Alumnos galegos e lusos achéganse ao emprendemento no II Campus Abanca da Universidade de Vigo

Coñecerán experiencias empresariais e escoitarán a expertos sobre innovación e financiamento.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/03/2018 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo acolle este xoves e este venres a segunda edición do Campus Abanca, un evento que permitirá a decenas de estudantes achegarse á realidade do emprendemento na eurorrexión, e que se enmarca no V Encontro Internacional de Xoves Emprendedores organizado pola institución académica.

II Campous Abanca
II Campous Abanca

Máis de 200 estudantes galegos e portugueses participarán nesta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre os universitarios. Así, ademais de escoitar a conferencia inaugural a cargo de Adolfo Fernández (Google Business Development Manager Spain & Portugal), ao longo das xornadas, os alumnos poderán aprender de experiencias como as de Avelino Correa (Creappcuentos), Gonzalo Camiña (Opseeker), Guillermo López (Torusware), Julio Portela (Green Way) ou Águeda Comesaña (Sal e Laurel). Tamén poderán escoitar a expertos como Andrés Fernández (RedInvest), Rubén Ferreiro (Lanai) e Yolanda Falcón (Unirisco) disertar sobre 'Innovación, financiamento e emprendemento'.

Na sesión de inauguración do evento, o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, lembrou aos estudantes que o éxito no emprendemento "é cuestión de traballo, tesón e preparación", e destacou o papel da entidade financeira como axente impulsor, proactivo no ecosistema da innovación e o emprendemento de Galicia.

Novoa, que subliñou que a innovación é "un dos alicerces fundamentais" sobre os que crecer, lembrou que Abanca lanzou hai un ano o seu propio programa de "intraemprendemento" e que, agora na súa segunda edición, ten o prazo aberto para as inscricións. O director de Banca Institucional da entidade animou aos estudantes a participar neste programa, no que se seleccionará a 5 novos talentos das universidades, "para que as súas ideas crezan xunto ás 20 mellores propostas dos profesionais de Abanca".

CULTURA DO EMPRENDEMENTO

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Salustiano Mato, recalcou a importancia de que as institucións académicas sexan as primeiras que aposten pola cultura do emprendemento e, sobre todo, "acompañen" aos estudantes nas súas iniciativas, facendo labor de 'mentoring'. Mato avogou por que os emprendedores universitarios "noten o alento" da institución para que, nun futuro, "liguen" a marca da súa empresa "á marca da universidade que os viu nacer".

Mentres, o decano da Facultade de Económicas e Empresariais da UVigo, J.Santiago Gómez Fraiz, expresou a súa satisfacción pola celebración dun encontro que "non só ten unha vertente formativa, senón que serve para estreitar lazos entre institucións educativas portuguesas e galegas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta