Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/02/2018 | Actualizada ás 20:15
O pasado 31 de xaneiro o Consello de Administración da Radiotelevisión Española aprobou unha "Norma sobre uso seguro dos sistemas de información", que consiste nun regulamento de nove puntos sobre o uso dos dispositivos electrónicos na corporación, presuntamente xustificada na necesidade de "protexer ao máximo os arquivos e servizos informáticos da RTVE".
O oitavo destes puntos provocou as queixas de numerosos profesionais e colectivos, ao estabelecer que "a dirección [...] poderá controlar se se fai un uso correcto e responsable dos devanditos medios e recursos incluíndo a supervisión do uso do correo electrónico e o acceso á internet durante a xornada de traballo".
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas xa rexeitou esta monitorización do correo electrónico e do acceso á Internet dos e das profesionais da Radiotelevisión Española e a Radiotelevisión de Galicia, e reclama a súa retirada por atentaren contra a privacidade, a pluralidade informativa, a protección das fontes e o segredo profesional.
VULNERACIÓN DA PRIVACIDADE
Asi, expresou seu rexeitamento rotundo a este tipo de medidas que “vulneran a privacidade dos profesionais e a pluralidade dos medios públicos, e que poderían provocar novas pulsións de control sobre as redaccións”. Ademais, indica que o monitorizado do correo e do acceso á internet “son contrarios á propia esencia do xornalismo e cercenan piares básicos da profesión como a protección das fontes ou o segredo profesional”.
De feito, a a propia dirección decidira adiar a entrada en vigor do regulamento – a causa das protestas dos traballadores – e malia que este tipo de controis estean cada vez máis cuestionados a raíz do coñecido como "caso Barbulescu". E non é a primeira vez que isto se quere facer. A Compañía da Radiotelevisión de Galicia quixo impulsar en 2014 unha normativa semellante.
Por todo isto, o Colexio de Xornalistas reclama a retirada da proposta de monitorización dos dispositivos e os correos, tanto na Radiotelevisión Española como na Radiotelevisión de Galicia, por consideralas contrarias a dereito. “A privacidade dos xornalistas, a protección das fontes ou o segredo profesional son alicerces dunha información libre que deben estar por riba dos intereses de control das direccións, con maior razón aínda nos medios públicos”, indica nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.