Por Galicia Confidencial | | 11/02/2011 | Actualizada ás 19:52
A federación de Químicas e Enerxía da CIG denuncia publicamente que "os 24 traballadores e traballadoras despedidos/as da Nosa Terra aínda non percibiron as nóminas do mes de outubro nin as liquidacións correspondentes despois da presentación do proceso concursal". A fin de semana pasada, o SXG facía a mesma denuncia en torno a Promocións Culturais Galegas, empresa controlada por Jacinto Rey, dono da construtora San José e tamén principal accionista de Xornal de Galicia.
A CIG apunta que "diante deste incumprimento, a central nacionalista presentou no xulgado un incidente contra o administrador concursal e a empresa editora do histórico semanario nacionalista, Promocións Culturais Galegas".
Os afectados/as reclaman no escrito remitido ao xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra que se corrixa a certificación da débeda xa que o que emitiu a administración concursal non diferenza a indemnización legal da convencional recoñecida no seu día perante o xulgado (que suma sete días máis por ano traballado aos 20 días, cun máximo de 12 mensualidades, que establece a lei). Esta anomalía impide que os empregados/as poidan cobrar unha parte da débeda reclamándolla ao Fondo de Garantía Salarial (Fogasa).
Promocións Culturais Galegas despediu a 24 dos seus 28 traballadores/as o pasado 30 de outubro e suspendeu a publicación do semanario en papel baseándose na mala situación económica da empresa. Os traballadores tentaron evitar os despedimentos mediante mobilizacións, incluída a protesta na sede de Xornal:
A Nosa Terra dixital segue a publicarse. O SXG denunciou que solicita a colaboración de contribuídores de balde, cando arrastra importantes débedas cos asalariados e contribuídores da anterior etapa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.