Lingua de lei

O próximo 15 de xuño cumpriranse trinta e cinco anos da entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística de Galicia; unha norma fundamental para o fomento e normalización da lingua galega en todos os ámbitos, abranxendo ás institucións públicas e as decisións na esfera persoal.

Por Xosé Glez. | Redondela | 05/03/2018

Comparte esta noticia
O artigo 7 preceptúa que no ámbito territorial de Galicia, os cidadáns poderán utilizar calquera das dúas linguas oficiais nas relacións coa Administración de Xustiza. “En todo caso, a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”.Dereito que poucos exercitan. O artigo 8 establece que os documentos públicos outorgados en Galicia poderanse redactar en galego ou castelán. Quedan regulados, pois, os dereitos lingüísticos dos usuarios desas oficinas públicas.
 
Sen embargo, é só unha pequena porcentaxe de operadores xurídicos e cidadáns a que demanda das instancias oficiais tal dereito naqueles asuntos nos que son parte interesada. E para demostrármolo poñamos dous exemplos. Sendo como é Galicia un país de pequenos propietarios o número de protocolos notariais (declaración de herdeiros, testamentos…) en lingua galega é insignificante. O mesmo  podemos afirmar, tamén, dos asuntos que se tramitan na xurisdición laboral. Os avogados, que poderían galeguizar os máis de 150.000 resolucións xudiciais invocando dereito para que se lles ditasen sentenzas en lingua galega, non o fan. Como tampouco as asesorías xurídicas dos concellos galegos nas relacións cos órganos xurisdicionais do contencioso-administrativo. A Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia que debería ser a primeira en dar o exemplo, non fai. A galeguización da Xustiza conseguirase na medida en que os usuarios a demanden nos asuntos que lles incumben.
Durante estes últimos anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega, promoveron distintas iniciativas e campañas para convocar aos profesionais do dereito e cidadanía a exercer unha galeguización activa con éxito desigual. Aínda así, no que fai á galeguización no ámbito xudicial tense andado un camiño longo malia as dificultades derivadas dun sistema informático que lles impide aos funcionarios xudiciais desenvolver as súas actividades profesionais en lingua galega e atender as demandas da cidadanía do exercicio dos seus dereitos.
 
É de salientar, malia  as anteditas dificultades, o esforzado activismo de moitísimos xuíces– cada vez máis-  ditando sentenzas e resolucións xudiciais en galego contando coa colaboración de varios centos de avogados e procuradores e non poucos fiscais. Como recoñecemento a todos eles, a Irmandade Xurídica Galega iniciou hai a campaña LINGUA DE LEI para deixar constancia desas boas prácticas  que se veñen realizando en moitos xulgados desde hai anos. O primeiro acto celebrado foi no xulgado de A Fonsagrada, seguido do de Cangas; os próximos terán lugar nos de Cambados, A Estrada, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Carballo, Ribeira, Corcubión, Arzúa… aos que están convocados os operadores xurídicos e funcionariado deses partidos xudiciais.
 
Para que quede constancia pública destas louvables actuacións descubriranse placas conmemorativas nos edificios xudiciais deixando constancia dos nomes dos xuíces e xuízas que ditaron as primeiras sentenzas en lingua galega. A Irmandade Xurídica Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, pretende, deste xeito, animar o proceso regaleguizador dos usos xurídicos do noso idioma.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.