O vicepresidente Rueda recoñece o éxito do paro na Xustiza e a necesidade de melloras, nunha carta aos sindicatos

GC publica a misiva que o tamén titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza remitiu ao comité de folga, ao que comunicou a súa intención de sentar a negociar el persoalmente coa condición de que desconvoque o paro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/03/2018 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

O vicepresidente Alfonso Rueda, titular tamén de Xustiza, expresou publicamente onte, mércores, a súa intención de sentar el mesmo na mesa de negociación cos sindicatos para buscar unha solución ao conflito que derivou nunha folga indefinida. Pero Rueda pon unha condición que os sindicatos cualifican de "chantaxe": desconvocar o paro. Así llo trasladou aos sindicatos nunha carta.

Alfonso Rueda.
Alfonso Rueda.

Máis aló da proposta de Rueda para tentar chegar a un acordo, o máis salientable desta misiva é o recoñecemento que fai o vicepresidente do éxito da folga —fala de "parálise nos xulgados galegos"—, contradicindo así a propia mensaxe pactada na Xunta e lanzada á opinión pública de xeito reiterado de que o paro estaba sendo un fracaso, con escaso seguimento (a Xunta sempre colocou o seguimento por debaixo do 40 por cento, mentres que os sindicatos o cifran en arredor do 90 por cento).

En concreto, o vicepresidente da Xunta recoñece que "a pesares dos servizos mínimos establecidos", o paro indefinido "está a causar unha considerable parálise nos xulgados galegos e notables prexuízos para a toda a cidadanía", o cal contradí claramente a versión que deu até o de agora a Xunta, que sempre tentou minimizar a forza dos folguistas, situando o seguimento en cifras mínimas.

De feito, o propio Rueda tamén asume que o paro indefinido tamén está afectando directamente aos folguistas, que "están a ver reducidas as súas remuneracións como consecuencia do seu lexítimo dereito de seguimento da folga", expresa na carta enviada a Manuel Tejada Vidal, presidente do comité de folga da Xustiza galega, con data do 28 de febreiro.

RUEDA OFRÉCESE A LIDERAR AS NEGOCIACIÓNS

Na mesma misiva, Rueda expón a intención do Goberno de chegar a un acordo e ofrécese agora a ser el quen encabece as negociacións por parte do Goberno galego, relegando a un segundo plano aos que até o de agora foron os representantes da Xunta na mesa de diálogo: Juan José Martín, director xeral de Xustiza, e José María Barreiro, director xeral de Función Pública. Con todo, pon unha condición previa: os sindicatos deben desconvocar a folga.

"Como unha das cuestións alegadas polos sindicatos para xustIficar o abandono das últimas reunións é a ausencia do Vicepresidente na mesa de negociación, e como a vontade da Xunta é lograr un acordo, non teño inconvinte en participar xunto co Director Xeral de Xustiza e o Director Xeral de Función Pública nos encontros que se están a producir co comité de folga, sempre e cando se suspendan os paros mentres se produce a negociación e a cidadanía deixe de verse afectada por esta parálise nos xulgados galegos", escribe Alfonso Rueda ao comité de folga.

"MELLORES CONDICIÓNS"

O vicepresidente da Xunta tamén recoñece a necesidade de "lograr unhas mellores condicións para os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia"; isto é, se antes dede a Xunta falaban de que estes funcionarios eran uns "privilexiados", agora o Goberno galego asume que é necesario ceder ante algunhas demandas dos traballadores para mellorar as súas condicións laborais actuais. 

"Estou seguro de que compartimos o obxectivo de lograr unhas mellores condicións para os traballadores da Administración de Xustiza en Galicia e ao tempo un mellor servizo para todos os galegos; e que tamén comparlimos o desexo de causar os menores prexuízos posibles aos cidadáns cunha folga que se prolonga xa por 16 xornadas. Por todo isto, maniféstoche a miña disposición a participar na mesa de negociación ao día seguinte mesmo de que se desconvoque a folga, e afrontar así unha negociación e un diálogo sobre todos os asuntos obxecto de discrepancia, coa firme e decidida vontade de chegar a un acordo canto antes, que logre satisfacer as demandas dos traballadores ao tempo que salvagarde o interese público", expón o vicepresidente na carta.

REPROCHES

Con todo, Alfonso Rueda reprocha aos sindicatos de seren eles os responsables de non avanzar na mesa de negociación. Segundo o vicepresidente, "despois dunha ducia de reunións entre Xunta de Galicia e sindicatos, o comité de folga [...] abandonou ata en tres ocasións a mesa de negociación, na que seguen estando os representantes do Goberno galego dispostos a negociar á procura dun acordo".

Ademais, mantén que a última oferta económica da Xunta é "xenerosa" xa que "sitúa os salarios dos funcionarios e funcionarias galegos por riba da media estatal en todas as categorías laborais, o cal precisamente era unha das principais reclamacións sindicais", di o vicepresidente, o cal, manteñen os sindicatos, "é falso".

Rueda, din desde o comité de folga, "descoñece que as nosas reivindicacións están baseadas na discriminación do persoal da Xustiza Galega con respecto ao resto de compañeiros e compañeiras da Xustiza do resto do Estado e que a maiores da reivindicación económica existe unha reivindicación sanitaria (descontos por estaren fermos), amortizacións de prazas, etc."

Pero para os sindicatos "o máis grave da carta é poñer como condición sine qua non para contar coa súapresenza que se suspendan os paros mentres se produce a negociación”.

"Dende o Comité queremos deixarlle claro ao conselleiro que non se van suspender as mobilizacións porque non existe ningún motivo que o xustifique e moito menos porque o solicite a persoa que estivo 'escapada' da mesa utilizando interlocutores que nada teñen que ver con Xustiza", expoñen os sindicatos, que solicitan ao vicepresidente que lles presente unha "oferta seria e xusta" para "empezar a negociar de verdade".

>> Carta de Alfonso Rueda ao comité de folga da Xustiza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta