A Xunta non quere negociar a nova oferta dos funcionarios e mantén só a súa

Di que a súa oferta "non vai variar". Rueda di que "isto non é ningún pulso" pero considera "inasumible" a contraproposta sindical e suliña que a Xunta debe xestionar "con responsabilidade".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/02/2018 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, rexeitou a contraoferta presentada polo comité de folga dos funcionarios do sector xudicial galego e instou aos sindicatos a que reconsideren a postura que os negociadores da Administración deixaron sobre a mesa e que, advertiu, "non vai variar por moito que pasen os días".

Foto Xustiza
Foto Xustiza | Fonte: Europa Press

"Isto non é ningún pulso, ningún toma e daca; estamos a falar de recursos públicos e a Xunta tenos que administrar con racionalidade e responsabilidade", sentenciou Rueda, en declaracións aos medios en Pontevedra, na quinta xornada efectiva --sen ter en conta a fin de semana, cando os xulgados non teñen un funcionamento ordinario-- de folga indefinida.

A nova oferta económica que o Goberno galego trasladou na pasada xornada aos sindicatos recolle unha subida de entre 816 e 1.080 euros ao ano. A aplicación sería o 50 por cento en 2019 e a outra metade, en 2020, no canto de en tres anualidades.

O comité de folga, no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO., cualifica de "ridícula" esta proposta e presentou unha contraoferta na que tamén rebaixa as súas pretensións iniciais. Expón agora unha sda para todos os corpos de 225 euros ao mes á que se chegaría en 2020 porque se aplicaría en tres anualidades.

En concreto, os sindicatos piden un aumento no complemento autonómico de 100 euros en 2018, aos que habería que sumar 75 euros en 2019 e outros 50 euros en 2020. O Executivo autonómico mantén que esta subida de "2.700 euros ao ano" que demanda o comité é "inasumible", e tamén rexeita a cláusula de revisión automática a partir de 2021 que inclúe a contraoferta sindical.

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: xunta.gal

A NEGOCIACIÓN "SEGUE ABERTA"

Este martes, en declaracións aos medios, Rueda ratificou este rexeitamento, á vez que subliñou que a negociación se pode retomar "en calquera momento" xa que "segue aberta". "Levamos dicindo desde o principio o mesmo porque é absolutamente certo. Nós nunca nos levantamos da mesa de negociación; os sindicatos levantáronse e volveron á mesa de negociación varias veces", sinalou o vicepresidente.

A continuación, defendeu que, na pasada xornada, a Xunta levou unha proposta "que melloraba substancialmente a anterior", unha oferta, a previa, que a Administración xa consideraba "boa". Coa formulación autonómica, recalcou que os funcionarios galegos de xustiza pasarían a estar "na parte alta da media de comunidades".

"Onte esta oferta cualificouse de ridícula por parte dos sindicatos. Simplemente poño encima da mesa que pensaría a xente en xeral se lle ofrecen unha subida de entre 800 e 1.000 euros ao ano. Seguro que a maioría pensaría que non é unha oferta ridícula", manifestou.

PROPOSTAS "REAIS" E OUTRAS "INASUMIBLES"

Rueda tamén reprobou que, á marxe da oposición sindical á oferta autonómica, e de pedir un incremento salarial "inasumible", o comité de folga incorpore na súa petición unha cláusula de revisión automática que "obrigaría á Xunta a que, cada vez que unha comunidade suba o soldo aos seus funcionarios, se faga tamén en Galicia".

"Se de súpeto País Vasco e Madrid deciden facer unha subida, Galicia tamén tería que facelo automaticamente. Estas son propostas que non teñen moito sentido", constatou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

E é que, ao seu xuízo, hai "propostas reais", en alusión ao que expón a Xunta e que suporía un incremento de "case un 4 por cento" sobre o total dos emolumentos dos traballadores do sector xudicial autonómico e que, en consecuencia, deberían "ser apreciadas", e outras ofertas que son "absolutamente inasumibles".

"INASUMIBLE" PARA AS ARCAS PÚBLICAS

Rueda, quen lembrou que acceder á demanda dos sindicatos suporía un aumento 13,3 por cento sobre o total dos seus emolumentos, esgrimiu que "as arcas públicas non se poden permitir" subidas deste calado para os funcionarios porque se trata de "recursos públicos que teñen que ser administrados con racionalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta