Temas: FOLGA XUSTIZA

O comité de folga da Xustiza acusa a Feijóo de "indecente e farsante" por "manipular datos"

Os funcionarios cargan con dureza contra o presidente da Xunta, a quen esixen que cese o que consideran "bastas manipulacións dos datos" no que respecta ás demandas dos traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2018 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Moi duros. E cada vez máis firmes nas súas posición e demandas. Os funcionarios da Xustiza galega non están dispostos a dar un paso atrás nas súas reivindicacións. E agora cargan con especial virulencia contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen tachan de "indecente e farsante".

Sindicatos de Xustiza
Sindicatos de Xustiza | Fonte: Europa Press

A sala de vodas dos xulgados de Santiago de Composteloa foi o lugar elixido para facer este venres un balance da folga indefinida que manteñen os funcionarios da Xustiza desde o 7 de febreiro. Tería sido un lugar simbólico para selar un pacto, pero paradoxalmente, a sala de vodas foi o escenario no que se escenificou o que parece un divorcio definitivo entre as partes: traballadores e Xunta.

En representación do sete sindicatos que integran o comité de folga, Manuel Díaz (UGT) incidiu na necesidade de "recoller a luva" despois de que Feijóo os retase na pasada xornada a presentar unhas cifras que desmentisen a afirmación da Xunta de que a súa oferta económica, que non convence ao colectivo, os situaría "por riba da media" de comunidades.

Especialmente dutos co presidente da Xunta, esixiron que este cese o que consideran "bastas manipulacións dos datos" no que respecta, por exemplo, á amortización de prazas e á situación retributiva deste colectivo.

Neste contexto, os representantes sindicais, que acusan a Xunta de "xogar á folga" e buscar "o desgaste" dos traballadores, e a Feijóo de "comprometerse só coa súa carreira política", advertiron de que a táboa que o Goberno galego expón desde hai semanas "está manipulada".

"Para que lles cadren as contas son capaces ata de converter en comunidades a Ceuta e Melilla", esgrimiu, antes de incidir en que, fronte ao que fai a Xunta, "son 12 comunidades" e o Ministerio (que se encarga do resto do territorio) as que sentan na Conferencia Sectorial de Xustiza e as que deben ser tidas en conta.

Neste sentido, subliñaron que a Xunta ofrece "cero" euros de suba para 2018, o que mantería a Galicia "á cola" neste exercicio. Coa súa proposta económica, que se aplicaría en tres anualidades e a partir de 2019, tamén desmentiron que se vaian a incrementar "entre 600 e 900 euros".

CONFLITO ENQUISTADO

Así as cousas, o conflito, lonxe de solucionarse, está enquistado. Os traballadores manteñen as súas "lexítimas" demandas, logo de serlles "confiscado un 20 por cento" das retribucións en catro anos e verse "discriminados" en salario e dereitos respecto dos seus compañeiros do resto de autonomías, pois, como veñen incidindo, son funcionarios estatais, non autonómicos.

Pola contra, a Xunta teima na súa estratexia propagandística en comparalos cos funcionarios autonómicos para facerlle chegar á opinión pública galega que o que piden suporía uns "privilexios" para este colectivo respecto doutros funcionarios de Galicia. 

Así, este mesmo xoves o propio presidente da Xunta acusou os funcionarios da Xustiza de pedir "un incremento moi potente do seu salario que os diferenciaría do resto dos funcionarios e os situaría por riba da media dos traballadores públicos do Estado”. Algo que negan rotundamente os traballadores. 

Pablo Valeiras, voceiro do comité de folga dos funcionarios, apuntou nunha entrevista concedida a GC que as súas demandas son a equiparación salarial dos funcionarios galegos cos do resto do Estado, a creación de novas prazas, a consolidación das prazas de reforzo, mellorar as condicións dos substitutos e que os funcionarios teñan as mesmas condicións nas baixas que no caso de maxistrados, fiscais e letrados. E que en ningunha, malia o dito pola Xunta, se chegou nunca a ningún acordo.

Tamén indicou que nos últimos catro anos, a Xunta "confiscou" entre 10.000 e 3.500 euros a cada traballador da Xustiza, o que equivale a un 20 por cento do salario, e queixouse de que é o Goberno galego o que non quere negociar con eles.

As negociacións están totalmente rotas. E o diálogo entre as partes pasou das mesas dos despachos aos medios de comunicación e o Parlamento galego. O cruce de declaracións é constante e alcanza niveis de confrontación cada vez máis elevados. A folga seguirá sendo indefinida.

Temas: FOLGA XUSTIZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Finezza

Os galegos teñen o goberno que votaron. E a esquerda que posibilitou a derrota do bipartito e a menos chamada a criticar o que os galegos votaron. Agora xa é tarde para os lamentos ou para decatarse de que é diferente gobernar a estar fóra facendo pinza co PP. Maioritariamente votades PP, PSOE ou Mareas... Pois que vos resolvan eles os problemas.

2 Haiqueroelo

Por que non se fan públicas a súas retribucións? Cal é so salario/hora en termos anuais? Cales son as condicións laborais no sector público e no privado? Os sindicatos e a Xunta deben ter os datos. Que os fagan públicos.

1 VNAC

Canta agresividade teñen estes funcionarios. Como non imos a votar PP con alternativas como isa. O que teñen que facer é poñer a súa nómina encima da mesa xunto cos horarios reais de traballo para que o resto de cidadáns - que somos quen lles paga - podamos xulgar se merecen ou non un aumento de soldo.

1 anonimo

Home, Rueda, cambia de nic.

2 Galegus

liberado anonimo, ponte a traballar, que todos sabemos que segues cobrando mentres que os demais fan folga

3 Galega

E sorprendente ver coma xente que non amosa, agás contadísismas excepcións, sensibilidade polos dereitos laborais dos demais, solidarizándose por exemplo coas folgas que se convocaron nos piden agora a nosa solidaridade. Para pedir, antes hai que dar.