A eurodeputada Lídia Senra denuncia ante a UE o "desbordamento" da balsa de residuos da mina de Touro

A eurodeputada acusa de vulneración da normativa europea en "xestión de residuos das industrias" e "responsabilidade de danos ambientais"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2018 | Actualizada ás 15:08 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra (GUE/NGL) denunciou este xoves ante a Comisión Europea o "desbordamento" da balsa de residuos da antiga mina de cobre e ouro producido o xoves 15 de febreiro en Touro, cun escrito no que informa os "danos ambientais" que provocan as "continuas verteduras" que se producen na zona.

Lida Senra
Lida Senra | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, Senra denunciou que o "desbordamento" da balsa de Bama (Touro), situada a 100 metros do río Brandelos, ao que foron parar os residuos, é "a pinga que colma o vaso", por tratarse de "un claro exemplo de vulneración" da normativa europea.

En concreto, a eurodeputada, referiuse ao incumprimento da directiva referida á "xestión dos residuos das industrias extractivas" (2006/21/CE), e a que advirte sobre a "responsabilidade e reparación de danos ambientais" (2004/35/CE).

Ademais, Senra defendeu que, tanto as empresas responsables da explotación mineira en cuestión, como a Xunta e o Goberno español, están "a vulnerar totalmente" a Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), porque "non fan nada fronte á continua contaminación que padecen as canles fluviais da contorna".

Así, incidiu en que se trata de "un problema que transcende o local", e que "vai moito máis alá de Touro", xa que contamina "moitos regatos que van parar ao río Ulla" e que trasladan a contaminación "até a ría de Arousa", onde desemboca, o que afecta os bancos "marisqueiros da costa".

Ante tal situación, Lídia Senra pediu á Comisión Europea que "actúe dunha vez" e adopte as "medidas necesarias" para "comprobar se se está aplicando ben ou non" a normativa da Unión ante un "problema que leva arrastrándose durante décadas".

FIN DE SEMANA DE ACTUACIÓNS CONTRA A MINA

A eurodeputada galega explicou que, "continuando co apoio á loita" da plataforma veciñal 'Mina Touro-O Pino Non', participará este venres de febreiro nun coloquio organizado na Estrada (Pontevedra), baixo o título 'A mina de Touro-O Pino tamén lle afecta á Estrada, no coidado do río Ulla'.

Por outra banda, o domingo Lídia Senra acudirá á manifestación tractorada que convoca a plataforma 'Móvete' da Estrada, e que partirá ás 12,00 horas da antiga balsa mineira de Angumil para terminar no municipio de Touro.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta