Pode o libro galego recuperar presenza internacional?

Editores e Xunta estudan vías para recuperar a presenza do libro galego nas feiras de Frankfurt e Liber. A Asociación Galega de Editoras solicitou a Cultura que reconsidere a súa renuncia a participar en varios destes eventos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2018 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

A Xunta estuda retomar o apoio á participación do libro galego nas feiras do libro de Frankfurt e Liber, dous de eventos máis destacados do sector a nivel internacional. A administración galega emitira unha resolución, datada no 29 de decembro, para suspender o expediente de contratación dedicado á organización de actos nas feiras do libro internacionais de Bolonia (Italia), Barcelona, Frankfurt (Alemaña) e Guadalaxara (México).

FEIRA DO LIBRO DE GUADALAXARA
FEIRA DO LIBRO DE GUADALAXARA | Fonte: Europa Press

Neste escrito a Secretaría Xeral de Cultura alegaba "un crecente desinterese dos axentes implicados" na participación nestes eventos, polo que consideraba que o investimento realizado para a asistencia a catro destas feiras "carecía de sentido". A pesar diso, si mantiña o apoio á feira de Buenos Aires.

O sector editorial mostrouse crítico coa decisión e rexeitou a suposta falta de interese en participar nestes eventos, de suma importancia para a visibilización do libro galego. Tras unha reunión celebrada en novembro do pasado ano, a Xunta entendeu que a Asociación Galega de Editores tiña a intención de xestionar directamente a súa asistencia a este tipo de eventos con axudas do Igape a través das Cámaras de Comercio.

En declaracións a Europa Press, Ballesteros negou este postulado e atribuíu esta situación a "un malentendido" por parte da Consellería. "Desde hai tempo vimos reclamando á Secretaría Xeral que o modelo que existía de presenza nas feiras non nos parecía o máis adecuado", sinalou, pondo como exemplo que a persona que atendía a 'caseta' non tiña nada que ver co sector do libro.

RETOMAR A COLABORACIÓN

O portavoz da AGE expuxo á administración que, como sector, necesitaban "ter un espazo no que xestionar mellor" as relacións e remitiu unha misiva (tras solicitalo a Xunta) cos seus plans para este ano, comunicando que acudirían con fondos propios á feira de Boloña.

De aí a convocatoria do encontro deste venres por parte da Secretaría Xeral de Cultura, durante o que o propio Anxo Lorenzo trasladou o seu "compromiso firme coa proxección exterior do libro galego. "Díxonos que houbera un malentendido e repetímoslle que a AGE sempre está disposta a colaborar", sinalou Ballesteros, quen solicitou a Cultura que reconsidere o apoio ás feiras do libro de Frankfurt e Liber.

A Secretaría Xeral de Cultura manifestou a "total vontade" da administración para atender esta petición e está a valorar "os mecanismos administrativos que permitan facer efectivo este apoio".

Así mesmo, defendeu o apoio á produción editorial galega a través do catálogo 'Galician Books for Children & Young Adults', que difundirá a través da caseta da AGE na feira, na que se prevé a presenza de 10 empresas galegas. Doutra banda, sinalou que "vai posibilitar" a presenza da creación galega na Feira Internacional do Libro de México.

Ballesteros confiou en que este "desencontro" se converta nunha liña de colaboración real, e a propia Xunta, co fin de "reconducir a situación", asegurou que se valorarán novas vías de colaboración conxuntamente co sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta