A Deputación da Coruña ve unha "provocación" que a familia Franco deposite en Meirás as esculturas do Mestre Mateo

Goretti Sanmartín lamenta que o Concello de Santiago e a Xunta non reclamasen medidas cautelares sobre as pezas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2018 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña cualificou de "provocación" que a familia Franco depositase no Pazo de Meirás as esculturas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo unha vez concluída a exposición sobre o artista que desde o pasado verán exhibíase no Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago.

Esculturas Mestro Mateo
Esculturas Mestro Mateo | Fonte: Europa Press

Así, segundo informa o ente provincial nun comunicado, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, denunciou que as pezas fosen recolocadas no Pazo de Meirás, algo que foi constatado na "primeira visita programada" ao complexo de Sada (A Coruña).

Até a súa cesión para ser exhibidas na exposición sobre o Mestre Mateo que percorreu Madrid e Santiago, a familia Franco gardaba as esculturas de Abraham e Isaac na Casa de Cornide da cidade herculina. Para Goretti Sanmartín, este movemento é "unha provocación" por parte dos herdeiros do ditador ao situar estas imaxes en "un inmoble en venda con todo o que atesoura no seu interior".

"A impunidade coa que actúa a familia Franco que fai que poidan campar ao seu aire nun momento en que é un clamor a reclamación tanto do Pazo de Meirás como das esculturas que son obras de arte singulares da arte universal e que son bens que foron comprados polo Concello de Santiago", sinalou Sanmartín.

LITIXIO POLAS ESCULTURAS

O Concello de Santiago presentou unha denuncia pola titularidade das pezas que foi admitida a trámite a finais do pasado mes de decembro. O consistorio compostelán reclama a devolución das esculturas --que formaron parte do Pórtico da Gloria até o século XIV-- porque entende que son patrimonio público e, por tanto, "non poden ser cedidas nin regaladas, nin poden dar lugar á prescrición que podería alegar a familia Franco para quedar coas figuras" do Mestre Mateo.

Na demanda, presentada o pasado mes de novembro, o Concello de Santiago incorporaba toda a documentación que "demostra" que é o "lexítimo propietario" das dúas pezas, adquiridas ao Conde de Ximonde en 1948.

Estas esculturas, da escola do Mestre Mateo, pasaron a mans do Conde de Ximonde en torno ao século XVIII. Este nobre vendeullas ao Concello de Santiago en 1948 por 60.000 pesetas, a través dun documento no cal se sinalaba que as pezas non podían saír de Compostela, ou ben o Concello tería que pagarlle unha "multa" de 400.000 pesetas.

A pesar diso, as esculturas pasaron a mans da familia Franco fai máis de medio século, aínda que non existe ningún documento de cesión. Nun principio estiveron no polémico Pazo de Meirás e, posteriormente, foron depositadas en casa Cornide. A situación detectouse por mor da exposición de ambas as pezas na mostra sobre o Mestre Mateo que acolleu o Pazo de Xelmírez, logo de pasar polo Museo do Prado.

MEDIDAS CAUTELARES

Goretti Sanmartín criticou que non se reclamou ningunha medida cautelar para evitar que as obras abandonasen a capital galega ao termo da exposición. Este extremo foi descartado polo Concello de Santiago porque entendían que a reclamación non tiña opcións de prosperar e que, mesmo, podería ser contraproducente para a demanda aberta pola titularidade das pezas.

Tampouco a Xunta accedeu a presentar unha petición de medidas cautelares, aínda que a Administración autonómica xa iniciou os trámites para declarar as pezas como Ben de Interese Cultural (BIC).

Así as cousas, a vicepresidenta provincial lamentou que Meirás continúe sendo "un templo do franquismo onde se está facendo apología dun réxime represivo", polo que fixo un chamamento a axuntar forzas para que "a memoria do ditador non continúe a campar con impunidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

¿E alguén me pode explicar o rejonazo que lle meteu onte na Voz alguén como Ramón Villares, nacionalista e de esquerdas, a Grandío --penso que mais que a Núñez Seixas-- co artigo no que di que o Pazo de Meirás foi un regalo? ¿Cal é a intrahistoria?

2 Tuzaro

Un xenocida, golpista e roubón, quen é tan inxenuo de pensar que iles van dar o roubado que é do que iles viven coma reis sen incala.

1 Anonimo

Feijoo no puede le mando el cobarde de rajoy y lameculos oficial del reino que no hiciera nada