Un mozo galego que foi a unha Marcha da Dignidade en 2014 enfróntase a case 6 anos de cárcere nun xuízo en marzo

Emilio Cao defende que se viu "envolto" nos disturbios e confía na súa absolución por "falta de probas" como noutros casos xa xulgados

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 14:37 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Emilio Cao, un mozo galego de 22 anos que participou en 2014 nunha Marcha da Dignidade que concentrou a ao redor dun millón de persoas na capital española, será xulgado o próximo 19 de marzo nun xulgado do Penal en Madrid. Piden para el cinco anos e oito meses de prisión por desordes públicas e atentado á autoridade.

Emilio Cao, mozo galego que será xulgado Madrid
Emilio Cao, mozo galego que será xulgado Madrid | Fonte: Europa Press

Aquel día, o mozo do Carballiño (Ourense) que actualmente estuda Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi detido por un policía que, segundo a versión que explicou este venres en rolda de prensa, non estaba identificado como tal cando lle arrestou, nas proximidades da rúa Génova.

"Vinme envolto nos disturbios e detivéronme sen xustificación", explicou o mozo en rolda de prensa, nunha comparecencia na que saíu apoiado polo viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, quen mostrou "toda a súa solidariedade" a este mozo que entón tiña 18 anos e estaba no instituto.

Emilio Cao defendeu que el non participou en ningún disturbio e que mesmo tratou de marcharse ante o que estaba a ocorrer, pero non o conseguiu e acabou detido.

O deputado Antón Sánchez asegurou que ese mesmo día atopábase nesa zona e tívose que refuxiar nun bar, que baixou as persianas polo que estaba a suceder. "Eu estaba alí exercendo o dereito a manifestarme e leváronme a Comisaría", relatou o mozo galego.

ABSOLUCIÓN

O estudante galego explicou que houbo 24 detidos e que algúns xa foron xulgados e "absoltos por falta de probas", o que, na súa opinión, "certifica" que "non houbo delito por manifestarse" e dálle esperanzas. "Tocoume a min", lamentou.

Este últimos catro anos viviunos con "incerteza e medo" estudando en Compostela ata que lle chegou a citación, fai aproximadamente tres semanas.

En Madrid está previsto que conte co apoio de decenas de persoas e da Plataforma 'Absolución Emilio Cao', que xa recibiu apoios de políticos da órbita nacionalista e da esquerda, así como do mundo sindical --como CIG ou SLG--.

"DERIVA AUTORITARIA"

Para o viceportavoz de En Marea, este caso é un "exemplo" de deriva "autoritaria" deste país e citou o caso do "secuestro" xudicial pedido para o libro 'Fariña' ou as críticas ao pregón de Entroido de Santiago, que chegaron mesmo desde Moncloa por parte do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Antón Sánchez lamentou que lle poden "romper" a vida a este mozo e considerou que Emilio Cao precisa de "todo o amparo de quen defenden a democracia".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta