Galipedia, 15 anos de coñecemento libre en lingua galega

A versión galega da Wikipedia conta xa con case 150.000 artigos. O próximo 8 de marzo cumpre tres lustros contribuíndo á expansión en Internet do coñecemento no noso idioma.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Galipedia, a versión en galego de Wikipedia, cumpre 15 anos. Lanzada en Internet o 8 de marzo de 2003, esta edición da enciclopedia universal en liña multilingüe, colaborativa e gratuíta contribuíu de xeito decisivo á expansión da lingua e da cultura galega en Internet, con case 150.000 wikis (artigos) publicados até o de agora.

Símbolo de Wikipedia.
Símbolo de Wikipedia.

Co gallo deste aniversario, os coordinadores da Galipedia van realizar unha serie de actividades, a máis importante das cales será o Primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller, que se celebrará en Ourense o 10 de marzo, en colaboración co Concello a través da súa Concellería de Igualdade. Este evento será unha actividade aberta a toda a cidadanía na que se realizará un obradoiro de introdución á edición, ao que seguirá un wikimaratón para mellorar e crear artigos de biografías de mulleres destacadas, uníndose así esta celebración á do Día Internacional da Muller, que se festexa cada 8 de marzo.

Nestes quince anos de traballo, a Galipedia foi aumentando o número de usuarios rexistrados —suma máis de 86.000— e os seus contidos e a calidade dos mesmos. Nese proceso de mellora continua, a comunidade de editores mellorou a calidade xeral dos artigos, chegando ó posto número 14 na lista de wikipedias por mostra de artigos, cando no 2013 estaba na posición 22, sobre un total de máis de 280 linguas.

Galipedia ten agora máis de 150 artigos co selo de calidade, que son algúns os que a comunidade de usuarios sinalou como os mellores traballos do proxecto. Entre estes artigos cóntanse tanto traducións de artigos de wikipedias máis grandes como artigos propios da Galipedia, e tratan temas que van dende a historia, as artes ou a xeografía, ata a bioloxía, a medicina ou as ciencias exactas, dende unha perspectiva tanto galega como universal.

Nos últimos tempos, e buscando darlle unha maior visibilidade á muller, a comunidade de galipedistas traballou por tentar reducir a fenda de xénero existente neste tipo de artigos entre as biografías de homes e de mulleres.

As melloras tamén se estenderon a outros ámbitos. Así, outra mostra do traballo realizado é que dos máis de 3.500 artigos de parroquias de Galicia, máis de 3.000 xa teñen a súa propia fotografía, estando completas as das provincias de Pontevedra e A Coruña, grazas ao traballo dos editores e das persoas que publican as súas fotografías con licenzas libres, para que poidan ser reutilizadas. Este proxecto organízase no Wikiproxecto fotos de parroquias.

AGRADECEMENTOS Á COMUNIDADE 'GALIPEDISTA'

Adrián Estévez Iglesias, un dos rostros máis coñecidos da Galipedia, e un dos seus administradores, dá en nome de todos estes "as grazas a todas as persoas que colaboran diariamente, e tamén ás que colaboraron no seu momento, na creación e mellora desta enciclopedia libre e en galego, e que pouco a pouco vai aumentando en calidade e contido".

"Tamén queremos agradecer ós milleiros de lectores e lectoras que diariamente consultan as súas páxinas aumentando así a súa utilidade, e animamos a todo o mundo a que participe con nós na construción deste proxecto de coñecemento, para que sexa aínda máis de todo o mundo, e para todo o mundo", engade.

LUCES E SOMBRAS 

Wikipedia foi creada co propósito de fornecer un contido libre, obxectivo e verificable que toda persoa poida editar e mellorar. Todo o contido está dispoñible baixo a licenza Creative Commons CC-BY-SA e pode ser copiado e reutilizado baixo esta mesma licenza. Estas características colocan a Wikipedia —e por ende a Galipedia— baixo o paraugas da cultura e ética hacker, deostada polos vellos poderes políticos e económicos e sancionada polos medios de masas tradicionais por propoñer un cambio de paradigma.

O auxe desta cultura hacker a prol da información libre, o traballo colaborativo e o coñecemento aberto colocou a Wikipedia como un dos principais piares desta nova cultura que ameaza o vello sistema de mercantilización do saber.

Un estudo da Universidad Carlos III de Madrid liderado polo profesor, investigador e xornalista galego Alberto Quian mostra como esta enciclopedia libre pode servir para medir o interese público e o comportamento social sobre un tema, de tal xeito que Wikipedia se converteu nun "campo de batalla ideolóxico".

Con esta premisa, Quian — responsable de redes e ciencia de GC— e o catedrático Carlos Elías realizaron un estudo no que se propón o uso de Wikipedia como termómetro para medir o comportamento social e interese público. Nel, analizaron como un "fenómeno político e controvertido" como WikiLeaks é editado e reeditado en Wikipedia e consultado centos de miles de veces, mostrando que o "aumento desas edicións e consultas implica un incremento do interese público".

A idea de Wikipedia, lanzada en xaneiro de 2001 —dous anos máis tarde apareceu a Galipedia—, "partiu de Jimmy Wales (EEUU, 1966), un licenciado e máster en Finanzas que, paradoxalmente, creou un sitio web sen ánimo de lucro que se transformou nun dos proxectos máis influentes en todo o mundo, non só desde o punto de vista cultural, como correspondería a unha enciclopedia, senón que en termos controvertidos –desde «homeopatía» ata «Hugo Chávez»– se converteu nun auténtico campo de batalla ideolóxico e político", expoñen Quian e Elías, para os que "a enorme influencia que ten unha enciclopedia na configuración do pensamento colectivo (outórgaselle máis autoridade a unha enciclopedia que a un xornal ou un libro) obsérvase no impacto na historia da humanidade da publicación da Enciclopedia francesa –a Encyclopédie– de Diderot e D’ Alambert, que significou o triunfo do pensamento libre, do principio secular e da empresa privada". Mais fronte ao modelo clásico enciclopedista, dirixido desde as elites, Wikipedia propón a colaboración entre iguais, na que subxace a pulsión hacker por crear colaborativamente e transmitir voluntariamente coñecemento, á marxe do sistema de mercantilización do coñecemento.

Aínda que Wikipedia conta cun sistema de regras e procesos de control para tentar garantir calidade e rigor, os wikipedistas admiten ser conscientes da existencia de lixo literario entre os seus millóns de páxinas e, por iso, buscan cubrirse as costas cun documento de "Limitación xeral de responsabilidade" que advirte aos usuarios de que "a información que atopen nesta enciclopedia non necesariamente foi revisada por expertos profesionais que coñezan os temas das diferentes materias que abarca, da forma necesaria para proporcionar unha información completa, precisa e fiable". O documento pretende evitar calquera responsabilidade legal derivada da aparición de información inexacta, errónea ou difamatoria, ou do uso que calquera usuario poida facer da información contida nas súas páxinas ou que estea enlazada desde ou cara a elas.

En todo caso, os wikipedistas presumen de que "a maioría das veces" o usuario atopará no seu sitio web "información exacta e valiosa". Con todo, aínda que a maioría dos enganos se detectan rapidamente e teñen pouco impacto en Wikipedia, un pequeno número sobrevive a longo prazo e están ben citados en toda a Web. Son casos como os recollidos na lista de enganos identificados, rexistrados e expostos polos propios wikipedistas.

Curiosamente, entre as das dez maiores alburgadas na historia da Wikipedia en inglés atópase un conto localizado en Galicia que sobrevviu como un feito real durante nada menos que nove anos e oito meses e medio: Pikes on Cliffs (Picos nos cantís). A fantástica historia, o décimo maior éxito na historia da ficción wikipedista pola súa permanencia no tempo, versaba sobre unha suposta casa en Estaca de Bares na que tería vivido no século XVI un pirata irlandés chamado William Simms. Nin a casa nin o mariñeiro existiron endexemais, agás na Wikipedia.

Cuestionan casos coma este a credibilidade e fiabilidade de Wikipedia como fonte de coñecemento? Ou acaso non reforzan a efectividade e o valor da construción colaborativa do coñecemento en aberto? Son preguntas que suscitan apaixoados debates entre defensores e críticos da enciclopedia libre, chea de luces pero tamén dalgunhas sombras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Bela

...e que diferenza coa Wikipedia española, auténtica miseria nacionalista capaz de dicir as máis grandes barbaridades (só con deterse nalgún tema galego ou que afecta a Galicia abonda... chegan a dicir que o cáliz do noso escudo é por "paronomasia"!!!! :)))))

2 Paraben

Moitos parabéns! Grande ferramenta a enciclopedia libre na nosa lingua!

1 Leike

Aínda que nalgunha das entradas de obras importantes da literatura universal se fornece na Galipedia a ligazón para a súa tradución galega en liña, o normal é que non figure ningunha ligazón ou que se remita para a lingua orixinal (que está ben pero non é para todos) ou ao texto en español ou en portugués (e mesmo multilingue coa exclusión do galego). Desaprovéitanse así centos de obras en galego na Internet (Biblioteca Bivir ou páxinas diversas) que poderían ser útiles para os lectores da Galipedia e para a normalización da nosa lingua.

1 Galipense

Se atopas algún deses erros, podes engadir ti a ligazón- É doado de facer

2 Leike

Galipense, non confío nada nos meus coñecements informáticos polo que se alguén se anima a facelo podería aos pouquiños facer un bo labor. En calquera caso Parabéns e longa vida á Galipedia!