A Plataforma Mina Touro - O Pino NON desmonta os argumentos da empresa en La Voz

Acusan a Cobre San Rafael de usar este xornal para "mentir" sobre o plan mineiro e de tentar "desprestixiar os movementos que se opoñen ao proxecto".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/02/2018 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

As últimas declaracións emitidas desde a empresa Cobre San Rafael sobre o proxecto mineiro de Touro-O Pino, nas que fala de "reapertura", "proceso libre de tóxicos" e "depósito temporal", suscitaron as críticas da Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON, que considera que "o único obxetivo" da compañía é "minimizar o impacto da megaminería, mentir sobre os produtos tóxicos que se crean nos procesos e desprestixiar os movementos que se opoñen ao proxecto, nun claro intento de exercer o dominio e control ao que as grandes multinacionais están acostumadas".

Mina en Touro.
Mina en Touro.

Ademais, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) acusou a Cobre San Rafael, a empresa que tramita o proxecto da mina de Touro - O Pino, de "xogar ao despiste" e usar de forma "equivocada" a linguaxe para "minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións" do plan de explotación.

A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON puntualiza as últimas declaracións de Cobre San Rafael presentando como proba documentación orixinal do propio proxecto mineiro, que non deixou de sumar voces en contra: colectivos sociais e ecolóxicos, entidades científicas, concellos da conca do río Ulla e da ría de Arousa e numerosas veciños.

Case dende un principio, din, falouse da "reapertura" ou "reactivación" da mina de Touro e O Pino, termos que consideran "errados" se se ten en conta os terreos que afectaría o proxecto presentado, que ocuparía 689 hectáreas das cales 492.22 son masa forestal e terreo agrario, mentres que 197 pertencerían á antiga explotación, pechada na década de 1980​. A maioría desas case 500 hectáreas son propiedade de veciños e base produtiva de moitas explotacións agrarias​.

A comparativa apréciase claramente no plano Nº13 6/45 contido no proxecto, no que se distinguen pastos e montes das pegadas da anterior actividade mineira. Por isto, "o uso errado na linguaxe, neste caso, non é outro que o de minimizar e ocultar as verdadeiras dimensións do proxecto", consideran na Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON. 

Plano Nº13 6
Plano Nº13 6 | Fonte: 45 do proxecto mineiro Touro - O Pino.

Nas últimas semanas denunciáronse diferentes verteduras contaminantes que son "continuas" e que "supoñen unha grave ameaza para a saúde das persoas e polas que nin as empresas implicadas (Cobre San Rafael - propietaria dos terreos e responsable da drenaxe áceda que ocasionan- e TEN -planta de tratamento de residuos que opera nos terreos da explotación e responsable de vertidos e escorrentías descontrolados-) nin Augas de Galicia ofreceron, a día de hoxe, explicación algunha", denuncian.

RESPOSTA DA EMPRESA A TRAVÉS DE LA VOZ DE GALICIA

A Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON cre que a exposición nos medios destes casos fixo que que "Cobre San Rafael tente saír ao paso para maquillar e minimizar algúns dos aspectos máis criticados do proxecto".

Así, lembran que en declaracións a La Voz de Galicia do 18 de febreiro se recolle que a empresa "defiende que ni los minerales extraídos ni los productos utilizados en su procesado contienen sustancias tóxicas ni peligrosas".

En canto a esta afirmación, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) xa alertou de que "no proceso para separar o cobre das rochas previamente moídas contémplase o emprego de diversos compostos químicos con distinto grao de perigosidade para as persoas e o medio ambiente que quedarían indefinidamente almacenados nos denominados depósitos de estériles".

A SGHN destaca as 2.475 toneladas de isopropil etil tiocarbamato que define coma "irritante, alerxénico e nocivo para as persoas, sospeitoso de causar cancro, nocivo para os organismos acuáticos con efectos a longo prazo e non fácilmente biodegradable."

A presenza destes elementos, recorda a Plataforma, enúmerase en numerosas partes do proxecto. Como mostra sinalan as páxinas 27, 71 e 72 do documento 'Parte II: Descripción del Proyecto y Análisis de Alternativas' do 'Estudo de Impacto Ambiental'. Ademais, e tal e como indicou a SGHN, no 'Anexo II: Ensayos de Laboratorio' se indica que as mostras analizadas presentan concentracións elevadas de cadmio, cobre, cobalto, molibdeno, antimonio, selenio e zinc, pero non se facilitan os datos de concentración de metais e metaloides potencialmente perigosos (con concentracións ata mil veces maiores que o promedio da codia terrestre), nin a correspondente clasificación de perigosidade dos residuos mineiros, denuncia a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON.

"Supoñemos, de novo, un intento de minimizar e ocultar a verdadeira afección da actividade mineira", insiste a Plataforma, que subliña que na mesma noticia publicada en La Voz, Cobre San Rafael afirma que "no construirá la balsa de almacenamiento de estériles que tanto preocupa a esos colectivos, sino un depósito estanco que, como el resto de las instalaciones, «trabajarán en circuito cerrado», lo que «garantiza al 100% la ausencia de cualquier salida al exterior»".

UN DEPÓSITO CONTAMINANTE A 200 METROS DE VIVENDAS

Neste caso, subliñan os denunciantes, tamén se pronunciou a SGHN asegurando que o denominado "depósito de estériles temporal" ou " depósito de estériles de planta" tal e como aparece definido no proxecto, realmente é unha balsa de lodos permanente​, que se prevé instalar sobre unha cubeta impermeabilizada (xeomembrana PEAD de 1,5 mm) e encapsular ao final da súa vida útil.

Esta balsa de lodos, cunha capacidade de 34 Mt (24 Mm3) e unha superficie de 125,8 hectareas estaría contida por un muro de 3.187 metros de lonxitude e ata 81 metros de altura. O depósito de estériles das cortas de Arinteiro e Vieiro, cunha capacidade de 69 Mt (50 Mm3) e unha superficie de 95,1 hectareas estaría contido por un muro de 2.806 metros de lonxitude e 55-74 de altura. Ambos os dous depósitos, tal e como se apreza nos mapas da páxina 23 do documento 'Parte II: Descripción del Proyecto y Análisis de Alternativas', situaríanse a tan só 200 metros das vivendas de Arinteiro.

"É, precisamente, nestes 'depósitos' onde quedarían almacenados para sempre as enormes cantidades de material potencialmente xenerador de drenaxe áceda de mina, os restos non degradados dos compostos químicos empregados para a separación do cobre nomeados con anterioridade e que son recoñecidos pola súa toxicidade", alertan desde a plataforma veciñal, desde a que tamén advirten de que "o termo «temporal» fai referencia unicamente a que o uso do mesmo non se faría durante toda a vida da explotación, malia que o material almacenado no depósito permaneza alí; para sempre, convertendoo así na «balsa de lodos permanente», tal e como denomina a SGHN".

RISCO DE ROTURA

Os veciños non queren que se obvie que "existe o risco de rotura dos diques de contención con consecuencias potencialmente moi graves como se indica no arquivo 'Estudio de Riesgo de Instalaciones'". De feito, estiman en cifras as consecuencias que podería traer: "unha cifra de mortos de 10-100 persoas entre a poboación residente; perda significativa ou deterioro do hábitat crítico de peixes ou vida silvestre, sendo posible pero pouco práctica a restauración ou compensación en especie; grandes perdas económicas que afectan a infraestrutura ou servizos importantes, por exemplo, estradas, instalacións industriais ou instalacións de almacenamento de sustancias perigosas".

A SGHN destacou ademáis a apelación á esperanza para a poboación no párrafo que se inclúe no mesmo documento: "Se espera que los procedimientos de monitoreo y evacuación, así como la capacitación del personal, permitirían proteger tanto a las poblaciones como al personal de la planta en caso de falla de los muros. Por otra parte, no se espera una falla rápida en los muros, sino más bien que cualquier falla entregue avisos que permitan la reacción del personal."

Para a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON "parece que Cobre San Rafael evita o termo «balsa» para distanciarse dos problemas e consecuencias negativas que as balsas acostuman provocar na mineria, por ser fonte de vertedurar tóxicas a pouco que se afonde na hemeroteca".

"Sen embargo", proseguen, "nunha conferencia ofrecida o pasado mes de xaneiro na Universidad Politécnica de Madrid, Celso Penche (coordinador do Proxecto Touro) utiliza reiteradamente o termo «balsa» en referencia aos «depósitos» nomeados", sinala a plataforma veciñal.

No que se refire ao "circuíto cerrado" que "garantiza al 100% la ausencia de cualquier salida al exterior", na páxina 61 do documento 'Parte II: Descripción del Proyecto y Análisis de Alternativas' indícase que "desde el año 0 al 3 habrá un balance de aguas que será necesario tratar para llevarlas a la calidad de vertido." Neste sentido, a plataforma considera que "aínda que as intencións de Atalaya Mining consistan en verter 'só' durante os tres primeiros anos de actividade", os denunciantes recordan a denuncia de Ecologistas en Acción que dende o mes de decembro investiga o Seprona en relación á desaparición de tres hectómetros cúbicos de augas ácidas en Cerro Colorado, Río Tinto (onde tamén opera Atalaya Mining).

"Estas augas non poideron ser tratadas, xa que a explotación andaluza carece de Planta de Tratamento de Augas, unha das 300 esixencias da Junta de Andalucía na Autorización Ambiental Integrada para desenvolver a autorización", explican desde a plataforma veciñal.

Para este colectivo resulta importante ter en conta que o informe da SGHN é un dos 15 encargados pola Xunta de Galicia. Este informe e o presentado pola Federación Ecoloxista Galega (que segue a denunciar que non se lle deu acceso a toda a información solicitada), son os únicos sobre o proxecto que viron a luz e ambos son negativos.

"Por todo isto e ante a impasivilidade dos gobernos e institucións cuxa obriga é a de salvagardar o benestar, a saúde e o futuro do pobo a Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON, organiza unha manifestación - tractorada o próximo domingo día 25 de febreiro ​que ten prevista a súa saída da Antiga Balsa de Angumil ata chegar ao Concello de Touro", anuncian.

Contaminación na contorna da mina de Touro
Contaminación na contorna da mina de Touro | Fonte: Adega.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 tocauevi

Lendo o cabeçalho semelha que a plataforma NON desmonta...