A Axencia Espacial Escolar Galega creará vida na estratosfera

NOSA, a axencia creada por tres institutos de Ordes, Oleiros e Vila de Cruces, ultima o lanzamento en maio da sonda MarumaSat III, terceira misión espacial que lanza en tres anos. Antes, en febreiro, 225 estudantes participan no II Congreso NOSA, no que se dará forma xurídica a esta axencia e continuidade a un proxecto que naceu para a "dignificación do ensino público".

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 04/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia está de cheo na carreira aeroespacial. E non só cos mastodónticos e millonarios proxectos que se impulsan no Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia (CINAE). Por detrás, fóra de flashes, á marxe de fastos luminosos, lonxe dos grandes núcleos de poder e decisión, en tres pequenas vilas galegas, unha nova xeneración empurra forte a Galicia cara o espazo: tres institutos, 225 rapaces e unha comunidade, NOSA, a Axencia Espacial Escolar Galega. Pronto, esta primavera, lanzarán a súa terceira misión. O obxectivo: lanzar unha nova sonda —a terceira en tres anos— e que naza vida na estratosfera. Antes, en febreiro, constituirase formalmente ao adquirir forma xurídica coa sinatura da acta fundacional e dos estatutos da mesma.

Sonda MarumaSat II
Sonda MarumaSat II | Fonte: NOSA.

Como paso previo a este novo fito, este luns, 5 de febreiro, 225 estudantes do IES Maruxa Mallo de Ordes, do IES de Miraflores en Oleiros e do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces reúnense no Auditorio Xosé Casal desta última vila para celebrar un congreso científico entre as once da mañá e a unha da tarde polo que recibirán un diploma de dúas horas de formación.

A iniciativa dá continuidade ao lanzamento das sondas estratosféricas MarumaSat I e II nas primaveras de 2016 e de 2017, respectivamente, desde o IES Maruxa Mallo de Ordes.

Neste congreso expóñense seis estudos científicos novos, preséntanse as actas do anterior encontro, organízase unha mesa de comunicación, asínase a acta de constitución e os estatutos da Axencia e convócase un premio de poesía estratosférica, no que os versos gañadores serán enviados a máis de 30.000 metros de altura.

O encontro serve tamén para explicar a misión asignada á sonda MarumaSat III, que terá como lema "Niño no faro", xa que se pretende que naza vida na cápsula, logo de que na misión do pasado ano lograsen a supervivencia dun invertebrado, en concreto, unha miñoca.

I Congreso NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega)
I Congreso NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega) | Fonte: NOSA.

Como colofón está programada unha visita arqueoastronómica ás mámoas de Oirós

A fabricación da nova sonda, a MarumaSat III, estase desenvolvendo no IES de Miraflores en Oleiros e os traballos de organización do acto son responsabilidade do centro anfitrión, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces.

Os promotores de NOSA falan con Galicia Confidencial da súa estratosférica traxectoria.

Como evolucionou este proxecto desde o seu inicio até o de agora? 

O proxecto botou a andar no curso 2015-2016 e nel só estaban implicados os departamentos de Matemáticas e de Tecnoloxía do IES Maruxa Mallo de Ordes. Pouco antes do lanzamento incorporouse tamén o departamento de Galego do mesmo instituto. No curso 2016-2017, co traslado de destino de Xosé Díaz (Matemáticas) ao IES Marco de Camballón en Vila de Cruces e de Raquel Rendo (Tecnoloxía) ao IES Miraflores de Oleiros, pensouse que era conveniente dar continuidade ao proxecto e lanzar unha segunda sonda, a MarumaSat II creando un equipo entre os tres centros. Por iso fixemos un I Congreso NOSA no que se compartiron os coñecementos da primeira experiencia e se atopou un nome e un logotipo para a axencia. En maio enviamos a sonda cun grande éxito, pois ascendeu a 33.000 metros e, ademais de obter unhas imaxes espectaculares da Península Ibérica, foi a primeira nave tripulada, pois nela viaxou unha miñoca que regresou con vida. En Youtube pode verse un vídeo que resume a viaxe da MarumaSat II.

Que aporta a nova misión?

A nova misión chámase "Niño no faro", pois incorporamos dous novos obxectivos: que naza vida na estratosfera e que a nova sonda sexa visible desde outros satélites artificiais. En canto ao II Congreso, presentará as actas que recoller os traballos do encontro anterior, presentará seis comunicacións que analizan as esculcas do ano pasado e dará forma xurídica á nosa organización coa sinatura da acta fundacional e dos estatutos da mesma.

Que resultados destacades dos dous primeiros proxectos?

No primeiro destacamos que houbo unha emisión en directo desde a sonda durante os primeiros minutos de ascenso que foi emitida por Periscope. Tamén o feito de que nunca antes se conseguira un lanzamento igual desde ningún instituto galego, ademais da emocionante aventura da recuperación da sonda. No segundo destacamos a creación de NOSA, coa realización dun congreso científico, así como a altura acadada, a calidade das imaxes e a supervivencia do invertebrado.

Cal é o obxectivo e a relevancia científico-social do terceiro proxecto?

Esperamos dar continuidade a un proxecto tan interesante coma este, que non morra. Para iso darémoslle forma xurídica e tratamos de mellorar as condicións de habitabilidade da cápsula ata o punto de que naza vida nela, tratando de manter unha temperatura constante de 30 graos nela. Ademais, pensamos que as imaxes poden ter novo interese por facer coincidir o lanzamento cunha lúa diúrna.

Hai data de lanzamento?

Está previsto para o inicio de maio, que é cando se produce o fenómeno da lúa matutina, mais coma noutras ocasións dependemos das variacións climatolóxicas, nomeadamente dos ventos, pois se son moi fortes poderiamos perder a sonda porque se fose ao mar. Tampouco temos permisos internacionais, de xeito que se o vento é de Norte e a previsión sitúa a caída en Portugal, habería que adiar a misión de acordo con Aviación Civil.

Con que axudas ou contribucións contades para estes proxectos?

No primeiro ano axudounos o Concello de Ordes, así como unha nube de comerciantes locais. Tamén Meteogalicia nos axudou coa vaisala que levaba a sonda. O ano pasado, o Concello tamén prestou as súas instalacións para o congreso e Gadis deunos unha axuda por coincidir o noso proxecto coa súa campaña de publicidade "espacial". Neste ano contamos de momento coa axuda do Concello de Vila de Cruces para o Congreso, así como da Consellería a través da convocatoria de Contratos Programa.

Alguén, algunha axencia, universidade, empresa, consorciio, organismo oficial, se interesou polo que facedes?

De momento o interese foi sobre todos dos medios de comunicación,

Cal é o principal valor destes proxectos para vós?

É un proxecto de dignificación do ensino público que pretende motivar con proxectos interdepartamentais e de varios centros que asemade incorpore ao ensino a sociedade civil.

Recuperación da primeira cápsula MarumaSat I
Recuperación da primeira cápsula MarumaSat I | Fonte: NOSA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Edelmiro

Que imaxes máis bonitas. Parabéns!