a Europa Press que estes dous voos correspóndense co Air Europa con aterraxe prevista en Vigo sobre as 7,55 horas e o Iberia con aterraxe prevista ás 8,40. Estas mesmas fontes explicaron que tiveron que desviarse posto que o ILS --o asistente de aterraxe en caso de néboa-- está en categoría un e non tres desde este luns, debido a que fallou unha peza que compón este sistema. Ao longo da xornada está previsto que quede solucionado.

Ademais das chegadas, quedaron afectadas as dúas saídas previstas desde Vigo cara a Madrid, que partiron desde os aeroportos onde finalmente aterraron os avións, para o que as compañías habilitaron transporte por estrada para os usuarios.

Unha das persoas afectadas foi o secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, quen tiña prevista a súa saída desde Vigo e o seu voo partiu finalmente da Coruña. O sindicalista estaba citado no Congreso para participar na comisión de investigación sobre a crise financeira.

Segundo explicou en declaracións a Europa Press, no seu caso non daba chegaba a tempo a Madrid para poder incorporarse á comisión do Congreso voando coa nova reprogramación, así que enviou un xustificante á Cámara Baixa para explicar os motivos da súa ausencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta