Temas: UGT

Falece Suso Mosquera, secretario xeral de UGT Galicia durante 25 anos

Histórico do sindicalismo galego, liderou a Unión General de Trabajadores no noso país entre 1980 e 2005.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/02/2018 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

Suso Mosquera, que foi secretario xeral de UGT Galicia entre 1980 e 2005, faleceu este martes na Coruña aos 74 anos de idade, segundo informou o sindicato, que lamenta que "co compañeiro Suso" se vai "un dos máis preclaros referentes do sindicalismo e do movemento socialista de Galicia".

Suso Mosquera
Suso Mosquera

UGT destaca de Mosquera que "o seu sinal e as súas inquietudes para alcanzar unha sociedade máis xusta e a defensa de clase traballadora acompañará sempre" a este sindicato.

Nado en Merza, Concello de Vila de Cruces (Pontevedra), Mosquera entrou en contacto desde moi novo cos movementos sociais na época do fraquismo. Tras pasar pola Mocidade Obreira Cristiá, militou na Unión Sindical Obreira e foi un dos seus máximos impulsores en Galicia.

Pasou a militar en UGT despois da fusión deste sindicato con USO en 1977. Foi secretario xeral do sindicato na Coruña e membro da executiva de UGT Galicia ata agosto de 1980, ano no que foi elixido secretario xeral no II Congreso. No cargo estivo 25 anos, ata 2005.

"Entre os seus logros está o de transformar e modernizar as estruturas de UGT, que deron como froito que se convertese na primeira forza sindical galega", sinala o propio sindicato.

Foi deputado ata 1988, cando dimitiu en apoio á convocatoria de folga xeral de decembro. Do seu labor parlamentario naceu a iniciativa da creación do Consello Galego de Relacións Laborais.

Desde 2005 e ata a actualidade Mosquera ocupaba tarefas da presidencia da Fundación Luís Tilve, encargada da memoria histórica da UGT e do socialismo de Galicia.

Será incinerado este xoves no tanatorio de Servisa (A Coruña).

Diversos cargos socialistas, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mostraron o seu pesar este martes. O líder socialista expresou as súas condolencias a través das redes sociais: "Hoxe é un día triste para o PSdeG, UGT e para o mundo dos traballadores. Deixounos o compañeiro Suso Mosquera, referente e historia do sindicalismo galego, loitador comprometido".

Temas: UGT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta