O PPdeG di que "non hai ninguén ao volante" de En Marea

Tellado considera que a situación de Paula Quinteiro mostra as "carencias" de Villares, "incapaz de ser nin portavoz de si mesmo"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2018 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou este venres que "non hai ninguén ao volante, nin liderado" en En Marea. Por tanto, "pase o que pase" a raíz do incidente coa policía en Santiago no que se viu envolvida a deputada Paula Quinteiro, estase "ante a crónica dun Grupo Mixto anunciado". Tellado incidiu en que hai tres opcións,  que o Consello das Mareas "lle faga caso" ao portavoz, Luís Villares, e "expulsar" a Quinteiro do grupo, que este órgano "desobedeza" ao portavoz, ou que a parlamentaria implicada na polémica "dimita".

Miguel Tellado (PPdeG)
Miguel Tellado (PPdeG) | Fonte: Europa Press

O dirixente popular sinalou que Villares "deixaría de ser o líder da oposición", pasando o PSdeG a ser o "primeiro partido da oposición"; no segundo, Villares "deixaría de ser líder mesmo dos seus afíns dentro do partido"; e no terceiro contexto, se dimite, "estaría a dar a razón" aos populares, cando advertiron que "o silencio e inacción" do portavoz "estaban a condenar á súa compañeira a acabar coa súa carreira". Para o secretario xeral do PPdeG, "en calquera do tres escenarios, as mareas de Podemos demostrarán que non estiveron á altura da confianza que lle deron tantos galegos que hoxe están comprensiblemente decepcionados".

Así mesmo, incidiu en que o episodio no que se viu envolvida a deputada reflicte "boa parte do que non se pode admitir que sexa a política" a día de hoxe, e recalcou, na liña na que manifestou o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, que a actitude de Quinteiro é propia "do século pasado". "Primeiro, fai uso de prerrogativas parlamentarias para tentar intimidar a un axente e mediar polos supostos vándalos que a acompañaban; segundo, uns responsables políticos que se negan a dar explicacións e, cando as dan, o único que fan é tentar desprestixiar á policía; e terceiro, un alcalde, o de Santiago, que no canto de defender os intereses dos seus veciños, vítimas do vandalismo, defende aos vándalos".

A pesar de que o rexedor compostelán, Martiño Noriega, si afirmou que confiaba e non puña en dúbida a actuación policial, Tellado aferrouse a que tamén situou o caso como "un incidente menor" para afearlle que minimice o ocorrido.

"CARENCIAS" DE VILLARES

As maiores críticas de Tellado dirixíronse a Villares, ao entender que esta semana "retratou á perfección todas as súas carencias" como político, dado que "non foi capaz de pedir explicacións" ao seu deputado, "non tivo liderado nin autoridade para defendela nin reprobala", e tampouco tivo "a valentía necesaria para dar a cara" nunha situación "de crise".

En alusión á reunión do Grupo de En Marea do mércores, despois do pleno, que Villares demostrou "non ser nin portavoz de si mesmo, xa que non foi capaz de dar unha opinión nin sequera persoal sobre unha cuestión moi grave que afecta o seu grupo".

Na mesma liña, aludiu ás "contradicións" internas de En Marea e apuntou que, unhas horas despois de que Noriega cualificase o ocorrido de "incidente menor", Xosé Manuel Beiras suxería que Quinteiro debería "dimitir", sendo ambos de Anova. "Non hai ninguén ao volante, non hai consenso nin sequera dentro dos partidos que a conforman", aseverou.

Por último, Tellado reafirmouse en que, "nesta loita de todos contra todos, os maiores derrotados son os miles de galegos que votaron ás mareas de Podemos" e que hoxe, augurou, "sentirán avergoñados do espectáculo que está a dar o partido que escolleron, e de que os seus votos subvencionen a prepotencia dunha deputada que se dirixe á Policía coa soberbia do 'vostede non sabe con quen está a falar'".

"VONTADE DE DIÁLOGO TOTAL"

Por outra banda, en relación ao pronunciamiento do exconselleiro de Cultura Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, nunha entrevista coa Radio Galega, en relación á falta de diálogo no Parlamento, Tellado recoñeceu que Portomeñe é "un referente" e non só para o PP, senón tamén para "a política galega". Dito isto, admitiu que é "moi difícil" que haxa achegamento de posturas e consensos na cámara porque "os grupos minoritarios queren impor as súas teses".

Así, descartou chegar a acordos co BNG, coa súa "bandeira partidista" e a defensa de "posturas radicais" que, ademais, ás veces resultan "negativas" para Galicia. Como exemplo, aludiu á súa defensa dun concerto económico galego, pese ao rexeitamento "dos estudos de numerosos economistas".

Ao tempo, e despois de remarcar que o PPdeG ten "unha vontade de diálogo total", manifestou que a súa formación debería "poder pactar" co PSdeG, pero aludiu ao "complexo" dos socialistas e a que estean embarcados en "rivalizar" con Podemos "para ver quen é máis da esquerda radical". Por iso, concluíu que nas últimas eleccións autonómicas os galegos deron de novo a maioría absoluta a Feijóo, "sabedores da falta de diálogo entre os grupos e conscientes de que, ou había un goberno con maioría ou un circo e unha lea permanente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Os dirixentes do PP son realmente especímenes dignos de estudo. Sempre son os primeiros en criticar e denunciar aos grupos de oposición, pero xamáis fan autocrítica nin dimiten, ainda sendo comparados polas súas accións cunha organización criminal nunha comisión de investigación no Congreso; consideran unha virtude o monolitismo propio dos rexímenes de Partido Único e vergoñento que existan voces discordantes dentro dun proxecto político, pero gábanse en proceder soterradamente como unha mafia que se devora entre sí polas migallas do poder. Se tiveran un pouco de vergoña calarían a boca e tentarían pasar desapercibidos; pero non, sempre queren "dar exemplo"....O espectáculo é repugnante.

2 Grimaldi

Tellado para de comer bollycaos!!!

1 comunista independentista

Tampouco hai ninguén ao volante da única neurona de Tellado e aí está.