Por E.P. | A CORUÑA | 27/02/2018 | Actualizada ás 14:22
Un informe xurídico sobre o Pazo de Meirás, encargado pola Deputación da Coruña, concluíu que houbo unha "venda simulada" deste inmoble a Francisco Franco e apostou por acudir aos tribunais para recuperalo, tendo en conta que este feito avala a "nulidade" deste contrato.
"É a opción necesaria", sentenciou o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xavier Ferreira, coordinador do equipo que elaborou este informe, que se basea nun estudo histórico sobre o proceso polo que este pazo pasou a mans de Franco.
A "transmisión formal", indicou, produciuse no ano 1941, aínda que antes, en marzo de 1938, existiu un documento privado de doazón do inmoble a Franco. "Querían que o xefe do Estado tivese unha segunda residencia na Coruña", destacou.
Con posterioridade, o empresario e conde de Fenosa Pedro Barrié da Maza "capitaneou a entrega deste ben", despois de que se pedisen "achegas forzosas para sufragar a compra". Nese momento, é cando, segundo o coordinador do informe, se produce "un contrato simulado" cos entón propietarios.
"Na escritura, o prezo de venda é baixo e non se entrega fisicamente o diñeiro", explicou. "A consecuencia é a nulidade deste contrato", apostilou, incidindo en que se trata dunha "escritura ficticia", feita no ano 1941, despois de que Franco aceptase en decembro de 1938 a doazón do inmoble realizada en marzo dese ano.
DOADO AO XEFE DE ESTADO
Xavier Ferreira remitiuse á existencia dun documento privado, en concreto unha telegrama dirixido ao cuñado de Franco, Ramón Serrano Suñer, que recolle a doazón. Con todo, apunta a que o ben non foi cedido a título persoal. "O ben non se lle doou a Franco, senón ao xefe de Estado", insistiu.
Como dato, citou o feito de que se celebrasen nel "30 consellos de ministros e máis de 30 audiencias". "Tiña un uso similar ao Palacio do Pardo", resumiu.
Tamén apuntou que o contrato dunha compra-venda, que "non existiu", se fixo para que o pazo "tampouco quedase no Patrimonio Nacional", en alusión á Lei de Patrimonio Nacional aprobada en 1940, que establecía os bens que correspondían ao mesmo.
ACCIÓNS LEGAIS
Por iso, o experto defendeu iniciar accións legais pola vía civil para declarar a nulidade dunha compra-venda que, segundo os autores do estudo, non está prescrita.
Respecto destas accións legais, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou que as conclusións do informe —do que este martes se presentou un avance— serán analizadas na Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, que se reunirá este xoves. Nela, miraranse "as posibilidades" de actuación.
No entanto, dixo que a Deputación da Coruña está disposta "a colaborar" para iniciar este proceso, aínda que avogou por que non sexa unha soa institución senón "un conxunto de administracións" as que promovan as actuacións xudiciais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.