Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/05/2025 | Actualizada ás 14:00
As palmeiras non morren de súpeto. O seu declive é lento, interno, imperceptible durante meses. Dende fóra semellan erguidas, fortes, inmutables. Pero, no seu interior, centos de larvas escaravellan, comen e apodrecen esta planta. No corazón vexetal de Galicia, símbolo dos pazos indianos e dos xardíns fronte ao mar, avanza unha praga silenciosa. Chámase picudo vermello ('Rhynchophorus ferrugineus'), un escaravello de importante tamaño que chegou en 2013 a Gondomar, probablemente nun envío de palmeiras procedente de Exipto, e, dende entón, non deixou de espallarse por todo o territorio, especialmente pola costa atlántica. Esta é, sen dúbida, unha loita difícil de gañar, pois os tratamentos son caros e complexos. Dende Galicia Confidencial falamos con Rosa Pérez Otero, técnica da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), en Pontevedra, que nos dá conta de como está a día de hoxe a situación, de como advertir os primeiros síntomas que denotan a presenza de picudo nunha palmeira e de como e cando realizar os tratamentos de recuperación e prevención.
Aínda que a día de hoxe xa non traballan no tema, os técnicos desta estación pontevedresa e, en particular, Rosa Pérez Otero, son os que mellor coñecen a este insecto invasor. "Fomos nós quen fixemos a primeira detección en Galicia fai xa máis dunha década, en Gondomar", lembra Rosa. A partir de aí, a praga foi avanzando pola provincia de Pontevedra, máis fortemente pola zona da costa, e logo dirixiuse cara a da Coruña. "Resulta curioso que o avance da praga seguiu bastante ben a liña da nosa xeografía, coma se nel influíse máis a dispersión natural que novas entradas de material contaminado con este insecto", sinala. Así, na actualidade Ferrolterra é unha das zonas máis afectadas, pois é a de máis recente chegada da praga. "Agora mesmo alí está causando bastantes estragos nos palmeirais", asegura a técnica, que lembra que durante os primeiros anos trala súa detección o picudo estivo catalogado como unha praga de corentena e de erradicación obrigatoria segundo a normativa fitosanitaria da UE e a lexislación estatal. Isto significaba que, ao detectar unha palmeira afectada, os propietarios estaban obrigados a eliminala, mesmo en propiedades privadas. Para desbotalas, habilitáronse os chamados 'cemiterios de palmeiras', onde debían levarse os exemplares mortos, ou ben soterrarse a máis de dous metros e cubrirse con cal viva nos propios xardíns.
"NUNHA PALMEIRA PODE CHEGAR A HABER MÁIS DE MIL LARVAS QUE SE ESTÁN ALIMENTANDO DELA POR DENTRO E CUXOS EXCREMENTOS TAMÉN A APODRECEN"
Cando lle pedimos á técnica de Areeiro unha descrición do picudo que permita á xente detectalo de maneira sinxela, non dubida na súa resposta: "O picudo é un escaravello, pero un escaravello moi grande". Non estamos a falar de calquera cousa, pois se sacamos ás vacalouras e algunha outra especie, os escaravellos oriúndos de Galicia non superan o medio centímetro, na súa maioría, mentres que o picudo facilmente pode chegar a medir 5 centímetros. Un tamaño que impón. Ata fai ben pouco incluíase dentro da familia dos curculiónidos --comunmente coñecida como a dos gurgullos--, porque ten un rostro alongado semellante ás especies desta familia e un pico que é o que lle dá o seu nome popular. Pero os avances en xenética e sistemática permitiron aos científicos estudar mellor as relacións entre as especies desta familia e outras particularidades deron en outorgarlle a súa propia familia: os rincofóridos. Con todo, a pesar dese gran tamaño que acadan os exemplares adultos, o problema atópase máis nas larvas deste insecto.
Como explica Rosa, "as larvas do picudo nacen nos tecidos brandos das palmeiras, porque é esa a zona na que os adultos poñen os seus ovos". E asegura que, "verdadeiramente, son esas larvas as que causan os danos reais, alimentándose do interior da palmeira". Ademais, tamén apunta a que, "nas variedades máis sensibles, e como problema engadido, o macho libera feromonas de agregación, que atraen a outros exemplares a esa palmeira porque a consideran axeitada para reproducirse". Deste xeito, e por sorprendente que poida parecer, "nunha palmeira pode chegar a haber máis de mil larvas que se están alimentando dela por dentro". Pois a técnica explica que o interior dunha palmeira non é de madeira maciza, senón dun tecido fibroso e húmido, perfecto para que as larvas se alimenten. Pero este non é o único estrago, hai outro engadido: os excrementos derivados desa alimentación, que "provocan o desenvolvemento de fungos que tamén apodrecen a palmeira". Así, o ciclo letal está servido.
"AS PALMEIRAS NON SON ÁRBORES, SON PLANTAS, E SÓ TEÑEN UN PUNTO DE CRECEMENTO, A XEMA TERMINAL, POLO QUE, SE ISO DESAPARECE, MORREN"
É precisamente por culpa deses fungos derivados dos excrementos das larvas de picudo que, cando se corta unha palmeira infestada, "apesta completamente", afirma Rosa. Ese cheiro a podre só é detectado polos humanos cando xa a enfermidade está moi avanzada, pero hai zonas ou países nos que están adestrando cans para poder detectalo antes e así poder abordar o asunto antes de que sexa demasiado tarde. "O noso olfato non chega a tanto, pero o dos cans si", apunta. Deste xeito, a palmeira afectada polo picudo remata morrendo polo efecto combinado das larvas e dos fungos, que destrúen por completo a súa xema terminal, o seu único punto de crecemento. E é que, contra o que moitas veces tende a pensarse, "as palmeiras non son árbores, son plantas, e só teñen un punto de crecemento, que é a xema terminal, polo que, se iso desaparece, morren", asegura a técnica de Areeiro.
Ademais, hai que ter en conta que os primeiros síntomas non son inmediatos, é dicir, non comezan a manifestarse no mesmo momento en que o picudo chega á palmeira, senón que "poden tardar entre seis meses e un ano en aparecer e facerse visibles dende o momento da infestación", asegura Rosa. É por iso que, cando aparecen eses primeiros sinais, xa adoita ser tarde, pois o interior está devastado e, para recuperar a planta, no caso de que aínda sexa posible, hai que realizar tratamentos moi custosos e complexos. Rosa detalla dous métodos principais: pola inxección ao tronco do tratamento ou por unha ducha que o pulveriza sobre a copa da palmeira. Neste último caso, asegura que hai que sumar un nivel máis de dificultade, pois "hai que asegurarse de que na ducha o produto se está aplicando xusto na parte central da copa, na xema terminal, onde están as larvas", o cal obriga a usar pértigas moi grandes e mesmo camións con cesta, o que encarece moito o procedemento.
"GALICIA É UNHA TERRA QUE OFRECE TODO TIPO DE HÁBITATS, O QUE FAI QUE SE POIDA DESENVOLVER TODO MARABILLOSAMENTE, INCLUÍDAS MOITAS PRAGAS"
Así mesmo, a técnica da Estación Fitopatolóxica Areeiro tamén advirte de que "con tratar unha palmeira e deixala libre de picudo nun momento concreto non abonda, hai que repetir periodicamente eses tratamentos para que o insecto non volva infestala". E é que despois de realizado o tratamento, e pasado un tempo, non hai garantías de que o picudo non volva. Como Rosa asegura, "o picudo veu para quedar, como acontece no caso dos humanos coa covid". Chegou á nosa terra e gustoulle tanto que atopou un espazo ideal para espallarse. "Galicia ten a particularidade de ser unha terra que ofrece todo tipo de hábitats, pois ten clima seco, húmido, frío, calor... Isto fai que aquí se poida desenvolver case de todo marabillosamente, incluídas moitas pragas", reflexiona. Esta praga, como outras moitas, chegou do Sueste asiático, epicentro mundial da produción de plantas, pero, como indica, "moitas veces estes insectos nin sequera veñen nunha planta, tamén poden chegar perdidos nun contedor de mercadorías e atopar cando chegan aquí un paraíso no que reproducirse e espallarse".
Afortunadamente, Rosa celebra que "temos moitas palmeiras e, aínda que o picudo foi quen de acabar con moitas delas, non con todas". "Algunhas sobreviven e hai concellos que adican importantes investimentos a realizar tratamentos continuos", afirma. Como exemplo, sinala que no Parque das Palmeiras de Pontevedra, aínda que se perderon moitos exemplares, aínda hai palmeiras que resisten. Con todo, tamén concede que "ben é certo que o picudo botou a perder palmeirais importantes", e pon como exemplo destes estragos irreversibles o palmeiral de Caldas de Reis, do que "xa non queda case nada". En Areeiro esta perda vivírona ben de preto, pois había dúas palmeiras enormes dianta dunha zona que se habilitou como laboratorio e, como conta Rosa, "primeiro morreu o macho e, ao ano seguinte, a femia, a pesar de que se lles realizaron tratamentos". Cal foi o problema neste caso? "Que había moitas palmeiras arredor, en casas particulares, e que a xente non lles estaba facendo eses tratamentos, en gran parte polo seu elevado prezo", lamenta.
"NON SE DEBE PODAR UNHA PALMEIRA INFECTADA NO VERÁN, CANDO AS TEMPERATURAS SON ELEVADAS, HAI QUE FACELO NO INVERNO, EN DÍAS DE FRÍO"
Pero a preocupación pola perda das palmeiras galegas non se trata só dunha cuestións paisaxística ou económica. As palmeiras teñen unha carga emocional moi forte en Galicia. Hai moita xente que chorou ao ter que cortar a súa palmeira, esa que leva tantas xeracións na casa, chegada con indianos que retornaban de América. Como lembra Rosa, "os pazos galegos todos teñen unha palmeira no seu xardín". É todo un símbolo dunha época de bonanza para aqueles que emigraran a América e retornaban con cartos. Era un mundo distinto, exento da globalización actual. Globalización que, como reflexiona a técnica, "ten moitas vantaxes, pero tamén trae cousas malas". "O movemento de persoas, mercadorías ou contedores tamén pode traer consigo pragas e enfermidades", sinala. Fronte a iso, precísase prevención, divulgación e actuar antes de que sexa tarde, porque o picudo, como todas as pragas actuais, non entende de fronteiras.
Finalmente, Rosa insiste nunha recomendación clave para a xente que ten palmeiras, estean ou non afectadas por picudo: nas zonas onde hai presenza do insecto, a poda de eliminación de follas mortas "non se debe facer no verán, cando as temperaturas son elevadas". "Hai que facelo só no inverno, nos días de frío", demanda. O motivo? Segundo sinala, "ao facer cortes, a palmeira emite un cheiro natural que atrae ao picudo", máis activo durante os meses de primavera e verán, cando a temperatura é máis alta e a humidade é moderada ou elevada. Estas condicións favorecen a súa reprodución e aceleran o seu ciclo vital. A femia pon entre 200 e 400 ovos aproveitando feridas ou cortes nas zonas brandas da palmeira, especialmente na xema terminal. Cada ovo, de aproximadamente un milímetro, eclosina entre os 2 e os 5 días. A fase de larva dura entre 1 e 3 meses, máis se hai máis frío. E, cando estas completan o seu crecemento, forman un capullo de fibras da propia palmeira, onde despois de entre 15 e 30 días se transforman en pupas. O escaravello adulto pode vivir de 2 a 3 meses e ten a capacidade de desprazarse varios quilómetros en busca de novas palmeiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.