Ribadeo porá freo á masificación na praia das Catedrais

O areal de Augas Santas acabou converténdose nun dos reclamos turísticos máis importantes de Galicia. Pero hoxe en día a masificación, o deterioro da contorna e as accións urbanísticas ameazan con estragar esta xoia da natureza de maneira irreversible.

Por Moncho Mariño | Ribadeo | 20/03/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As alarmas saltaron cando nas paredes de rocha comezaron a aparecer gravados nomes, datas e outras figuras. E é que a afluencia de xente estaba a converter As Catedrais nun lugar de peregrinaxe lúdica sen control. De aí a urxencia de medidas que puxeran freo ao acceso masivo e sen xeito á praia e á posible especulación urbanística que puidera ameazar o lugar. A historia comeza hai tempo, cando os medios, sobre todo con anuncios publicitarios e filmes  popularizaron este punto da Mariña Oriental. National Geografic colocounas entre os lugares máis destacados para visitar. As redes sociais deron o empurrón definitivo e así comezaron a chegar vagas numerosas de turistas. Todo isto colleu por sorpresa ás autoridades municipais, provinciais, autonómicas e estatais. Non había infraestruturas nin ordenamento para unha afluencia desproporcionada. E de aí ao dano só había un paso.

Imaxe das Catedrais
Imaxe das Catedrais | Fonte: Agremon

Co tempo construise un centro hostaleiro que achaiou metros cadrados para facer un aparcadoiro que máis tarde foi levantado para restaurar o espazo natural. Logo as persoas que viñan admirar as praias pasaron a abrir carreiros e camiños por zonas aínda non afectadas e isto trouxo o deterioro do chan e das plantas endémicas do lugar. Segundo expertos, é posible que algunhas zonas tarden tempo en recuperarse.

Aínda así, a Xunta de Galicia abriu en febreiro o portal web para reservar entradas e poder visitar o conxunto de areais. Porque esa é outra, realmente As Catedrais, realmente chamado Augas Santas, é un dos areais que forman un conxunto coa praia Os Castros-Illas. En total, había previstas unhas 15.000 entradas e apenas comezara o mes de marzo de 2018, case un terzo das solicitudes estaban xa repartidas. Todo un fenómeno que neste ano cumpre unha década desde que lle outorgaran a “Q” de calidade turística.

QUE SON AS CATEDRAIS?

Realmente son areais independentes pois cada un ten o seu nome, como xa apuntamos, depósitos de area que vai deixando o mar durante o verán e que pode levar cando hai mal tempo como ocorreu este inverno.  A desaparición da area alarmou a propios e estraños. Francisco Canosa, xeólogo do Instituto Xeolóxico de España aclara o tema: “Son ciclos anuais que varían de intensidade segundo o ano, o normal é a perda de area no inverno para que o areal se rexenere no verán”. Mais o importante é a presión turística sobre a zona e non as idas e vidas naturais da area. Canosa di que “non hai un control real sobre as visitas, porque o plano da Xunta só fai iso,, controlar visitas”.

Marea alta en Augas Santas
Marea alta en Augas Santas | Fonte: Martínez Corada

A concentración de persoas sobre o cantil, a parte superior das praias, está a eliminar a cuberta vexetal que protexe o chan. Se se perde ese chan, posiblemente sexa irrecuperable. En definitiva, Francisco Canosa considera que a recuperación do espazo non debe afectar só ao que é o areal “ten que afectar a todo a redonda e iso debérase reflectir en todo plano de xestión que se faga”.

A Plataforma Mariña Patrimonio, nacida para a defensa do patrimonio histórico na Mariña Luguesa, o seu voceiro Manuel Miranda, coincide con Canosa en que o deterioro é serio “sobre todo na parte de arriba, porque esa parte está moi abandonada”. Miranda estima que a falta dun plano integral para esta áera desde un primeiro momento, debeuse en boa medida a que “cando viron a chegada de xente, non se atreveron a frear algo que podía ter repercusión económica”.
O voceiro de Mariña Patrimonio pide tamén ter en conta que se estuden as posibilidades histórico-patrimoniais do lugar. “Ata hai pouco, décadas, aquela zona era un lugar de canteiras para extracción de pedra”. Pero máis alá no tempo, “hai uns anos descubríuse un forno da época romana no areal de Esteiro, para cocer cerámica”. Logo de presionar para excavar a zona, atopáronse restos de cerámica para transporte marítimo. “A simple aparición do forno podería indicar que habería algo máis” di Miranda.

PLANO DE ACTUACIÓN

A demanda dunha actuación para o control de acceso e frear o deterioro do lugar pasaba pola intervención das diferentes administracións, neste caso Xunta e Concello. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, aclarou que “non hai un plano consensuado coa Xunta”, aínda que o PXOM de Ribadeo, aprobado en decembro de 2014 “contempla a creación dun plano especial de actuación para toda a área de influencia do areal das Catedrais”. A superficie que entraría dentro desta actuación serían 54 hectáreas. O plano especial sería desenvolvido polo Concello de Ribadeo e para iso  adxudicáronse os traballos de elaboración a un grupo de traballo. No momento de redactar esta reportaxe, o proxecto estaba en exposición pública.

O máis importante “para nós é ter un documento aprobado para ordenar todo o potencial que ten agora e que pode ter no futuro” remarca Suárez. Non obstante, hai dous anos a Xunta de Galicia nomeara a zona como Monumento Natural, entón aí si que lle correspondía xestionar ao goberno galego. O caso é que esa medida só afectaba ao areal e unha parte mínima do cantil, uns accesos e unhas zonas recreativas. Ao concello correspondíalle a ordenación cun plano especial tal como podería ser un casco, desde o acceso con transporte e as accións que se poderían acometer.

A idea básica deste plano especial é a protección do monumento natural. Para facer unha planificación coma esta botouse man das diferentes iniciativas semellantes que había por Europa. Unha delas era Stonehenge no Reino Unido, onde as autoridades estatais interviñeron sen prexuízo dos veciños e veciñas do lugar. É dicir, veciños e veciñas poden acceder ás súas propiedades, habendo límites para as visitas. “Iso é o que nós queremos, que as persoas que viven alí perto, podan acceder libremente” di Fernando Suárez. Curiosamente as iniciativas como a británica proceden das autoridades estatais, o mesmo que no resto da Unión Europea, sendo España un dos poucos lugares onde son as autoridades locais teñen case todas as competencias sobre este tipo de áreas.

O plano especial en exposición pública contempla a prohibición de construcción na zona, a retirada dos aparcadoiros máis ao sur, detrás das liñas de FEVE, e por outra banda, a negociación coa mesma FEVE e ADIF, para levantar un apeadeiro que permita achegar xente á zona, pois o xa existente, está a douscentos metros de distancia e non ten un tráfico de persoas destacable. A proposta está enviada á autoridade ferroviaria  pero polo de agora non se tivo resposta no concello. Outras acutacións sería a compra de terreos no caso de ser necesario, mesmo se fose necesario pasaría pola expropiación dalgunhas parcelas. A día de hoxe, o Concello non ten ningunha propiedade de seu no lugar. O investimento total estimado é de 2.5 millóns de euros.

POSTURAS DENTRO DA CORPORACIÓN

Estando basicamente de acordo coa necesidade de protexer o espazo natural, os grupos da oposición municipal sinalan puntos que poderían presentar dificultades para desenvolver o plano especial. Jesús López, do PP considera que “o orzamento non nos parece suficiente á parte de que se houbese que realizar expropiacións, iso podería alongar no tempo”. Tamén os orzamentos parecen ser o tema clave para Aurora González do PSOE, “nós estamos de acordo en que As Catedrais son un entorno a protexer, pero temos dúbidas sobre o orzamento”, porque “de onde vai sacar ese diñeiro, parece que pode botar adiante as obras, pero carece de moitas infraestruturas que para os veciños teñen prioridade”. O grupo municipal de Ciudadanos, representado por Marta Sáiz, queren “que exista consenso entre as dúas partes que máis teñen que dicir, Xunta e Concello , que calquera decisión que se tome sexa consensuada en beneficio de todos”. Á parte de coincidir na necesidade de control sobre as visitas a este lugar, outro estremo é a necesidade de reter esa afluencia, polo menos boa parte dela, dentro da vila para visitar o concello, pois “Ribadeo é moito máis que as Catedrais”.

Preguntado sobre a cuestión orzamentaria, o alcalde ribadense contesta que “se ninguén axuda ao Concello, este mesmo podería afrontar as medidas en varias anualidades para levalas adiante”. Os prazos establecidos andarían sobre os sete ou oito anos, período que se podería acelerar de contar cos apoios de institucións como a Xunta de Galicia ou a Deputación Provincial.  “O caso é que neste país non se está afeito a tramitar documentos tan importantes como os PXOM”, di Suárez “o noso PXOM levou once anos tramitalo e que leva canda si cifras importantes”. Aplicando isto ao Plano Especial das Catedrais, unha das primeiras actuacións serían as expropiacións para facer aparcadoiros onde coincidan o transporte público e privado. “Estou convencido que Xunta, Ministerio e Deputación axuden neste proceso, porque cando vou a Fitur, o mascarón de proa de Galicia nesa feira de turismo son As Catedrais”.

CONCLUSIÓNS

Existe consenso entre os grupos municipais sobre dous puntos; As Catedrais Augas Santas, Esteiro e Illas precisan dun plano de xestión e control de afluencia para preservar as 54 hectáreas que compoñen o espazo. Por outra parte, é necesario fomentar as pernoctacións ou estancias na vila, pois boa parte da xente que vai ver este punto só permanece unhas horas e logo segue o seu camiño. Outros visitantes van exclusivamente coñecer o espazo, motivados polos documentais, filmes e anuncios publicitarios. Pero sexa como for, todas estas persoas están só de paso, como xa se dixo.

Outra solución apuntada por expertos é a creación dun parque natural, que non eliminaría as visitas pero si as tería moi controladas. “Sería buscar un turismo de calidade, tal como existe noutros lugares” apunta Francisco Canosa. Isto último podería verse reforzado coa inclusión dos restos arqueolóxicos atopados hai uns anos e que lle poderían engadir máis atractivo segundo Mariña Patrimonio. E por último, que a masa de xente vaia a Ribadeo non só ás praias mencionadas, senón que deixen sentir a súa presenza no resto do concello e na costa luguesa.

Masificación nas praias das Catedrais
Masificación nas praias das Catedrais | Fonte: Agremon
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta