Temas: LOBO FAUNA

Piden á Xunta que suspenda o campionato de caza do raposo trala morte dun lobo a tiros

A asociación ACOPO únese ás voces que apuntan a participantes neste certame como posibles autores da morte a tiros dun lobo en Barro, en zona protexida para este animal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

A morte a tiros dun exemplar novo de lobo ibérico no municipio de Barro segue suscitando reaccións e denuncias. Trala denuncia dos axentes ambientais e de varios grupos ecoloxistas, agora é a asociación ACOPO para a conservación do lobo ibérico e outras especies ameazadas pide á Xunta que actúe e se busque ao responsable ou responsables do abatemento do animal.

Lobo ibérico novo morto por disparos
Lobo ibérico novo morto por disparos | Fonte: Doc Portas @dendeoconfesionario

Este xoves, ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), ASCEL (Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo Ibérico) e GEAS (Grupo de Estudio dos Animáis Salvaxes) emitiron un comunicado conxunto no que solicitan que se investige este feito e apuntaron ao polémico campionato de Pontevedra de caza de raposo (proba clasificatoria para o galego), xa que a morte do lobo atopado coincidiu coa celebración deste certame e "cabe determinar se existe unha relación circunstancial", argúen.

Agora, ACOPO vén de solicitar á Xunta de Galicia a "suspensión cautelar do campionato galego de caza de raposo en Dozón pola morte dun lobo por disparos, presuntamente durante a cacería ao raposo realizada recentemente en Barro", expoñen.

"Un feito como este non debe quedar impune, a Administración debe tomar medidas cando todo sinala que un grupo de cazadores concreto matou ilegalmente un lobo, especie protexida", argúen.

ACOPO tamén solicita á Administración que adopte unha "postura exemplarizante" ante casos coma este.

"Os nosos datos apuntan que nalgunhas familias o 50% dos exemplares de lobos desaparecen entre setembro e decembro, coincidindo co inicio das batidas ao xabaril. A pesar de trasladar ano tras ano á Xunta esta problemática, e expor propostas coherentes para mellorar a xestión da especie, atopámonos con que non hai vontade por parte da Administración por protexer o lobo", láianse.

Por este motivo, tamén solicitan á Xunta que "abandone a súa postura pasiva na conservación do lobo ibérico" e que "revise o seu actual modelo de xestión, tendo en conta as propostas conservacionistas, e non exclusivamente as cinexéticas e gandeiras".

Temas: LOBO FAUNA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta