Unha pregunta incómoda: Pasará algunha vez o Franquismo?

Pois, ao paso que imos, non o sei. Diante do autoritarismo que agora medra en España, moitos opinan que trátase do Franquismo residual —“os franquistas do 155”, etc.—, que nunca da desaparecido.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 22/01/2018

Comparte esta noticia
Pero xusto porque non da desaparecido, un xa empeza a cuestionarse. Podería realmente o Franquismo explicar toda esta marea non democrática? Por unha banda, corenta anos é moito; por outro, os que Franco leva falecido, xa son máis. Engádase, por outra banda, que aínda máis durou o Salazarismo, e con todo os portugueses non están tan obsesionados.
 
Témome que indo aos reigaños atopemos que os anos sen democracia non foron corenta, senón máis ben... catrocentos (por dicir). De ser así, o excepcional do Franquismo sería a sua orixe bélica, así como a súa duración, pero non o feito de ser autoritario, pois iso foi o común. Ou é que na España houbera algunha vez corenta anos seguidos de demoliberalismo? Houbo algunha constitución, non sendo a actual, que fose un “documento vivo”? Antes do 1936, foi España algunha vez democrática e descentralizada? A tradición política española —incluíndo o Despotismo Ilustrado— é de centralismo, escasa liberdade política e sociedade débil. Síntoo, pero España ten menos tradición democrático-constitucional que, p. ex., Chile.
 
No fondo, son cousas que todos sabemos. No s. XVIII (como no XVII ou no XIX) en Galicia (como na periferia toda), non se ensinaba en galego. Naquil século fixéronse as estradas radiais, aínda que Madrid estivese entón menos poboada que a provincia de Lugo. Pasemos ao XIX: Isabel II era impresentable; os Alfonsos, uns faladeiros e simpáticos mullereiros que non acababan de ser reis constitucionais. No réxime máis presentable ata 1978, a Restauración (1874-1931), “fabricar” eleccións era habitual. E en realidade a Segunda República, de non ser polo golpe militar que a acabou, sería lembrada de outra maneira. Durante ela houbo censura de prensa e varias brutais represións (só en Arnedo, 11 labregos mortos e 30 feridos). Curas e monxas (parte que me toca familiarmente), morreron naqueles anos uns 5.000. A Revolución de Asturias (1934) xerou de 1500 a 2000 mortos en poucos días (nota: os mortos de ETA, que non foran poucos, non chegaron a mil en 50 anos).
 
Azaña, como Largo Caballero, como Calvo Sotelo, eran centralistas; como tamén foran Felipe V, Carlos III ou Cánovas; realmente, que gobernante español non o foi? Que gobernante español tentou un demoliberalismo de verdade, sen reservarse o control remoto? Cál deles quixo unha sociedade civil forte, un poder xudicial realmente independente, ou unha BBC? Cál creu nuns dereitos políticos innatos? Cal dos actuais cre? Despois do 2 de maio de 1808, cando saíu da xente un “we, the people” ou equivalente?
 
A cousa é sinxela: se o miolo do problema fose o Franquismo, algún día daría rematado, como todo o baseado nunha persoa. Ningún gobernante podería, por sí só, fabricar un tan duradeiro conxunto de actitudes —case unha cultura política—; menos aínda, un home non particularmente cultivado e un réxime moi probe ideolóxica e institucionalmente. Mesmo nin o réxime soviético puido, con toda a súa impresionante armazón.
 
A Constitución actual foi un gran progreso, un documento bastante vivo e unha democracia que, aínda que imperfecta e controlada, non era unha farsa. Pero ante a crise económica de 2008 e a actual crise catalá, mostrou os seus límites —ou mostrounos a clase política, pois con mal patrón non hai barco bo—. Como sentenciaba un profesor aquí, “España non é un país libre, nunca o foi e nunca o será” (espero que a profecía non se cumpra). No século XIX os europeos dicían que unha constitución en España era unha man de cal nunha parede de pedra. Por primeira vez na historia, a actual estaba a desmentir iso.
 
Desde a idade media, con variacións e altibaixos, os españois tenderon á intolerancia e dogmatismo (os galegos, menos; polo menos ata agora). Cústalles discrepar sen alporizarse (isto mesmo empeorou ultimamente) e aman a uniformidade; de aí a súa pouca afección a todo pluralismo que non sexa o politicamente correcto. Aceptan a liberdade política e a disidencia lexítima con dificultade; polo menos, non aceptan alegremente as súas consecuencias.
 
En moitas cousas, os españois cambearon tanto que o meu avó non recoñecería a estes “xermanos do sur que tolean por falar inglés”, cada vez máis distintos de Italia e Portugal, pero algunhas das actitudes políticas de hoxe suxiren unha continuidade de séculos. A de “seguir ao abandeirado” —todos opinando igual, todos mirando mal ao disidente (Paco Ibáñez, 1960s)—, mesmo empeorou, pois hoxe a uniformidade parece ser máis espontánea, con gran apoio social ao goberno e á policía, nonembargantes da dureza usada con Cataluña. A universidade franquista producía rebeldes, a de hoxe, non; e nin a esquerda llo pide.
 
Conclusións? Pois non vexo moitas máis que unha verdade incómoda: no fondo gostaríamos de que o problema fose do Franquismo porque (á parte de fornecer munición retórica e outras vantaxes menores) algún día pasaría. Pero se o problema é de España, non pasará tan facilmente.
 
Segundo a miña modesta e non demostrable conxectura, o Franquismo levaría xa algún tempiño no cemiterio ideolóxico-institucional. Franco era un home do pasado. Por tanto, o fenómeno de agora sería o autoritarismo español de sempre, pero, e aquí estaría a novidade, en versión postmoderna e do futuro —ou sexa, un autoritarismo postdemocrático, tecnolóxico, policíaco, controlador, tributario, sancionador, videovixiante, mediático, implacable—, reformulación moi impulsada dende os tempos de Aznar, e que tendería, a longo prazo, a facer dos cidadáns, súbditos: avanzados, tecnolóxicos e consumistas, pero súbditos.
 
Nada desexo máis que trabucarme.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.