Temas: XUSTIZA FOLGA

Os sindicatos de Xustiza reclaman a aparición do vicepresidente Rueda nas negociacións

Malestar con Feijóo entre os representantes dos traballadores polas súas críticas á actitude sindical.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2018 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O Goberno galego convocou ao comité de folga dos traballadores do sector xudicial para tentar desbloquear un conflito enquistado que derivou nunha folga indefinida que arrincou o pasado mércores 7 de febreiro. Desde entón, provocou a suspensión de máis de 2.000 xuízos, así como de milleiros de trámites xurídicos e paralizou os rexistros civís.

Funcionarios de xustiza en folga
Funcionarios de xustiza en folga | Fonte: Europa Press

A convocatoria, para as 11,30 horas do luns na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), é nominativa e cita aos sete membros do comité de folga no que están representados SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, CIG e CC.OO.

Aínda que os sindicatos acaban de recibir a convocatoria e dialogan entre eles ao respecto, distintas fontes do comité de folga coinciden en que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, debería "implicarse de inmediato" e acudir ao encontro do próximo luns para poder "avanzar".

Até agora, nas negociacións, os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e Función Pública, José María Barreiro, encabezaron a delegación da Xunta.

MOLESTOS CON FEIJÓO

Os sindicatos tamén están moi molestos coas declaracións que realizou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen puxo en dúbida que representasen "o sentir xeral" dos traballadores e afeou que tachen de "ridícula" unha proposta de suba "de 1.000 euros de media" ao ano cando hai galegos que non perciben esta cantidade ao mes, cuestión que o xefe do Executivo ve "un desprezo".

Distintos sindicatos consideran que Feijóo tenta "pór á sociedade na súa contra" e inciden en que "o problema" de que haxa galegos 'mileuristas' é responsabilidade directa do Executivo e das súas políticas, polo que o traballo do mandatario autonómico e do resto de membros do seu Goberno debería centrarse en tentar paliar esta situación e non en "atacar" aos representantes dos traballadores.

Pablo Valeiras, un dos portavoces do comité de folga, critica neste vídeo duramente a Feijóo e o seu equipo de goberno.

OFERTA DA XUNTA E CONTRAPROPOSTA

Para o encontro do luns as posturas chegan "moi distanciadas", xa que a Xunta advertiu que non está disposta a variar a súa oferta económica, que os sindicatos non aceptan, e asegurou que a contraproposta do comité de folga, a pesar de rebaixar as pretensións iniciais, continúa sendo "inasumible".

En concreto, a nova oferta económica que o Goberno galego trasladou aos sindicatos mellora a última exposta pola Administración "nunha media dun 20 por cento" (con leves variacións segundo o aumento se refira ao corpo de xestores, de tramitadores ou de auxilios do sector xudicial).

É dicir, se na última proposta o Goberno galego expuña un incremento do complemento autonómico transitorio de entre 660 e 900 euros ao ano --en función do corpo--, o pasado luns puxo sobre a mesa unha suba de entre 816 e 1.080 euros ao ano. A aplicación sería o 50 por cento en 2019 e a outra metade, en 2020, no canto de en tres anualidades.

O comité de folga, pola súa banda, expón agora unha suba liñal para todos os corpos de 225 euros ao mes, á que se chegaría en 2020 porque se aplicaría en tres anualidades.

Así, os sindicatos piden un aumento no complemento autonómico de 100 euros en 2018, aos que habería que sumar 75 euros en 2019 e outros 50 euros en 2020. O Executivo autonómico mantén que esta suba de "2.700 euros ao ano" que demanda o comité é "inasumible", e tamén rexeita a cláusula de revisión automática a partir de 2021 que inclúe a contraoferta sindical.

OUTRAS PETICIÓNS

Ademais, o comité de folga, nunha nota difundida en blogs do sector xudicial e para informar os traballadores, fixo esta semana unha análise da situación das reivindicacións que conduciron á primeira folga indefinida na xustiza galega, coa vista posta no próximo encontro.

Así, á marxe da suba retributiva, apuntaron, no que respecta aos reforzos, que a Xunta, "por esixencia do comité", comprometeuse a levar á próxima reunión "unha relación completa e actualizada dos reforzos que teñen máis de tres anos" e unha proposta "concreta" de "onde se crearán as prazas que se consolidan, que servizos e en que localidades".

O compromiso, subliña o comité, estendeuse a que estas prazas se creen e saian neste concurso de 2018.

Para poder pechar o punto relativo ás amortizacións, os sindicatos esixen: a "paralización" da amortización das prazas que tiñan pendentes e están ocupadas; sobre as prazas que aparecen na relación de amortización e que quedaron vacantes e non saíron os concursos porque "as querían amortizar", débense "desbloquear e sacar a concurso en 2018"; e en canto ás prazas xa amortizadas, un compromiso de crealas no mesmo número para o concurso de 2019.

SUBSTITUCIÓNS E IT

En canto ás substitucións, o comité de folga pediu que, unha vez que se redacte a nova normativa, as substitucións se cubran con efectos retroactivos do 1 de xaneiro de 2018. Sostén que os negociadores da Xunta pediron uns días para valorar esa posibilidade e ter a conformidade de Facenda.

Na "discriminación" polos descontos nas baixas por mor de incapacidades temporais (ITs), igual que trasladaron na rolda de prensa deste luns, os sindicatos constatan que non hai "ningún avance".

Apuntan que a Xunta "segue insistindo en que está pendente que o Ministerio de Facenda elimine a penalización polas baixas temporais" e, no caso de que non sexa así, se comprometa a crear unha mesa de traballo.

Para as organizacións sindicais, calquera acordo está "supeditado" a que a regulación sobre ITs sexa "idéntica" a maxistrados, fiscais, letrados xudiciais, e outros compañeiros de comunidades como Aragón, Navarra ou do 'Territorio Ministerio' --que agrupa as comunidades que non teñen descentralizadas as competencias--.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta