Carmen Avendaño: "A relación entre o tabaco e xente do PP viña xa de lonxe"

Carmen Avendaño fala con Galicia Confidencial sobre os últimos acontecementos que teñen o narcotráfico como eixo común: a detención de Sito Miñanco, a paralización da edición de "Fariña", a relación entre políticos e contrabandistas ou as palabras de Laureano Oubiña sobre o único interese da asociación Érguete en recoller subvencións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 23/02/2018 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A presidenta da Asociación Érguete non parece preocupada por comparecer o día 27 nos xulgados. Alí estará previsiblemente diante de Laureano Oubiña, quen a denunciou por un presunto delicto contra o honor. Carme Avendaño si está preocupada pola falta ou baixa concienciación sobre as drogas e os seus perigos entre a xente máis nova. Tamén fai unha chamada ao endurecemento das medidas para outorgar graos a narcotraficantes presos.

Carmen Avendaño na Asociación Érguete
Carmen Avendaño na Asociación Érguete


Vostede está de acordo coa afirmación que fala das relacións entre cargos políticos e narcotráfico?
Era unha cousa moi divulgada. A relación entre o tabaco e xente do PP viña xa de lonxe. Se existía o mesmo entre política e narcotráfico? Pois o certo é que desde que montamos a asociación Érguete, alá polo ano 1985, tiveramos entrevistas con Felipe González e con José María Aznar, mesmo antes de ser presidente, e a postura deles foi de distancia. Por tanto que había connotacións anteriores si, mesmo xente que se adicara ao contrabando de tabaco, ou doutros contrabandos que viñan de Portugal. Pero no caso das drogas non podo aseguralo, porque nunca houbo unha evidencia xurídica que o demostrara.

Nos anos 90 aparece o libro de Perfecto Conde “La conexión gallega” e ninguén dixera nada. Agora o libro “Fariña” de Nacho Carretero é denunciado polo ex-alcalde do Grove, José Bea, e unha xuíza secuestra a edición do libro. Que valoración fan desta acción xudicial?
Nacho Carretro estivera en contacto comigo antes de escribir o libro, envioume un exemplar adicado antes de publicarse e teño que dicir que é un dos libros máis interesantes ou o máis interesante que se editou sobre o narcotráfico en Galicia, por tanto todo o apoio a Carretero. Sobre a postura da xuíza, pois non se pode rexeitar a postura dunha persoa que representa a lei. Pero realmente non coñezo o motivo para esta acción. Porque todo canto di o libro é algo que sabe toda a sociedade. Que pasa? Que noutros momentos non se tomaron medidas con outras publicacións porque o movemento asociativo era moi forte en Galicia? Posiblemente. Pero o movemento de rexeitamento ao narcotráfico segue sendo moi superior a outras partes de España. Por tanto, paréceme estar nas antípodas tomando esta decisión, con todo o meu respecto á señora xuíza.

REINSERCIÓN NARCOS

A detención de Sito Miñanco é como un anuncio de que as vellas figuras quixesen volver. Non é frustrante?
Penso que frustrante non pode ser. Debemos ser optimistas respeito este tipo de cuestións. Agora mesmo pode resultar estraño o tema dalgúns reincidentes, como pode ser o caso que comenta. Pero eu sempre crin moito na reinserción, tal como levo demostrado persoalmente e desde a asociación, traballando pola reinserción de presos. Pero no caso destas persoas que no seu momento estiveron envolvidos no narcotráfico, no de drogas duras, para min que non son capaces de reinsertarse. Por que? Porque se afixeron a un nivel de vida e mover moito diñeiro e con iso moito poder. Normalmente a maioría deles son reincidentes e neste último caso, hai dous puntos criticables, como é que a Dirección General (Instituciones Penitenciarias) lle dá a opción a este señor de ter un grado para, segundo el (Sito Miñanco) poder traballar nun negocio propiedade dun amigo. Nós sabiamos que era mentira e por tanto a Dirección General debera ser moito máis escrupulosa. Porque á xente que está por drogas lles poñen moitas dificultades, aínda que presenten un documento de responsabilidade para traballar nunha empresa. No seu momento criticamos esta decisión e tristemente confirmouse que o tempo libre que tiña era para seguir na actividade de tráfico de drogas, tal como se di na actuación policial. Por tanto, este tema debera tomarse con máis seriedade, porque as rebaixas de prisión poden ser mesmo por bo comportamento. Estes señores chegan á cadea e o seu comportamento é magnífico, non teñen porque comportarse mal. Non como un rapaz que entra co “mono” e logo fai mal ou entra en pelexas. Entón desde o meu punto de vista, para as cualificacións, hai que ter uns criterios para valoralas. E o narcotráfico é un delicto que deixa moitas vítimas no seu arredor, e isto parece que agora se está a converter nun tema frívolo.

Mobililización de nais contra o narcotráfico  nos anos 90
Mobililización de nais contra o narcotráfico nos anos 90

Cre que a xente nova de hoxe está máis exposta ao consumo e ás consecuencias como as vividas nos oitenta?
Nós cremos que as políticas de prevención non deron o resultado que buscaban. Si que cremos que os gobernos central e autonómicos, hoxe en día teñen máis recursos, por tanto o problema pode paliarse dunha maneira diferente á de hai anos. Por que a xente nova segue a consumir? Pois polo márketing e polo grupo. A diferenza coa xente nova dos oitenta, estas novas xeracións non visualizaron a morte de irmáns, amigos e familiares directos. Entón cando á xente nova de agora lles fala do dramático que pode ser, pois é como se lles soase a chinés. Por iso se deberían levar adiante políticas máis efectivas ou agresivas en prevención, sobre todo en idades de 14 a 16 anos, que son as idades de risco.

O día 27 de febreiro presentarase nos xulgados para declarar e verse con Oubiña?
Se a folga dos xulgados se paraliza, si.

E sobre as palabras do mesmo Oubiña sobre que vostedes están só para recoller subvencións?
Algo de razón ten, porque nós temos cen persoas traballando, moitos programas, temos pisos de acollida, formación e inserción laboral e damos aulas a persoas que nin sequera teñen estudos elementais. Ten razón, porque a xente que traballa nestes programas son profesionais, por tanto teñen que cobrar. Sobre min, que son a presidenta, non cobrei na miña vida, levo moitos anos xubilada e vou e veño continuamente, non cobro absolutamente nada polo gasóleo ou gasolina que gasto. Por tanto o que diga ese señor tanto nos ten. Temos o costume de facer cada dous anos unha auditoría de propia vontade e a Xunta de Galicia tamén fai unha auditoría con frecuencia para ver os ingresos que temos e a maneira de gastalo. Polo tanto, que non veña (Laureano Oubiña) meter cizaña, porque xa sabemos que o ladrón cre que todos son da súa condición.

Carmen Avendaño
Carmen Avendaño | Fonte: Érguete
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Non todo é branco

¿A cupa é do que proporciona ou do que demanda o produto? (Falando de drogas, tabaco, prostitución,...)

2 sermos mantidos

Moito falar de Alianza Popular, das evidentes relacións entre o Partido Podre e os narcos... A señora que tanto combate os negocios da droga ilegalizada (se fora legal ou controlada polo Estado o negocio pecha), esquece outros "episodios nacionales" (da nación da entrevistada), como do PsoE corrupto até a médula, traidor, vendido, e practicante do terrorismo de Estado (os Gal, con cal viva, torturas, con inocentes asasinados). Esquece a señora que ela foi parte daquel PsoE que tamén ten as mans pringadas... Polo mesmo, leccións de moral dos que non tiveron escrúpulos en participar do sistema corrupto, do terror, da aniquilación e da censura dos diferentes, provocan risos a calquera persoa decente.

1 Breogán

Había un presidentiño da sucursal galega do goberno dos mandriles que viaxaba nun iate procurando o eldorado de hernan cortés.