Os médicos interinos acusan o Sergas de "humillalos"

Asmig carga contra o sindicato CESM-OMEGA e o Servizo Galego de Saúde por deixar fóra da carreira profesional a todo o persoal interino e laboral, e anuncia accións xudiciais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/01/2018 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

"O Sergas humilla os médicos interinos ao negarlles a carreira profesional". Esta é a denuncia que fai Asmig (Asociación de médicos interinos de Galicia), tralo acordo alcanzado a finais do pasado ano entre o Servizo Galego de Saúde e o sindicato CESM-OMEGA, "do que agora se empezan a coñecer detalles" e que "deixará fóra da carreira profesional a todo o persoal interino e laboral", censura Asmig.

Médicos.
Médicos.

"Contravindo a doutrina legal que están a impoñer diferentes instancias xurídicas en toda España, dando a razón aos interinos, o Sergas disponse a dar un novo paso para converter o aumento da fenda salarial entre interinos e fixos nun novo motivo de discordia e división dentro da profesión médica", alertan os denunciantes.

Asmig sitúa o Sergas como parte do “selecto grupo” dos sistemas de saúde do Estado que negan aos interinos de longa duración os seus dereitos salariais e laborais, ao mantelos como "persoal de segunda clase e man de obra barata". Aí inclúen, ademais de Galicia, Madrid, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Navarra, e A Rioxa.

A asociación de médicos interinos recorda que existen xa diversos estudos comparativos, como o de Cantabria, que poñen de manifesto que "o único motivo de manter a actual precariedade é o do aforro económico". 

En Galicia hai nestes momentos, segundo Asmig, 663 médicos sen praza en propiedade, polo que o aforro para a Xunta podería superar os 4 millóns de euros, calculan.

Segundo un estudo levado a cabo por esta asociación mediante datos manexados por diversos sindicatos, as diferenzas entre comunidades autónomas neste asunto é radical, xa que tan só oito (Estremadura, País Vasco, Cataluña, Baleares, Asturias, Cantabria, Castela-León e Castela- A Mancha) garanten un f"uturo prometedor para os interinos", ao chegar a acordos cos sindicatos ou forzados por decisións xudiciais, como no caso de Cantabria e Castela-León. En breves datas, recordan, incorporarase Madrid.

Asmig subliña o caso do sindicato CESM en Castela e León, onde foi autor da demanda que o Xulgado Contencioso de Valladolid emitiu o pasado 7 de novembro, obrigando a Goberno castelán a abonar aos interinos o complemento salarial. Con todo, critican, "a sección galega de CESM non só non exerce acción legal algunha para a defensa dos interinos, senón que colabora co Sergas para mantelos no ostracismo laboral".

ACCIÓNS XUDICIAIS

Os médicos interinos advirten ao Sergas e a CESM-OMEGA das "graves consecuencias que se poden derivar desta irresponsable e incomprensible actitude", que, baixo o seu criterio, "unicamente traerá un incremento da temporalidade e un enfrontamento indesexable entre os propios profesionais".

"Se é iso o que se busca para promover políticas que debiliten a cohesión profesional, Asmig anuncia desde este mesmo instante a súa radical oposición a esa perniciosa deriva e comunica que nestes momentos un equipo de avogados traballa xa para interpoñer a correspondente acción xudicial na defensa dos médicos interinos e temporais de longa duración, que seguen a ser maltratados polo propio Sergas e por quen debería defender os seus intereses e tan só se dedican a poñer obstáculos no camiño da igualdade de dereitos salariais", anuncian os médicos interinos asociados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta